Dende Lugo, unha 'muralla de dignidade' en defensa dos dereitos

Percorrendo a muralla Dominio Público @quiquecostas

As Marchas da Dignidade volven saír á rúa. E desta vez, co obxectivo de elevar "unha Muralla de Dignidade" para se "defender dos ataques lanzados dende Europa contra as clases populares e polos que con demasiada rapidez perdemos dereitos". Lugo será o escenario, este sábado, dunha manifestación que percorrerá a parte superior da bimilenaria muralla, para finalizar cunha concentración, ás 13.30 horas, na Praza Maior

Será a cuarta edición destas Marchas que, segundo os seus portavoces, "manteñen a súa vixencia máis ca nunca". "O noso lema de 'pan, traballo e teito' ten o mesmo ou máis sentido que cando comezamos con estas mobilizacións", di Ángel Moreno, voceiro da coordinadora, que cre que "hoxe como nunca a xente quere e precisa saír á rúa" e que insiste en que desde o 15-M ata as diferentes organizacións e movementos sociais seguen "demandando" a protesta.

A elección de Lugo como sede das Marchas foi tamén unha decisión "consensuada" na coordinadora e co obxectivo de "potenciar a mobilización nas provincias interiores" e espallar estas protestas a outras cidades, máis aló de Compostela. E aproveitan a localización para lanzar o lema de Unha Muralla de Dignidade a reivindicar ante unha fortificación "construída hai 2.000 anos máis ou menos para defender a cidade do inimigo exterior".

"Esa función simbólica recuperámola para defendernos diso que se deu en chamar globalización e que non é nin máis nin memos que unha nova fase agresiva do capitalismo que goberna sen freo, personalizada na troika europea e con delegacións en todos os Estados", reivindican as Marchas, que ven necesario saír en defensa dos "dereitos que teñen que ver co traballo, o emprego, a educación, a saúde, a vivenda, a infancia, a vellez, a liberdade ou a democracia".

Desde a coordinadora nacional chaman "ao pobo de Lugo a ocupar e marchar polo adarve da Muralla na compañía de moitas outras galegas e galegos". O acto comezará na estación de autobuses, na Praza da Constitución, ás 12 horas. A continuación, os convocados entrarán na muralla pola Porta de Santiago para rodeala, percorrendo a súa parte superior. A mobilización rematará ás 13.30 na Praza Maior para a lectura do manifesto, do que se encargará de Mª Rosi Espinel Vallejo, voceira da Plataforma polo Río de Sarria. A continuación haberá música popular a cargo de gaiteiros da cidade e a actuación musical do cantautor Monfortino Antón Valcárce. Despois celebrarase un xantar popular de confraternización no parque Rosalía de Castro, "ou lugar alternativo se as condicións climatológicas son adversas". Como, de feito, semella que serán.

Será unha nova proba de forza para unha Columna Galega do 22M tras as manifestacións de Compostela e as Marchas a Madrid, e que colleu músculo tras ser impulsada por varios sindicatos como a CUT, CGT, Sindicato Ferroviario ou Sindicato da Elevación e á que se foron sumando organizacións como SLG, STEG, Anova, FPG, Esquerda Unida, Podemos ou Espazo Ecosocialista, o apoio tamén do BNG e doutras organizacións nacionalistas, así como de numerosos movementos sociais e veciñais, plataformas de Stop Desafiuzamentos, Frente Cívico, colectivos feministas, Ecoar ou a Plataforma Galega de Artes Escénicas, entre outros.

Desde a coordinadora nacional agradecen o apoio pero advirten de que "ningún apoio está de máis". "Todo o que se queira sumar é benvido", di Ángel Moreno, que recoñece que lle gustaría que "certos sectores non só apoiasen, senón se implicasen e participasen con maior ímpeto nas Marchas".

Cartaz da mobilización © Marchas da Dignidade
Os e as manifestantes, entrando na muralla Dominio Público @RebelinAluminio
Percorrendo a muralla Dominio Público @quiquecostas
Nicanos Acosta, na mobilización Dominio Público @EUOurense
A mobilización, este sábado en Lugo Dominio Público @PodemosLugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.