Recuperando a memoria histórica na Barcala, un proceso dende a sociedade civil

O centro de Negreira © Turgalicia

A pesar dos avances que se veñen producindo en moitos concellos no referente á aplicación da Lei de Memoria Histórica (as cidades da Coruña e Lugo son os exemplos máis recentes) son moitas as localidades que aínda menteñen simboloxía franquista nas súas rúas e nas que non se fixo ningún tipo de recoñecemento ou homenaxe aos veciños e veciñas que foron represaliados. Sobre todo en vilas e concellos de pequeno tamaño, nos que en ocasións este tema nin sequera é obxecto de debate público. Este podía ser o caso de Negreira e A Baña, os dous concellos da Comarca da Barcala, onde unha entidade social, a Asociación Cultural Afonso Eanes, decidiu tomar a iniciativa para esixir o cumprimento da lei nestas localidades e conseguir unha "reparación moral" ás persoas que sufriron persecución polas súas ideas. O proxecto conseguiu xa a aprobación dunha declaración institucional por parte do pleno municipal de Negreira que, de momento, non incorporou medidas concretas, algo que "preocupa á entidade".

O proxecto conseguiu xa a aprobación dunha declaración institucional por parte do pleno municipal de Negreira que, de momento, non incorporou medidas concretas, algo que "preocupa á entidade"

O pasado mes de novembro a asociación elaborou un dossier histórico para acompañar o proxecto e apoiar a proposta que despois realizaron a todas as forzas con representación municipal. No documento describíase o efecto da represión exercida durante a guerra civil, a postguerra e a ditadura, a partir da base de datos do proxecto Nomes e Voces, que recolle os datos de 18 persoas na Baña e 47 en Negreira que foron executadas, encarceradas, xulgadas ou das que non se ten constancia da súa situación, figurando como "desaparecidas". O dossier enunciaba o obxectivo da campaña: "Reparar e recuperar a memorias desas persoas ás que non se lles rendeu homenaxe, máis aínda cando moitas delas se identificaron coa defensa do réxime democrático". E realizaba unha proposta concreta de homenaxe: inaugurar neste 2016 (80 aniversario da sublevación militar) dúas placas conmemorativas nas fachadas das casas do concello de Negreira e A Baña, homenaxeando a “toda a veciñanza da Baña e Negreira que sufriron a represión durante a guerra civil e a ditadura franquista entre 1936 e 1977”.

A base de datos do proxecto Nomes e Voces recolle os datos de 18 persoas na Baña e 47 en Negreira que foron executadas, encarceradas ou xulgadas

Así mesmo, pedía a retirada "de toda simboloxía da ditadura franquista dos espazos públicos da comarca" (dúas placas dos caídos e algunhas fontes públicas), cuxa localización tamén se detallaba, así coma as posibles honras ou recoñecementos simbólicos a representantes da ditadura que puidesen existir. Finalmente, demandaba a aprobación, por parte dos plenos municipais, dun texto breve que recoñecese "a dor sufrida por toda aquela veciñanza que inxustamente sufriu a violencia de distinto grao pola súa opinión política durante a ditadura".

En xaneiro a asociación mantén unha xuntanza a todos os grupos políticos con representación municipal (PP de Negreira e PP da Baña, PSOE de Negreira e o PSOE da Baña, Ciudadanos de Negreira, CxG da Baña), e en febreiro reúnese cos dous alcaldes (por Negreira o socialista Jorge Tuñas e por A Baña o popular Andrés Garcia Cardeso), para debater a proposta, que en xeral é ben recibida, aínda que os representantes da Afonso Eanes lles esixen aos rexedores que adopten decisións concretas. A entidade fixa dúas localizacións concretas para as dúas placas conmemorativas e, ademais, propón unha data para a homenaxe (4 de xuño), "por ser un día baleiro de significado político que poida dificultar o acordo" e por ser o día (en 1937) no que mataron 5 dos 9 veciños executados en total en toda a comarca de Barcala.

