0 Gardados para despois

Semana de avances no cumprimento da Lei de Memoria Histórica, que ten aínda tarefas pendentes

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Esta semana A Coruña e Lugo deron novos pasos adiante no cumprimento da Lei de Memoria Histórica, que dende o ano 2007 obriga á eliminación de símbolos ou mencións de "exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura. Porén, en Galicia hai aínda tarefas pendentes de cara á completa supresión destes elementos, por exemplo en Ribeira, Vigo, Ferrol, Celanova, Coirós ou Beade, entre outras localidades.

O pasado 14 de abril, aniversario da proclamación da Segunda República, a rúa División Azul desapareceu para sempre da cidade herculina, dando paso á rúa Antón Vilar Ponte, en homenaxe do nacionalista e republicano coruñés. Na inauguración da placa o alcalde Xulio Ferreiro destacou que o acto supuña “a desaparición no rueiro, derrotada pola historia, dunha división que excluía, para que volva á nomenclatura dos nosos lugares comúns un persoeiro único, patrimonio de todos e todas aquelas que cremos na forza da democracia e da cultura”. Tamén este xoves o Parlamento galego aprobaba por unanimidade a eliminación da simboloxía franquista do Instituto Lucus Augusti, no que aínda se mantiña unha gran vidreira co escudo do réxime, que tamén presidía a fachada do edificio.

A Coruña e Lugo son as cidades que máis avanzaron no último ano no cumprimento da Lei de Memoria Histórica. O pasado 8 de abril Lugo completou a substitución de placas catro rúas que estiveran dedicadas a figuras representativas da ditadura, aplicando o acordo adoptado pola corporación no derradeiro pleno do anterior mandato, cando PSOE e BNG votaron -coa oposición do PP- mudar a denominación de sete vías e retirar o título de alcalde honorario perpetuo ao propio Francisco Franco. A pasada semana retiráronse por fin as placas da rúa General Tella, da rúa Cedrón del Valle, da rúa Irmáns Pedrosa e da rúa Carlos Azcárraga.

De igual xeito, A Coruña, que ata o pasado 24 de maio era a cidade galega que máis incumpría a lei, conseguiu nos últimos meses quitar de enriba esa pouco gratificante condición. O Goberno municipal foi aplicando o acordo municipal que dende setembro de 2009 obrigaba á eliminación de 52 símbolos franquistas da cidade, entre eles o nome de 23 rúas. Dende febreiro, na Coruña desapareceron os nomes e as placas da Avenida de Alférez Provisional, do Viaduto do Generalísimo, da rúa Salvador y Merino, da rúa Pepín Rivero, da rúa Arcadio Vilela Gárate, da Avenida General Sanjurjo, da Avenida dos Caídos ou da rúa Teniente General Gómez Zamalloa, recuperando estas vías o seu nome popular e orixinal ou honrando outras persoas e conceptos ben distintos.

Lugo e A Coruña foron dous dos concellos galegos denunciados o pasado ano polo avogado Eduardo Ranz por manter símbolos franquistas, xunto con Betanzos, Coirós, Verín, Celanova, Vigo, o arcebispo de Santiago e os bispos de Ourense e Tui-Vigo. O pasado mes de febreiro Betanzos mudou o nome da rúa Julio Pérez Salas (xeneral franquista), que pasou a denominarse rúa Os Caneiros; ademais, a Pérez Salas fóronlle retirados os títulos honoríficos que posuía (medalla de prata da vila) e o seu retrato deixou de presidir unha das paredes da Casa do Concello. Betanzos tamén retirou o resto de distincións e honores concedidos a Franco e outros persoeiros da ditadura (Fernando Fuentes, Ramón Ferreiro, José Antonio Girón, José Solís...), dando cumprimento -despois de dez anos- ao acordo plenario adoptado neste senso en 2005.

 

Incumprimentos da lei

O pasado ano o pleno de Coirós comprometese á retirada de toda a simboloxía conmemorativa da sublevación militar e da Ditadura, Porén, doce meses despois a Cruz dos Caídos segue en pé

E aquí é onde comezamos co capítulo de tarefas pendentes, decisións que aínda deben adoptar algúns concellos galegos, e outras institucións (dende a Igrexa ao Exército), para cumprir coa lei que o vindeiro ano levará unha década en vigor. O pasado ano o pleno de Coirós comprometese á retirada de toda a simboloxía conmemorativa da sublevación militar e da Ditadura, especialmente o monumento aos caídos a carón do Concello. Porén, doce meses despois a Cruz dos Caídos segue en pé, ao igual que outros elementos menos visibles (escudos, placas...).

