Os centros galegos comezaron este mércores a reválida de 6º de Primaria, aínda que nin moito menos coa presenza habitual de alumnos nas aulas. A chamada ao boicot por parte das asociacións de nais e pais, sindicatos educativos e a propia oposición -que a reiterou hoxe mesmo- baleiraron moitos colexios, principalmente os públicos, segundo os datos recollidos polas anpas e a falta das cifras oficiais da Xunta.
As anpas cifran o absentismo nos centros públicos entre un 70 e 80% aproximadamente
"Estamos moi satisfeitos da resposta das familias", coincidían en sinalar as anpas transcorrida a mañá ante os datos que ían chegando dos centros. Cifraron o seguimento do boicot entre máis dun 67% e o 80% no ensino público, aínda que con cifras moi diferentes segundo comarcas e mesmo algúns colexios, onde houbo aulas totalmente baleiras xunto a outras cheas. Nestes casos, desde as asociacións de nais e pais atribúen estas diferenzas "á incidencia do profesorado, tanto a favor de elaborar as reválidas como en contra".
Así, os datos da Confapa cifran o absentismo no 67,2% do alumnado de 6º de Primaria dos centros públicos, mentres que a Confederación de Anpas Galegas elévao a sobre un 80%, sendo a Costa da Morte unha das zonas onde menas familias enviaron os seus nenos a clase. A Consellería de Educación recoñece un 40% incluíndo nos seus datos os colexios privados e concertados, o que implica unhas cifras moi semellantes ás que dan as asociacións de pais e nais.
A Xunta recoñece un 40% de absentismos incluíndo os centros privados e concertados
O elevado absentismo supón un éxito para a comunidade educativa, moi maioritariamente contraria á Lomce e a estas probas, que supoñen precisamente unha das primeiras aplicacións da comprometida lei Wert. Uns 22.000 alumnos estaban chamadas a esta reválida en Galicia, unha das primeiras e das poucas comunidades en levala a cabo comenzando polos exames de lingua castelá e matemáticas, que se desenvolveron este mércores. O xoves tócalle a lingua galega e ciencia e tecnoloxía, e o venres, lingua estranxeira.
"Isto non é un mérito das anpas, senón que é froito dun convencemento previo das familias"
"Isto non é un mérito das anpas, senón que é froito dun convencemento previo das familias", explica Fernando Lacaci, vicepresidente da Confederación de Anpas Galegas, que xunta oito federacións galegas de diferentes zonas. "A ver se desta vez imos acabando coa Lomce", reitera Helena Gómez, presidenta de Confapa-Galicia (Confederación de Anpas Galegas de Centros Públicos).
O éxito deste boicot, que implica que cando menos nos centros públicos tan só dous de cada dez alumnos asistiron a clase, sería aínda maior ao do impulsado o pasado ano, cando a Xunta recoñecera un absentismo do 30% que os datos da Confapa elevaran ao 60%. Ao tempo que se desenvolvía estas probas, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Pública concentrouse diante da Consellería de Educación mentres o conselleiro, Román Rodríguez, volvía defender as reválidas, limitándoas a "un diagnóstico dos centros e do seu nivel para destecar eivas e corrixilas".
A Plataforma cualificou de "éxito" a ausencia masiva de alumnado á realización das reválidas e o "rotundo rexeitamento" á Lomce que isto supón. “Desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo docente xogándose o alumnado todo a unha proba, sen considerar a opinión e avaliación do seu profesorado”, insistiu.
Toda a oposición pediu no Parlamento a paralización da Lomce e das reválidas: "é o lóxico e normal como se fai noutras autonomías"
Tamén na mesma mañá, toda a oposición pediu no Parlamento a paralización da Lomce e destas probas, que seguirán o 24 e 25 de maio para os alumnos de 3º de Primaria. Todos os partidos agás o PP sumáronse á PNL presentada polo BNG na que se reclamaba a derrogación da Lomce, aínda que non foi aprobada polos votos en contra dos populares.
O deputado nacionalista, Cosme Pombo, lamentou que Educación non fose quen de "paralizar a proba de Primaria" que empezou este mércores o que, na súa opinión, amosaque non escoitou a comunidade educativa galega, "que a rexeita". "O lóxico e normal sería que se paralizasen como se fan noutras autonomías", insistiu quen reivindicou a "avaliación continua" que "despreza" esta reválida.
Desde AGE reivindicouse o "día de loita e desobediencia" das aulas galegas. "Nunca un goberno fixo tanto dano aos nenos en manteria educativa como o popular", dixo Ramón Vázquez. Vicente Docasar, do PSdeG, pediu unhah lei "de amplo consenso", á diferenza da Lomce, mentres que Hipólito Fariñas, do PP, acusou a oposición de usar a educación "como ariete político contra as políticas do Partido Popular". "Non é unha imposición", rematou tras acusar a quen "está pedindo que non se cumpra a lei".
>> HABERÁ AMPLIACIÓN