A querela que a Fiscalía presentou contra dous altos cargos da Xunta de Galicia aos que atribúe os delitos de homicidio por imprudencia profesional grave e prevaricación no Xulgado número 3 de Santiago está armada con decenas de documentos, normativa da Consellería de Sanidade e testemuños de médicos que tiveron contacto directo cos pacientes. Pero sobre todo indaga nas historias clínicas de seis enfermos con hepatite C que acabaron morrendo en 2014. Tres deles non chegaron a recibir nunca tratamento, segundo o escrito do ministerio público. Para os outros tres os medicamentos chegaron demasiado tarde.
Un paciente no hospital de Santiago esperou máis de catro meses por uns fármacos que os seus médicos consideraban imprescindibles, tal e como fixeron constar en sucesivas alertas. Ata o punto de que o facultativo que o trataba escribiu nun informe remitido aos seus superiores que estaba a administrar fármacos a un enfermo "sabendo que non é o máis adecuado polos efectos que pode ter no fígado, pero que non lle queda outro remedio, mentres non poida acceder ao Sovaldi", escribe a denuncia da Fiscalía. Cando por fin, tras superar un labirinto burocrático, os medicamentos chegaron catro meses despois, o paciente "tiña o fígado esnaquizado e xa non achegou a efectividade pretendida". Parte dos trámites que alargaron o proceso durante semanas buscaban que o hospital puidese recibir de forma gratuíta o tratamento, accedendo a unha oferta que realizou un laboratorio farmacéutico para 300 pacientes en toda España.
Na causa que, de momento, persegue senllos delitos de prevaricación administrativa, cítase o caso dun sétimo paciente que logrou salvarse "saltándose todo o procedemento", despois de que a súa médica escribise unha carta á daquela conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera (que foi cesada no medio dunha crise de Goberno en outubro de 2015 cando xa a Fiscalía cursara peticións de documentación ao seu departamento) e aos dous altos cargos imputados: o director de Asistencia Sanitaria da Xunta, Félix Rubial Bernárdez, e a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado Mateo. Estas son as seis historias que recolle o sumario.
O "tratamento inadecuado" de Jesús C. R.
Este home foi clasificado no Hospital Clínico de Santiago de Compostela como "paciente afectado por unha hepatite recorrente post-transplante en febreiro de 2014 con mal prognóstico de supervivencia do enxerto", segundo revelou a biopsia que se lle realizou entón. O resumo do seu historial clínico, incorporado ao sumario, establece que os médicos que o atendían solicitaron o tratamento o 18 de marzo de 2014, despois de solicitar o consentimento informado do paciente. Nas observacións da solicitude, os médicos que o tratan escriben: "A situación clínica do paciente é preocupante tanto pola incerteza da evolución da hepatite recorrente como pola situación clínica actual".
As conclusións do informe da farmacia hospitalaria do clínico de Santiago aquel mes de abril subliñaban que o paciente "é candidato a recibir Sofosbuvir [o nome técnico do Sovaldi] e que esta é a opción máis idónea actualmente dispoñible para a supervivencia do enxerto". A empresa biofarmacéutica Gilead Sciences SL acepta o paciente para "uso compasivo" xa o 19 de marzo, ao día seguinte de recibir a petición, "sendo esta aceptación uno dos requisitos esenciais e estipúlase como custo da medicación 16.270 euros". Os médicos de Jesús C. R. solicitaban que se lle administrase unha combinación de tres fármacos que se relevaron moi efectivos contra esta variante da hepatite: Sofosbuvir, Interferón e Rivarina.
A denuncia sostén que pasaron 64 días sen que se solicitase á subcomisión específica da Xunta para a hepatite C que autorizase o tratamento "e sen dar prioridade a tal solicitude, a pesar da urxencia da devandita petición"
O 22 de abril, seguindo o trámite previsto, o servizo de farmacia do hospital emitiu un informe favorable que remitiu á Subdirección Xeral de Farmacia do Goberno galego. Con todo, segundo a Fiscalía, a documentación enviada ao Ministerio Público por esa Subdirección Xeral cando arrincou a investigación fai constar o 1 de xullo como data de entrada da petición, obviando un correo electrónico anterior, enviado o 28 de abril de 2014. A denuncia sostén que pasaron 64 días sen que se solicitase á subcomisión específica da Xunta para a hepatite C que autorizase o tratamento "e sen dar prioridade a tal solicitude, a pesar da urxencia da devandita petición". En metade da espera, un laboratorio farmacéutico ofreceuse a correr co custo de 300 tratamentos en toda España, sempre que se desen unhas condicións moi concretas, o que levou ao Goberno galego a iniciar de novo o procedemento para lograr que fose o laboratorio o que financiase os medicamentos deste paciente. Esa decisión atrasou durante semanas a chegada dos fármacos.
