Fernán Vello: "Con esta folga de fame queremos que a xente se posicione contra a ignominia"

Miguel Anxo Fernán Vello, as portas do Congreso Dominio Público Praza Pública

Miguel Anxo Fernán Vello, deputado de En Marea no Congreso, iniciou este mércores pola tarde unha folga de fame para protestar contra o acordo UE-Turquía e para alertar sobre a situación dos refuxiados e refuxiadas. Fernán Vello uniuse a outros tres deputados de Equo e Podemos -Pedro Arrojo, Jorge Luis Bail e Eduardo Santos- que iniciaron a acción o pasado sábado. Este mércores ao mediodía os catro ofrecerán unha rolda de prensa para explicar as razóns e obxectivos da iniciativa, que busca contribuír a "crear en todo o Estado unha corrente de apoio cara á situación dos refuxiados e refuxiadas, que a cidadanía tome posición fronte á ignominia, fronte a este desprezo á vida humana que está demostrando a UE".

"A situación é moi grave. En Grecia hai máis de 46 mil refuxiados e inmigrantes que están atrapados en 31 campos de concentración, nunha situación indigna, con problemas de alimentación, con nenos e nenas nunha situación física lamentábel", destaca Fernán Vello. "É o Cuarto Reich. Recorda moito a escenas dos campos de concentración nazis", engade.

"Sentimos unha profunda responsabilidade ética e política que nos leva a denunciar a situación", sinala. "O Goberno e os concellos (agás algunhas excepcións) non están dando unha resposta política ante esta traxedia. É sorprendente a falta de reacción política e social ante o que está sucedendo: milleiro de deres humanos que están vivindo en condicións extremas, en Europa e en pleno século XXI ", denuncia. "Quen ten que tomar posición é a cidadanía, a xente do común. Si que hai xente que se dirixiu ás institucións, aos concellos, para ofrecer a súa axuda e para ofrecer as súas casas para acoller a estas persoas. Pero debe haber un clamor social que obrigue a UE a tomar medidas ante esta situación", conclúe.

"Debe haber un clamor social que obrigue a UE a tomar medidas ante esta situación"

Os catro deputados permanecerán no hemiciclo ao longo de todo o día para facer visible a súa protesta. Miguel Anxo Fernán Vello terá que abandonar a folga de fame mañá pola tarde para participar en Compostela no Acto de Rendición de Contas que organiza En Marea.

Nas últimas semanas leváronse a cabo algunhas mobilizacións contra o acordo UE-Turquía e para alertar da situación que están a vivir as persoas refuxiadas. De igual xeito, Izquierda Unida presentou unha querela contra Mariano Rajoy por asinar o acordo. E EU está a realizar en Galicia unha serie de actos en varias cidades e vilas para promover o debate sobre a situación de migrantes e refuxiados/as. Este venres pola tarde celebraranse en varias cidades de todo o Estado (Madrid, Zaragoza, Bilbao, Valencia...) vixilias de 24 horas para denunciar a situación dos refuxiados e refuxiadas. De igual xeito, en Compostela está convocada unha manifestación, este sábado ás 13 horas, convocada pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas.

Miguel Anxo Fernán Vello, as portas do Congreso Dominio Público Praza Pública
Os outros tres deputados, no Congreso Dominio Público @pericoarrojo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.