O rexeitamento ás reválidas ratifícase e mesmo se incrementa en Galicia. Mentres a Xunta sitúa o dato de absentismo -incluíndo centros públicos e concertados nas cifras- no idéntico 40% da proba de 6º de Primaria de hai dúas semanas, as cifras da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (Pgdep) e a Confapa (Confederación de Anpas Galegas de Centros Públicos) mesmo aumentan o seguimento un chisco nas avaliacións que este martes iniciaron as clases de 3º de Primaria.
A Xunta recoñece a mesma porcentaxe de absentismo que na proba de 6º de Primaria: o 40%
Así, a Plataforma cifra en arredor dun 82% o absentismo no conxunto de Galicia, unha cifra lixeiramente superior ao 80% de absentismo acadado na proba de 6º. Os datos da Confapa, recollidos a través das diferentes anpas asociadas polo país, sitúano nun 68,7%, unha porcentaxe algo superior ao 67,2% das probas de hai quince días e case dez puntos superior ao absentismo que se deu na estrea da reválida o ano pasado en Galicia neste mesmo curso. Daquela, a Consellería recoñecera un 20% de ausentes; agora, o dobre.
Así, Anxo Louzao, voceiro da Pgdep Anxo Louzao, considerou que estes datos son "a evidencia máis palpábel do rexeitamento clamoroso que suscitan a Lomce e as reválidas”. Ademais, Fernando Lacaci, en representación da Confederación de Anpas Galegas, asegurou que as anpas tamén notaron un repunte “mesmo maior” e constaron un rexeitamento “unánime” a estas probas.
A Plataforma en Defensa do Ensino Pública cifra a insubmisión en máis do 80% e a Confapa en cae o 70%
Lacaci asegurou que “isto desautoriza totalmente ao conselleiro, cando fala de manipulación das familias”. A este respecto lembrou que máis do 80% das familias “non pertencen a unha ideoloxía, a un partido político, non son seguidores dunha única consigna". "Cando falamos desas porcentaxes estamos falando dunha multiplicidade enorme de persoas que están de acordo nunha única idea: a Lomce é unha idea que nin queremos, nin necesitamos”.
Pola súa banda, Helena Gómez, presidenta de Confapa-Galicia, amosou a súa "satisfacción" polo contundente rexeitamento da comunidade educativa e das familias galegas e destacou, nomeadamente, que o absentismo "aínda fose maior con nenos máis pequenos e cos que é máis complicado conciliar". "Está máis que demostrado que aquí ninguén quere as reválidas nin a Lomce", explica tras comprobar uns datos que volven situar Galicia na vangarda do rexeitamento ás polémicas probas de avaliación.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, cualificara de "acoso político" a campaña contra a Lomce lanzada por boa parte da comunidade educativa e que el situaba nun "debate bastante egoísta" con "intereses políticos e particulares".