Mentres corría ese tempo -crucial segundo os expertos para un enfermo con ese prognóstico-, o médico que trataba a Jesús C. R. fixo constar por escrito que ao non dispor de Sofosbuvir tíñalle que "fornecer Interferón e Rivavirina, aínda sabendo que este tratamento non era o máis adecuado, pero era o único do que dispuña nese momento para tentar salvar o fígado do paciente, perdendo a oportunidade única de non desenvolver un rexeitamento crónico, como grave risco do uso do Interferón".
O 7 de maio de 2014, a Axencia Española do Medicamento remitiu un correo a todas as comunidades autónomas para comunicar ese cambio substancial nas condicións de acceso ao Sofosbuvir (o nome técnico do Sovaldi). O laboratorio farmacéutico Gilead -ao que xa se pedira a medicación de Jesús- comprometíase a asumir o financiamento deste fármaco en tratamentos que duren máis de 12 semanas para un máximo de 300 pacientes e só até o 31 de agosto. A farmacéutica incluía nese programa gratuíto a tres tipos de enfermos: os que estivesen en lista de espera para transplante hepático e requiran tratamento para previr infeccións, os pacientes trasplantados que presenten "recorrencia agresiva", e os que xa estivesen a recibir tratamento e precisasen de dose para outras doce semanas.
No caso de Jesús, a Xunta aforraría 16.270 euros se o laboratorio pagaba os seus medicamentos, posibilidade que enredou o proceso burocrático aínda máis
A oferta do laboratorio era daquela relevante para as administracións sanitarias porque Gilead ofrecíase a pagar 300 tratamentos que até ese momento se financiaban -con moitas restricións- con diñeiro público. O propio ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, cifrou o pasado xoves en 1.050 millóns de euros o gasto en tratamentos da hepatite durante 2015 e defendeu que é un dos motivos que explican que se disparou o déficit. No caso de Jesús, a Xunta aforraría 16.270 euros, se Gilead accedía a pagar aos seus medicamentos.
A posibilidade de que o laboratorio correse cos gastos provocou que o proceso burocrático se enlease aínda máis. Só un día despois do anuncio da Axencia Española do Medicamento, a Dirección de Asistencia Médica da Xunta reclamou (o 8 de maio de 2014) aos hospitais galegos -incluído o de Santiago, onde estaba ingresado Jesús- unha nova lista de pacientes que cumprisen cos requisitos establecidos pola empresa farmacéutica. Segundo a denuncia da Fiscalía, esa decisión "dilata o trámite previo e incumpre os propios protocolos, porque en realidade xa fora formulada a solicitude do seu tratamento adecuado e de forma urxente, dada a gravidade do paciente".
O 20 de xuño, o hospital de Santiago fai un novo resumo dos pacientes que precisan o tratamento con informe favorable (esta é a petición que rexistra a Dirección Xeral de Asistencia Médica datada o 1 de xullo, dous meses despois de que se fixese a primeira). O 7 de xullo reclámanse novos informes que o centro hospitalario remite un día despois e a Dirección Xeral de Farmacia autoriza o 11 de xullo un tratamento de 12 semanas, conforme á petición formulada polo médico responsable.
Por fin, solicítase a súa aprobación a Bristol -o laboratorio Gilead xa o autorizara antes para Jesús C. R. con outra combinación distinta e un orzamento de 16.270 euros fóra do seu programa gratuíto- pero a farmacéutica responde que só financia a medicación para 24 semanas (non para 12) e esixe ao médico de Jesús modificar a prescrición e solicitar Sofosbuvir e Dacatasvir (outro fármaco especial) para 24 semanas se quere obter a medicación de forma gratuíta.
O 7 de agosto de 2014, tres meses e medio despois da primeira petición dos fármacos especiais, o paciente Jesús C. R. presenta unha deterioración clínica e aprémase á farmacia do hospital para que compre a medicación.
A Fiscalía: "Xa é tarde para o paciente, xa que Jesús ten o fígado esnaquizado"
Vinte e catro horas máis tarde, a doutora a cargo do enfermo cumprimenta un novo trámite solicitando a medicación para 24 semanas que leva a data do oito de agosto. E esta vez a resposta desde Bristol é afirmativa. Segundo a cronoloxía da denuncia, aí iníciase por fin o tratamento. Escribe a Fiscalía: "Aínda que xa é tarde para o paciente, xa que Jesús ten o fígado esnaquizado e xa non fornece a efectividade pretendida".
