Letras plurais, letras galegas

Letras plurais, letras galegas CC-BY-SA Praza Pública

Uxía é unha das voces máis recoñecidas da música galega e cantou no noso idioma polo país enteiro (e por medio mundo). Fíxoo, por exemplo, no Brasil, de onde veu Jakson Rodrigues para ficar con nós. Tamén a escritora e profesora Marilar Aleixandre se instalou hai un bo tempo en Galicia e na súa lingua, a mesma na que Estrela e Lula xogaron e aprenderon na escola Semente de Compostela, na que o idioma agroma con vigor.

A actriz Mónica García leva o galego con ela acotío, tamén na pantalla e nos escenarios, nos que nalgunha ocasión xa cadrou con Carlos Meixide, que ademais de cómico é escritor -vén de estrear novo libro!- e xornalista. Moitas, moitas letras son as que leva espallado Helena Villar Janeiro en palabra poética, ensaística ou na narrativa, e en letra galega tradúcense igualmente as investigacións de Cibrán Santamarina, físico do CERN cos pés na terra.

Sabela Iglesias e Adriana Pérez teñen toda unha illa de creatividade galega, a Illa Bufarda, na que as imaxes falan galego. E as músicas e cantos da pandeireteira e xornalista Jéssica Beiroa ou de Alonso Caxade, que tamén é mestre, ben poden soar de fondo nun final épico dun dos partidos de Elisa Rodríguez, xogadora do Santiago Rugby Club. Son persoas de orixes diversas, de intereses múltiples, de varias xeracións e de fala compartida. Plurais, como as letras que este 17 de maio celebramos ao abeiro dos versos de Manuel María.

Realización e montaxe: Gonzalo Ballesteros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.