O Sergas pechará máis de 930 camas no verán e mantense en cifras récord

Camas pechadas nun hospital público galego Dominio Público SOS Sanidade Pública Coruña

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) pechará este verán máis de 930 camas en Galicia. A Consellería de Sanidade vén de facer a súa estimación para a temporada estival, que sitúa nunha previsión de uso do 87% das aproximadamente 7.200 dispoñibles nas diferentes áreas sanitarias. Serán, xa que logo, 936 camas cerradas, unhas 90 menos que o ano pasado e 160 menos que hai dous. Con todo, a cifra mantense en niveis récord, semellantes aos de 2013 e de máis do dobre que, por exemplo, os peches que se daban en 2009, xa coas denuncias sobre recortes na sanidade agromando a cada pouco. 

O peche de camas redúcese un chisco respecto aos dous últimos anos pero mantense en niveis récord: son máis do dobre que en 2009

Os datos oficiais do Sergas non coinciden cos dos sindicatos. CIG-Saúde eleva o número de camas pechadas no país ás 1.200, segundo as cifras que recibe das xuntas de persoal de cada área sanitaria. As diferenzas derivan dos "diferentes cómputos" que se fan e mesmo do feito que algúns hospitais alonguen os peches ata mediados de outubro mentres que a Xunta limita os seus cálculos aos tres meses de verán.

Os datos de CIG e CCOO son maiores e non coinciden cos que achega a Administración

Ademais, a Federación de Sanidade de CCOO-Galicia critica o cómputo "á baixa" por parte da Administración, que "unicamente computa as camas que con toda certeza non se van poder usar, pero sen ter en conta outros factores que inciden directamente na súa ocupación". Así, Ángel Cameselle, secretario xeral, explica que cando se fala de peche de camas, o Sergas faino tendo en conta as plantas que en cada hospital quedan "pechadas, inutilizadas" pero non considera, por exemplo, que os quirófanos non van funcionar "a pleno rendemento", o que afectará á ocupación do 87 % das camas habilitadas.

Sexa como for, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, insiste en que os peches non significa que as camas "non estean dispoñibles" para ingresos no caso de que fosen necesarios e pon como exemplo que, no caso do tráxico accidente de Angrois, foron moitos os cuartos habilitados para tratar os feridos. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, repara neste exemplo para denunciar a situación no sistema sanitario público galego e pregúntase "por que se activan as camas no caso dun desgrazado accidente pero non para asistencia normal se continuamos a ter urxencias colapsadas, demoras para probas e cirurxía e unhas elevadas listas de espera"

Os sindicatos insisten no aumento do desemprego sanitario e no incremento das listas de espera que provoca o peche de camas

"Son estimacións, pero se estas erran, as camas están listas para poder usarse", insistiu Aboal en varios medios, ademais de aclarar que, no caso dunha situación excepcional, "contrataríase persoal e reaxustaríanse os períodos vacacionais". Desde CIG-Saúde insístese en que o peche provoca un incremento do desemprego sanitario, xa que “o persoal fixo só dispón dun mes de vacacións e o resto do tempo dedícase a facer a cobertura do resto de persoal durante as súas vacacións”. E pregúntase se "todo aquel que acabou o seu período formativo vai ser contratado nun hospital público galego ou, como tantos, terá que buscar noutros sistemas sanitarios ou noutros países". 

Ademais, denuncia tamén o aumento das listas de espera -recoñecido pola Xunta- dun 25% no último trimestre de ano derivado deste peche de camas, algo que "non se corresponde e é incoherente" co anuncio feito por Feijóo dun plan de choque de 5 millóns de euros que se destinarían a reducir estas listas, nas que están máis de 34.000 doentes. "É pura propaganda, máis cando o Goberno é consciente de que se incrementan precisamente no verán", di. 

Os sindicatos insisten na necesidade de non recortar servizos e efectivos no verán, "a mellor época para reducir listas de espera"

Para CCOO, o Sergas "camiña por unha ruta inversa á necesaria, recortando servizos e efectivos no verán, que é a mellor época do ano para reducir as listaxes de espera, xa que a menor incidencia de doenzas respiratorias posibilita que servizos como as urxencias non se colapsen". Cameselle insiste na necesidade de "aplicar un plan de choque estival contras as listaxes de espera que, en primeiro lugar, ha conducir a que todos os servizos sanitarios públicos funcionen a pleno rendemento".

Pola súa banda, Aboal xustifica o peche de camas na "baixada da demanda sanitaria de certas patoloxías" e no período vacacional dos traballadores, pero tamén advertiu que se aproveitará para reformas en diferentes espazos dos hospitais galegos, algo que desde CIG-Saúde non consta. "Encargarémonos de preguntar sobre algo do que non temos noticia ningunha", advirten. 

 

Peches en todas as áreas

Mentres, segundo os datos do sindicato, os grandes complexos hospitalarios pecharán durante este período arredor de 200 camas cada un, mentres que en Lugo ou en Pontevedra van deixar de usarse unhas 100. No Salnés, ademais, haberá 32 camas menos e chégase a pechar un andar enteiro. 

Ante esta situación, estanse a convocar xa mobilizacións, como a que este mércores convocou a Comisión de Centro de Especializada no CHUAC da Coruña. Segundo denuncian, o peche de 200 camas afecta a todas as áreas: unidade de coidados intensivos, reanimación, uroloxía, pediatría, unidade de coidados continuos/paliativos, reumatoloxía, medicina interna e hospital de día. 

En Vigo, e segundo os datos da Xunta, a previsión é pechar 120 camas no Meixoeiro e outras 70 no Álvaro Cunqueiro, que se unen a todas as que están xa inhabilitadas. No caso do HULA en Lugo, e segundo os sindicatos, pechan as 34 camas de xeriatría durante dous meses, as de cirurxía durante mes e medio e as de medicina interna por tres meses e medio. Así, haberá días do verán no que estean cerradas un total de 104 camas máis as 68 que nuncha chegaron a abrir ou "aquelas que permanecerán pechadas para sempre". 

Os sindicatos e a oposición, ao tempo, insiste en pedir "máis información sobre camas pechadas e persoal eventual no Sergas", tal e como fixo este martes a parlamentaria de AGE Eva Solla.  

Protesta contra o peche de camas en 2014 no Hospital da Costa © CIG-Saúde

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.