Cosmos, Alcoa, Repsol, ENCE e as térmicas: os grandes contaminantes do aire galego

Fábrica de Cementos Cosmos en Oural (Sarria) © Votorantim

A área máis afectada polo dióxido de xofre (SO2) en Galicia é a máis achegada á fábrica de Cementos Cosmos en Sarria. Alí, e durante case a metade dos días do ano respírase aire contaminado por este compoñente nocivo. E é, ademais, o punto do Estado español onde en 2015 se superou durante máis días a concentración media diaria máxima recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS), máis de seis veces inferior á legalmente vixente na UE.

Na área achegada á planta de Cosmos en Sarria case a metade dos días do ano respírase aire contaminado por dióxido de xofre

Estes son só algúns dos datos que se tiran do informe La calidad del aire en el Estado español durante 2015, elaborado por Ecoloxistas en Acción e que, na parte referida a Galicia, foi redactado Xosé Veiras. No seu blog en Praza (Un claro no bosque) este biólogo e militante ecoloxista debulla tamén os datos para o país deste completo estudo, que analiza a calidade de aire na Península en relación á protección da saúde humana -non en canto á vexetación e aos ecosistemas- cos datos facilitados polas administracións autonómicas e locais a partir das súas redes de medición da contaminación. Céntrase nos "contaminantes máis problemáticos": as partículas en suspensión (PM-10 e PM-2,5), o dióxido de nitróxeno, o ozono troposférico e o dióxido de xofre.

As contornas da refinería Repsol en Arteixo, de Alcoa na Mariña ou das térmicas nas Pontes e en Meirama tamén están afectadas polo dióxido de xofre

En canto a este último, e ademais da grave situación provocada por Cosmos, hai outras áreas onde se mediu unha elevada contaminación por SO2: as de Pastoriza (Arteixo), próxima á refinaría de petróleo de Repsol; e a de Xove, baixo a influencia da fábrica de Alcoa en San Cibrao. Ademais, as contornas das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama tamén son afectadas por este contaminante, aínda que en menor medida pois, como aclara Veiras, "as altas chemineas axudan a dispersar a contaminación". Si é, non entanto, maior é a afección sobre a calidade do aire das súas emisións de óxidos de nitróxeno (NOX), un dos precursores do ozono malo, á marxe de ser "enormes fábricas de cambio climático por causa das súas emisións de CO2, un gravísimo problema, mais que non afecta a calidade do aire que respiramos".

Tamén están especialmente afectadas polo SO2 A Coruña e Pontevedra. Na cidade do Lérez a causante é ENCE, que emite tamén outros contaminantes non analizados no informe. Na Coruña, os problemas están concentrados sobre todo no polígono da Agrela.

Á marxe do dióxido de xofre, o contaminante máis preocupante no ámbito urbano son as partículas en suspensión, moi asociadas ao tráfico, diferenciando entre as máis pequenas e nocivas e as algo máis grandes -as de diámetro inferior a 10 (PM10)-e a 2,5 micras (PM2,5). Son elas as que se atopan detrás de numerosas doenzas respiratorias, problemas cardiovasculares e cancros de pulmón.

En todas as cidades, ademais de en Arteixo, supérase, iguálase ou rózase a concentración máxima recomendada de partículas en suspensión

Con todo, tal e como destaca Veiras, hai "graves carencias" de medición da súa concentración no aire en Galicia. Aínda así, os datos refírense á concentración media anual de  PM2,5 nas principais cidades e en Arteixo -municipio equiparábel ás cidades polos seus niveis de contaminación atmosférica- durante os últimos tres anos. En todos eles supérase, iguálase ou rózase a concentración máxima recomendada pola OMS (10 microgramos/metro cúbico). "Tamén en Pontevedra, onde o punto de mostreo está situado fóra da área da cidade con maiores restricións á circulación de automóbeis, perto da N-550", destaca, o que amosa que "restrinxir o uso do coche no corazón das cidades é moi positivo, mais resulta insuficiente para lograr unha boa calidade do aire".

Segundo os datos, Vigo, Ourense, A Coruña, Pontevedra, Arteixo e Santiago -por esta orde- superan os niveis medios anuais recomendados pola OMS. 

Alén das áreas urbanas, o informe de Ecologistas en Acción destaca tamén como a contaminación non afecta só as cidades e contornas das zonas industriais. Segundo destaca Xosé Veiras, o transporte e a transformación química de contaminantes emitidos polo transporte e a industria -nomeadamente as térmicas de carbón- "espallan a contaminación ao medio rural a través da formación de ozono malo -chamado así para diferencialo do das capas altas da atmosfera que nos protexe da radiación ultravioleta- durante a primavera e o verán". Unha vez formado, este gas irritante pode transportarse a longas distancias e  orixinar episodios de contaminación transfronteiriza. Alén de prexudicial para a saúde humana, diminúe a produción agraria e forestal.

A maior parte de Galicia está contaminada por ozono e, para a avaliación da calidade do aire, a Xunta dividiu Galicia en diferentes zonas. Durante o ano 2015, a poboación e o territorio do municipio de Ourense e das zonas de calidade do aire denominadas Terra Chá, Miño – Limia, Sur das Rías Baixas e Franxa Fisterra – Santiago (ES1214) continuaron expostas a concentracións de ozono perigosas.

Aire sucio para todos os galegos

En definitiva, o informe demostra que practicamente toda a poboación galega volveu respirar aire sucio durante 2015, aínda aclarando que se toman como referencia as recomendacións da OMS e non os valores legais que esixe a UE, moito menos estritos.

O 92% da poboación e o 76% do territorio de Galicia estiveron expostos en 2015 a uns niveis de contaminación que superan as recomendacións da OMS

Así, o 92% da poboación e o 76% do territorio de Galicia estiveron expostos en 2015 a uns niveis de contaminación que superan as recomendacións da OMS para a protección da saúde humana e da vexetación, uns valores que se repiten cada ano e que non mudan basicamente ne cada medición. Con todo, a situación do país é mellor que a doutras autonomías e, segundo aclara Veiras, na comunidade en 2015 só se ultrapasaron valores legais na estación ubicada na zona da Torre de Hércules, na Coruña, en relación ao contaminante partículas PM10. "Unha superación de orixe natural, debida ás salpicaduras do mar; un caso que contradí a tendencia xeral: as nosas condicións naturais (chuvias frecuentes, menor radiación solar,…) axudan a minimizar a contaminación atmosférica", aclara. 

Como conclusión, Veiras advirte de que "os niveis actuais de contaminación atmosférica en Galicia causan danos socioambientais e económicos que non se deberían menosprezar". "Mellorarmos a calidade do aire traería múltiples beneficios. Alén diso, as medidas necesarias para limpar o aire que respiramos contribuirían a facer as nosas cidades menos ruidosas e máis seguras e habitábeis. E como implicarían unha diminución no consumo de combustíbeis fósiles, axudarían asemade a combater a mudanza climática e a mellorar a nosa resiliencia fronte á crise ecolóxica global", resume. 

No informe, incídese na redución da mobilidade motorizada e na potenciación dos modos de transporte menos impactantes. E destaca“a redución drástica da xeración eléctrica por centrais térmicas, en particular as que utilizan carbón”, para as que se debería estabelecer un calendario de peche. Malia iso, no caso galego, as empresas propietarias xa anunciaron a súa intención de prorrogar a vida das centrais de carbón das Pontes e de Meirama.

>> Máis información no blog Un claro no bosque 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.