En Vigo, a pesar das denuncias e da mobilización social, o Concello négase a retirar a Cruz do Castro, construída en 1961 para homenaxear os caídos do bando franquista. Unha sentenza do TSXG anulou en febreiro do 2015 o ditame que obrigaba o Goberno municipal a retirar o monumento, aínda que a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 levou o tema ao Tribunal Constitucional grazas a unha campaña de crowdfunding. De igual xeito, en Celanova mantense o nome de Avenida López Blanco, un mozo franquista que morreu na Guerra Civil. E en Verín aínda está pendente de ser retirado o escudo franquista no antigo edificio da alfándega, na fronteira con Portugal. 

Nas últimas semanas creceu a polémica en Ribeira, tras negarse o PP a modificar o nome dunha rúa que leva o nome dun alcalde franquista da vila

Nas últimas semanas creceu a polémica en Ribeira, tras negarse o PP a modificar o nome dunha rúa que leva o nome dun alcalde franquista da vila, como fora proposto por BNG, PSOE e Ciudadanos. Miguel Rodríguez Bautista foi ademais xefe local da Falange. O alcalde da localidade, Manuel Ruiz Rivas, chegou a publicar unha carta aberta na prensa local, defendendo a continuidade da rúa, alegando que "non hai nin unha soa evidencia de que en Ribeira se represaliase" por mandato "deste señor", o que foi respondido por entidades sociais e por descendentes dalgunha das vítimas da represión. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, que tamén pide que se modifique o nome da rúa Diego Delicado (deputado nas Cortes Franquistas), difundiu o venres un comunicado no que amosou a súa "repulsa e desencanto polo comportamento do grupo municipal do PP, empeñado en seguir a negar a historia, seguir co discurso errado de non abrir as feridas, perdendo unha oportunidade histórica de pechar un capítulo oscuro da nosa comunidade, e reparar dunha vez por todas os danos morais as familias e vitimas do franquismo".

Tamén hai tarefas pendentes en Ferrol. A pesar de que foron retirados os obxectos e elementos máis rechamantes (comezando pola coñecida estatua ecuestre do ditador, ou a cruz que dominaba a praza de Amboaxe ou os escudos franquistas presentes na Casa do Concello e na Biblioteca), mantéñense aínda varios nomes de rúas ilegais no trazado do Arsenal, así como un escudo no antigo edificio da alfándega, propiedade do aínda do Estado central, aínda que o Concello solicitou o seu traspaso.

O Arsenal militar de Ferrol mantén 10 rúas con denominacións ilegais

En canto ás rúas do Arsenal, a súa modificación é responsabilidade do Ministerio de Defensa, que si aceptou retirar hai dous anos a placa da rúa Almirante Carrero Blanco. Porén, esta rúa (interna, a elas só se pode acceder con autorización militar) mantén a súa denominación, o mesmo que as dedicadas ao Almirante Vierna, ao Crucero Baleares, ao Soldado Lois, ao Almirante Fernández Martín, ao Marqués de Alborán, ao Almirante Honorio Cornejo, a Cándido Pérez, a Salvador Moreno e a González-Llanos. A decisión de bautizar con estes nomes algunhas rúas do Arsenal, destaca o Diario de Ferrol, foi tomada “por militares nostálxicos da ditadura franquista” tralo acordo plenario que en 1981 aprobou o cambio de nome de 61 rúas da cidade. O alcalde Jorge Suárez instou en febreiro a Defensa a modificar estes nomes, e tamén o fixo En Marea no Congreso o mes pasado.

Non son os únicos casos. Son varias as localidades galegas que manteñen intactos elementos simbólicos, físicos ou nas denominacións das súas rúas e espazos públicos, con ligazóns á ditadura franquista. Abonda con mirar a Beade (concello coñecido polas declaracións de exaltación da ditadura efectuadas polo seu alcalde), cruzado pola Rúa Caudillo. Ou a Nigrán e Baiona, que xunto a Vigo manteñen aínda numerosos elementos denunciables. Ou a numerosos edificios relixiosos, coma a Catedral de Ourense, con exaltacións ao bando gañador da guerra civil. Ou a varias rúas ou infraestruturas que seguen a levar nomes de ministros da ditadura (Fernández Ladreda, Pita da Veiga...).

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.