O 28 de agosto de 2014, o estado de Jesús agrávase. O diagnóstico médico sinala "un rexeitamento crónico por inmuno-aclaramento do virus, polo uso de interferón", a medicación que o seu médico tivo que administrar a pesar de considerala inadecuada por non dispor dos fármacos especiais. O 3 de setembro de 2014 certifícase a defunción do paciente, "por unha disfunción do enxerto de rexeitamento crónico".
David G. B: Datas que non cadran no informe oficial
Este paciente estaba en lista activa de transplantes desde o 30 de abril de 2014 e, como tal, segundo a normativa da Xunta, era un posible candidato ao tratamento da hepatite crónica. Segundo a súa historia clínica, o médico ao seu cargo solicitou a medicación en maio de 2014 e esta fora concedida polo laboratorio.
O 11 de xuño, detalla a denuncia da Fiscalía, establécese pola Subdirección Xeral de Farmacia -que dirixe Carolina González-Criado Mateo, un dos dous cargos públicos imputados- que non cumpría os requisitos e que por tanto "non foi avaliado, nin remitida a petición do facultativo responsable á subcomisión [da Xunta que analiza cada caso] establecendo uns novos criterios que non constan regulados nin autorizados con carácter previo, nin remitidos aos facultativos omitiendo o procedemento por eles mesmos regulados".
A solicitude non foi admitida, segundo a Fiscalía, con "novos criterios non regulados nin autorizados"
O 2 de setembro de 2014 os médicos volven reclamar o tratamento para David G. B. O 27 de outubro de 2014, cinco meses despois e ante a falta de resposta do Servizo Galego de Saúde, cúrsase unha nova solicitude. A pesar de que a petición advertía da urxencia, non recibe contestación. E a dirección do hospital insiste o 20 de novembro. Esta última data é a que rexistra a Dirección Xeral de Asistencia Médica como data de solicitude de tratamento na documentación que remite ao xulgado. A Fiscalía dá por feito que a verdadeira petición fora en maio de 2014 (seis meses antes) e que non se tramitou.
O 2 de decembro a Subdirección Xeral de Farmacia do Goberno galego contesta afirmativamente á solicitude. O 19 de decembro o hospital recibe a medicación. Cando se lle ía a fornecer, xa se produciu o falecemento, como se lle comunicou á familia.
"O dilatado prazo" que Félix T. R. non puido aguantar
Ingresou no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña o 7 de abril de 2014 co seguinte diagnóstico: "disfunción do enxerto hepático e con recidiva viral". A dirección dese hospital público tramitou a petición do tratamento o 23 de abril de 2014. No seu historial clínico consta o informe da farmacéutica Gilead en abril de 2014, onde se reflicte a necesidade do tratamento, xa que "sofre de hepatite recorrente grave con empeoramento no últimos tres meses". A entrada na Subdirección Xeral de Farmacia consta o 2 de maio de 2014, aínda que este organismo devólveo o 22 de maio sen pronunciarse sobre a petición formulada. Dita solicitude non se rexistra até o 2 de xuño, segundo se deriva a documentación remitida ao xulgado cando empezou a investigar estas prácticas. A Fiscalía alerta do "dilatado prazo que transcorre desde que se reclamou a primeira vez o tratamento ata que entra na Subdirección Xeral de Farmacia da Xunta. O paciente recibe a medicación o 18 de xuño de 2014. Morre o 25 de setembro dese mesmo ano.
Isolina S. P: Un tratamento tardío que xa non fixo efecto
Os medicos de Isolina S. P. reclamaron a medicación o 20 de xuño de 2014 desde o Hospital Clínico Universitario da Coruña onde estaba ingresada. Non lle foi autorizado até o 13 de xaneiro de 2015, sete meses máis tarde. O sete de febreiro, segundo a denuncia da Fiscalía, "tívoselle que retirar a medicación xa que ante o atraso na súa dispensa, a paciente empeorou". Morreu o 10 de febreiro de 2015.
"As reiteradas peticións" de José Ramón R. G.
Este home era, segundo os informes médicos incorporados ao sumario, "un paciente afectado por hepatite crónica que non responde o tratamento antiviral con Interferón". Os facultativos do Hospital Clínico Universitario da Coruña pediron a medicación o 10 de xaneiro de 2014, "como paciente trasplantado hepático en 2004, candidato ao retrasplante pola súa idade" (tiña 53 anos). Os médicos subliñan que non é adecuado o tratamento con Interferón e solicitan o Sovaldi combinado con Ribavirina para 12 semanas. O 28 de xaneiro de 2014 e o 12 de febreiro reiteran esas peticións cando se agravaba a saúde de Isolina S. P. O 14 de marzo o médico ao seu cargo volve prescribir o Sovaldi sen obter resposta.
