Irmandade e festa nas rúas compostelás a prol do galego

Vista do remate da manifestación, na Praza da Quintana CC-BY-NC-SA Gz Contrainfo

Cando, na media noite deste 17 de maio, se apaguen os focos da celebración do Día das Letras prenderanse outros, os que alumearán durante o resto do ano o centenario das Irmandades da Fala, cuxa lembranza comezará este mércores, coa conmemoración da creación da primeira Irmandade, a da Coruña. A case coincidencia de ambas datas permitiu adiantar unhas horas a celebración irmandiña e trasladala ás rúas de Santiago, á manifestación de Queremos Galego. "Como hai cen anos as Irmandades da fala, reclamamos o mesmo, dereito de uso para a nosa lingua, con todas as obrigas necesarias para garantilo".

Como xa é case tradición, a plataforma impulsada dende A Mesa pola Normalización Lingüística e diversas entidades sociais e políticas desenvoleu, entre aires festivos, unha mobilización centrada nas "barreiras" que o galego ten aínda na vida cotiá da poboación. "O centenario das Irmandades -dixo Marcos Maceira na lectura do manifesto final- lémbranos que ningún paso a favor do galego veu da xenerosidade de ninguén, só dos esforzos do pobo galego" que foron quen de "levantar vetos, como fixo hai 50 anos, coa primeira aula de galego da Universidade de Santiago, o profesor Carvalho Calero".

Representantes de todas as forzas da oposición parlamentaria galega e de numerosas entidades sociais uníronse a unha mobilización na que o sol contribuíu a poñer o aire de festa. Tamén cando, ao chegar á Praza da Quintana, o cantante e escritor Xurxo Souto animou, por primeira vez, a corear O carro de Manuel María, o mesmo que minutos despois cantaron Mini e Mero, históricos das letras e da música que ergueron a praza de vez cando, coa Quintana xa chea, lanzaron os acordes d'A rumboia.

Saleta Goi remitiu unha mensaxe á mobilización

Antes os versos do poeta da Terra Chá soaran tamén a coro nas voces diversas que recitaron A fala. Manuel María sempre participou dos movementos a prol da lingua galega e por iso este 17 de maio "o seu espírito estivo nesta manifestación", para lembrar que "renunciar á lingua" é o mesmo que "morrer", dixo por carta á multitude a viúva do autor, Saleta Goi, este martes presente nos actos oficiais da xornada.

Reactivar o Plan Xeral de Normalización 

"Temos lingua propia e queremos vivir nela, non é un capricho, é unha necesidade", sinala o colectivo, quen ve no seguimento da mobilización a mellor mostra de que "o galego une". "pode haber convocatoria máis ampla, diversa e plural que esta?", pregúntanse, nun contexto no que "na causa do galego só sobran os que queren dividir, sementando prexuízos seculares contra Galiza e o seu idioma", os mesmos aos que fixeron fronte as irmandades, pero agora "con decretazos e sentenzas. "As Irmandades da Fala do século XXI somos nos!", exclamou Maceira no nome da organización.

"Somos as Irmandades da Fala do século XXI"

Alén de reivindicacións máis xerais a prol do "dereito humano" de poder empregar con normalidade a propia lingua, Queremos Galego lanza neste 17 de maio reivindicacions máis concretas. Non son novas, pero si están pendentes, toda vez que forman parte do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004. Cumpriría, din, comezar "polas seis máis urxentes": "Impulso ao papel normalizador da CRTVG", "ensino en galego", "administración en galego", "transporte público con respecto pola toponimia real", "convenio coa RTP para garantir a recepción mutua do sinal televisivo entre Galiza e Portugal" e "axudas e subvencións públicas condicionadas á utilización práctica e efectiva da lingua galega".

Todas estas son propostas que xa teñen "aval do Parlamento" e son "aplicábeis, mañá mesmo, sen ningún custe e con moitos beneficios". "Só precisan vontade e compromiso" e eses valores, resltan, serán os que Queremos Galego lles reclame ás forzas políticas cara ás eleccións galegas do outono. "Queremos un novo goberno a favor do galego!", advirten, porque "a situación do galego non é irremediábel, non somos un pobo condenado a desaparecer". "Ninguén o vai facer por nós", conclúen.

Cabeceira da manifestación CC-BY-SA Praza Pública
A organización estudantil Erguer, reivindicando as autoras galegas CC-BY-SA Praza Pública
A AGAL, a evocar as Irmandades na marcha CC-BY-SA Praza Pública
Mini e Mero, na Quintana CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.