0 Gardados para despois

Achegan á Fiscalía probas "irrefutables" da falsidade da Xunta no dragado da ría de Ferrol

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O que fora director xeral de Conservación da Natureza da Xunta en 2011, Ricardo García-Borregón, asegurou este luns que o informe ambiental relativo ao dragado da ría de Ferrol foi elaborado "na data que corresponde" e "non a posteriori". Asegurouno ante os medios de comunicación logo de comparecer no xulgado de instrución número 3 de Santiago, onde está a ser investigado con outros tres ex cargos da Administración galega por presuntos delitos de falsidade documental, prevaricación e contra os recursos naturais e o medio ambiente

García-Borregón defende que o informe ambiental do dragado foi feito "na data que corresponde"

Os catro ex dirixentes autonómicos están implicados no polémico dragado denunciado en 2011 pola asociación ecoloxista Adega. A obra, tal e como lembra o colectivo, tiña como obxectivo aumentar o calado da entrada da ría para permitir o paso a grandes buques como os gaseiros de Reganosa. Segundo as acusacións, e xa iniciadas as obras, todos estes cargos autonómicos terían "cociñado" unha autorización ambiental fraudulenta baseada nun suposto informe técnico que non figuraba no expediente.

Son, ademais de Borregón, Javier Turrillo Montiel, ex xefe do Servizo de Análise e Proxectos da Consellería naquela altura; Rogelio Fernández (ex subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade) e Carlos Múñoz (daquela xefe do Servizo de Conservación da Natureza na Delegación Provincial da Coruña). A declaración de Turrillo hai unhas semanas foi o que acabou por declarar investigado -antes imputado- a Borregón. 

Varios cargos da Xunta terían "cociñado" unha autorización ambiental fraudulenta baseada nun informe elaborado a posteriori

O xulgado investiga se se autorizou o dragado do canal da ría de Ferrol para favorecer a Reganosa cun informe realizado posteriormente para rebater outro previo que alertaba sobre os danos ambientais que provocaría e que cualificaba de "ambientalmente incompatible coa conservación dos hábitats e especies presentes" ese proxecto nunha área protexida. Rematadas as obras, o devandito informe que as desaconsellaba apareceu

García-Borregón declarou nos xulgados e insistiu en que se cumpriron todos os protocolos legais, pero fontes xudiciais consultadas por Praza aseguran que as probas da falsidade documental nos papeis achegados pola Xunta daquela son "clarísimas e irrefutables". "Foi un informe emitido a destempo e é algo comprobable", insisten. O ex director xeral, pola contra, insistiu ante os medios que todo se fixo "dentro do procedementeo ambiental" e de acordo coa tramitación, xa que logo, no momento regulamentario. "Non hai absolutamente nada en relación a iso", engadiu en referencia ás acusacións de que o documento foi redactado pasado xa o tempo. 

Fontes xudiciais aseguran que as probas da falsidade documental son "clarísimas e irrefutables"

Desde Adega, o seu secretario xeral, Fins Eirexas, asegura tamén que é "irrefuable e irrebatible" que o informe que autorizou o dragado foi realizado a posteriori para xustificar aquela actuación e considera que esta é a base da imputación do delito de falsidade documental. A partir de aí, aclara, derivaríanse os de prevaricación, por "tomar unha decisión fraudulenta sabendo que o era", e tamén o de dano ao medio ambiente. Con todo, fontes xudiciais dubidan que algún ou todos os investigados sexan declarados culpables por estes dous últimos delitos, pero están convencidos de que si o serán por falsidade documental. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.