O 21 de marzo faise constar na historia clínica, que se solicita tratamento e este, autorizado polo laboratorio, responde que non hai financiamento e están pendentes de recibir resposta do Sergas
O 21 de marzo faise constar na historia clínica, que se solicita tratamento e este, autorizado polo laboratorio, responde que non hai financiamento e están pendentes de recibir resposta do Servizo Galego de Saúde. O 1 de abril do 2014 recibe autorización do laboratorio que xa fai constar na historia clínica que o financiamento foi denegada. A Subdirección Xeral de Farmacia da Xunta, con todo, rexistra a petición con data de entrada 22 de maio de 2014.
O 2 de xuño de 2014 obtense resolución favorable da subcomisión para a prescrición de Sofosbuvir e Daclatasvir, "aínda cando na historia clínica consta o 30 de xuño de 2014", relata a denuncia. O informe de finalización de tratamento fai constar que recibe a medicación con Sofosbuvir e Daclatasvir desde o 18 de xuño de 2014 até o 6 de agosto, día en que o paciente morre.
María José e José Emilio: "Non consta o tratamento"
María José I. M. No caso desta paciente con hepatite C a solicitude de Sofosbuvir e Simeprevir asinada polos seus médicos leva a data de 12 de decembro de 2014 e é autorizada o 30 de xaneiro de 2015. O 19 de decembro de 2014 figura na súa historia clínica que será vista por un doutor (cuxo nome indica) para o inicio do tratamento antiviral, aínda que no informe non consta que recibise tratamento. Como o resto de pacientes que motivan a denuncia, morre.
En xuño xa figura como autorizado o tratamento, pero en agosto aínda non consta a medicación
José Emilio F. B. Era un enfermo de hepatite que estaba ingresado no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O seu caso relátase na peza documental número 10 incorporada ao sumario. Os médicos que o atenden solicitan un tratamento de Telaprevir, Ribavirina e Pegifn o 11 de febreiro de 2013. O 16 de maio, escribe o seu historial médico, a petición continúa sen se resolver. Segundo a documentación do hospital remitida ao xulgado, o 7 de xuño de 2013 figura como autorizado o tratamento, "pero o 21 de agosto [dous meses e medio despois] non consta a medicación". O paciente falece o 13 de setembro de 2013.
O tres cartas que salvaron a vida a B.
A denuncia por prevaricación e homicidio por imprudencia profesional grave contra os dous altos cargos da Consellería de Sanidade da Xunta reserva espazo a un caso excepcional: o do paciente B. P. L., vítima dos mesmos atrasos que o resto de pacientes ata que a médica que o trataba decidiu enviar varias cartas á conselleira de Sanidade de entón, Rocío Mosquera, e aos dous altos cargos imputados neste caso. Nelas alertaba de que a vida do enfermo corría perigo se non recibía a medicación.
O seu caso arrincara no hospital de Monforte de Lemos (Lugo) como o resto: con atrasos e dilacións. A súa médica solicitou para el un tratamento con Sofosbuvir o 29 de marzo de 2014. O 3 de abril, o laboratorio Gilead respondeu autorizándoo, pero o 13 de abril a decisión da Xunta de financialo seguía no aire.
"Como ninguén contesta, dirixe esas cartas á conselleira, ao director xeral e á directora de Farmacia"
O 28 de abril figura na causa un correo solicitando á Dirección Xeral de Atención Médica o tratamento, igual que fixo o paciente Jesús C. R. que acabou morrendo.
A fiscal escribe no seu escrito: "Como ninguén contesta, o 15 de maio de 2014, [a súa médica] dirixe esas cartas á conselleira de Sanidade, ao director xeral de asistencia médica e á directora de Farmacia, saltándose todos os trámites e destacando a urxencia do caso e a gravidade do paciente, xa que, de non recibir tratamento de forma inmediata morrería".
O director xeral de Asistencia Médica da Xunta, Félix Rubial Bernárdez, un dos dous cargos públicos imputados neste caso, contesta á médico de Lugo "sancionando que non se seguiu o trámite previsto, aínda que, contesta autorizándoo sen informe de subcomisión. O custo do tratamento é de 48.810 euros e para 12 semanas. Fornéceselle e neste caso o paciente logra salvarse.