A asociación propón unha data para a homenaxe (4 de xuño) por ser o día (en 1937) no que mataron 5 dos 9 veciños executados en total en toda a comarca de Barcala

O pasado 14 de marzo o pleno de Negreira aprobou por unanimidade unha declaración institucional na que PSOE, PP e Ciudadanos expresan "o noso máis enerxico rexeitamento a calquera proceso golpista, guerra civil e reximes dictatoriais pasados, presentes e futuros que atenten contra os principios democráticos do noso pais ou en calquera lugar do mundo" e manifestan que "coincidindo no espírito da proposta presentada pola Asociación Cultural Afonso Eanes" será esta Corporación "a que decidirá como, cando e onde realizar dita homenaxe para todos aqueles que foron perseguidos pola sua ideoloxía relixiosa ou política e que propiciaron a instauración da democracia". No pleno celebrado na Baña o alcalde Andrés Garcia Cardeso -que conta con maioría absoluta- amosouse favorable á declaración institucional aprobada en Negreira.

Porén, as declaracións non incorporaron compromisos concretos e nas últimas semanas os gobernos municipais tampouco adoptaron decisión ningunha para dar cumprimento ás peticións da entidade, que amosa a súa "preocupación", á vez que "lamenta non ter recibido ningunha resposta concreta ás tres cuestións que lles formulamos tanto aos grupos políticos como ao alcalde", aos que solicitaron un acordo sobre o lema da placa, o lugar de colocación e a data de celebración da homenaxe.

A entidade preguntará de novo á corporación municipal "se ten a intención real ou non de levar adiante a homenaxe"

A asociación di que se manterá "vixiante" e preguntará de novo á corporación municipal "se ten a intención real ou non de levar adiante a homenaxe, xa que entendemos que non existen motivos xustificados para dilatar de xeito indefinido o devandito acto". Asegura, ademais, que continuará "cos traballos de exploración doutras alternativas para facermos realidade a homenaxe dos represaliados neste ano 2016 baixo a nosa responsabilidade". "Non descartamos a posibilidade de solicitar ao goberno do concello de Negreira un espazo público para levar adiante unha homenaxe aos represaliados e colocar nun espazo público do concello unha placa nun monólito", din.

Este venres 22 de abril ás 21 horas a entidade organiza unha unha presentación pública do proxecto na Casa da Cultura de Negreira. Intervirán Olalla Liñares (vicepresidenta da Asociación Cultural Afonso Eanes), Bruno Esperante (secretario da entidade e membro do Grupo Histagra, da USC) e Gustavo Hervella (Grupo Histagra). Asociacións de memoria histórica de toda Galicia aprobaron o pasado mes de novembro a Declaración de Vilaboa: Dez demandas contra "o esquecemento das vítimas da represión".

 

O Concello de Agolada négase a cumprir a lei

Hai uns días o alcalde de Agolada, Ramiro Varela, reafirmou a negativa do goberno local a cumprir coa Lei de Memoria Histórica, atendendo a unha petición online lanzada recentemente, como xa fixera hai anos ante unha demanda realizada pola oposición municipal. A petición solicitaba "a retirada dos símbolos franquistas que en aínda perviven no municipio", entre eles os monumentos aos caídos na igrexa parroquial de Borraxeiros, na igrexa parroquial de Brocos e na igrexa parroquial de Sexto e a denominación da Praza do Generalísimo, que segue dando nome ao espazo no que se ubica a Praza do Concello.

O rexedor, en declaracións a Faro de Vigo, afirmou que "non moverei ficha", negándose a atender a solicitude e asegurando que non é necesario mudar o nome de Praza do Generalísimo, pois "todo o mundo en Agolada a coñece xa como Praza do Concello". O alcalde cualifica a petición de "partidista" e sinala que "obedece a unha forma de pensar, non a unha necesidade real de Agolada". "Non sería lóxico sacar os nomes dun bando para poñer os do outro", engadiu.

 

O centro de Negreira © Turgalicia
Concello de A Baña Dominio Público Praza Pública
Cartel do acto que se celebrará este venres en Negreira © A.C. Afonso Eanes

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.