A política social e sanitaria da Xunta volve tropezar nos xulgados. Apenas un mes despois de transcender a investigación ao Servizo Galego de Saúde por adiar tratamentos de hepatite C a causa, segundo a Fiscalía, de razóns orzamentarias, un xulgado de Santiago vén de observar "responsabilidades penais" do Goberno galego por falta de atención a persoas sen teito. Nomeadamente, polo xeito en que as consellerías de Sanidade e Política Social abordaron o caso dun home sen fogar residente nas rúas da capital galega, tanto no que atinxe a unha " inxustificable" dilación de prazos como na, segundo o xuíz, ausencia dun centro público axeitado para tratar o seu "transtorno mixto da personalidade, dependencia de alcol e opiáceos".
O titular do xulgado de primeira instancia número 6 da capital galega vén de remitir á Fiscalía un caso que, dado o "deterioro social e de saúde" desta persoa, chegou aos tribunais por iniciativa da Mesa de Coordinación sobre a Atención a Persoas sen Teito, creada polo Concello de Santiago e na que as entidades sociais da cidade que traballan con este colectivo abordan os casos tratados polo "equipo de rúa" dependente do consistorio. Nun auto ditado o pasado 27 de abril, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, o xuíz Roberto Soto detalla a cronoloxía dun caso no que a primeira decisión xudicial se remonta ao 2 de febreiro.
O xulgado remite o caso á Fiscalía pola "dilación" da Xunta e pola falta dun centro adaptado ás necesidades do paciente
Nesa xornada o xulgado avaliara o exame forense do devandito home sen fogar e ditaminara que, "dada a súa situación social e marxinalidade e a súa traxectoria de consumo" de diversas substancias, sería "beneficioso" o seu "internamento nun centro residencial". A orde sustentábase na "ausencia de capacidade plena para decidir onde debe residir", acreditada por unha médico forense, con risco tanto para a súa integridade como para a doutras persoas. Esta directriz xudicial foille "comunicada por fax aos servizos sociais do Servizo Galego de Saúde" e á Consellería de Política Social.
Sempre segundo o relato do xuíz, a devandita solicitude de "emerxencia social" foi denegada vinte días despois pola Secretaría Xeral de Dependencia e Valoración de Discapacidade, negativa que foi comunicada formalmente o 22 do mesmo mes. Neste contexto, o propio xuíz reclamoulle aos departamentos sanitario e social da Xunta que, coa "maior brevidade", lle remitisen os informes nos que sustentaran o seu 'non'.
Proposta de envío a dous xeriátricos
A resposta da dirección xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas chegou o 6 de abril e a de Política Social, ao día seguinte. No caso de Sanidade a Xunta, di o xuíz, "manifesta" que "non conta con programas específicos" para "o tratamento de adiccións" e alude, asemade, a "dispositivos de atención ambulatoria, centros de día e comunidades terapéuticas" como o Proxecto Home, se ben "significa" que "tales dispositivos non están destinados a problemas de emerxencia social.
A Xunta admitiu nun escrito ao xulgado que "non conta con programas específicos" para atender estes casos malia ser, segundo o xuíz, a súa "competencia"
Poucos días despois, o 11 de abril, a Dirección de Procesos Asistenciais da área sanitaria de Santiago comunicaba a concesión dunha "praza de emerxencia social", pero non nun centro terapéutico, senón nun xeriátrico de Viveiro. Unha semana antes o paciente xa se negara a ser enviado a outro xeriátrico, neste caso en Pontevedra. Ante esta segunda proposta o xulgado reclamou que "en vinte e catro horas" Política Social lle remitise un informe sobre o caso e o Sergas, "unha proposta de centro residencial adecuado. Mentres todo isto sucedía, o home permanecía hospitalizado por unha pneumonía, período no que tamén foi tratado da súa adicción ao alcol.
"Inxustificable dilación"
O xuíz atribúe "en exclusiva" a "extraordinaria" demora neste caso á "falta de coordinación" entre Sanidade e Política Social
As idas e vidas de informes e trámites da Xunta neste caso constitúen, para o xuíz, un caso de "extraordinaria e inxustificable dilación" na "busca dun centro residencial axeitado" para "o estado psicopatolóxico do paciente" que "é atribuíble, en exclusiva, á falta de coordinación" entre Sanidade e Política Social. Remitir unha persoa sen teito con problemas mentais e de accións a un xeriátrico, di, é asignarlle un recurso sen "adecuación obxectiva básica" ás súas necesidades. A Xunta fíxoo, ademais, incorrendo nun "deficiente e inadecuado cumprimento dos requerimentos efectuados" dende o xulgado "baixo expreso apercibimento de desobediencia".
"Causa perplexidade -engade o xuíz- que dende a Administración autonómica competente en supostos" coma este, dun "paciente con transtorno mixto de personalidade cunha dependencia de alcol de moi longo percorrido e con antecedentes sociais e policiais (... ) que se remontan ao ano 2007", cando se "constata a súa falta de capacidade para decidir a necesidade dun tratamento asitencial integral a nivel residencial, non se determine de maneira minimamente áxil dispositivos adecuados ao seu estado".
"Dado o tempo transcorrido" dende o primeiro recoñecemento o xuíz ordenou unha nova avaliación a finais de abril, tras a cal os forenses determinaron que, por mor das atencións recibidas no hospital, o paciente si estaba agora en condicións de decidir o seu lugar de residencia. Así as cousas, o 27 de abril o xuíz deixou sen efecto a orde de internar o home e indicoulles aos servizos sociais municipais a necesidade dun "tratamento ambulatorio". No mesmo auto, o maxistrado determinou o envío do caso á Fiscalía para "depurar eventuais responsabilidades penais" nas que puidesen ter incorrido "os responsables das consellerías de Política Social e de Sanidade" que interviñeron en todo o proceso.