O Sergas accede a mudar a empresa de cociña do hospital de Vigo tras meses de protestas

Responsables da nova empresa e do CHUVI © Sergas

Alimentos "queimados", xantares escasos, conxelados a medio cociñar ou iogures en dubidoso estado de salubridade. Foron algunhas das testemuñas que, dende a estrea do hospital de Vigo, o verán pasado, acompañaron as queixas de pacientes, familiares e persoal a respecto da "mala calidade" do servizo de cociña do novo centro. A alimentación dos doentes foi un dos servizos adxudicados a unha empresa privada externa, Serunión -a mesma á que se lle detectaron numerosas deficiencias en comedores escolares-, se ben as protestas foron encadradas dende a Xunta, cando menos inicialmente, no paquete xenérico de "mentiras da oposición". Nove meses e moitas protestas despois, o Servizo Galego de Saúde anuncia que cambia de empresa.

Mentres na cúpula da sanidade pública galega permanece a preocupación pola mala imaxe do hospital que foi presentado como proxecto estrela do propio presidente -como revelou Praza.gal, dende a xerencia viguesa remitiuse recentemente ao persoal un 'argumentario' reducindo as críticas a "lendas urbanas"-, o xerente do Sergas en Vigo, o cuestionado Félix Rubial, anunciaba este venres que Serunión deixará de prestar servizo no Álvaro Cunqueiro e no resto do CHUVI o vindeiro 1 de xullo. A causa, vén admitir, é a escasa calidade da "restauración" ofrecida.

Doentes e persoal queixáronse de alimentos "queimados", xantares escasos e mesmo produtos en mal estado

Malia ás "medidas implementadas nos últimos tempos que melloraron a comida servida aos pacientes hospitalizados", asegura o Sergas nun comunicado, "a Administración sanitaria entende que o servizo actual non acada os altos estándares que o entorno hospitalario require manter na alimentación". "Esperamos un tempo prudencial para adoptar esta decisión porque entendiamos que era complicada a posta en marcha do servizo de cociña dun novo hospital desta magnitude", asegura Rubial. No entanto, "aínda que se introduciron medidas de mellora, seguimos constatando que aínda existe unha ampla marxe de progreso". As críticas de doentes e persoal semellan, ao cabo, correspondentes coa realidade.

O Sergas atribúe á mudanza non ás protestas, senón ao seu 'Plan de Mellora e Escoita Activa' sobre os servizos xestionados por empresas privadas no Cunqueiro

Así e todo, a xerencia da área de Vigo non atribúe a decisión ás protestas, senón ao seu 'Plan de Mellora e Escoita Activa', que a Xunta encadra na "vontade e vocación da dirección do hospital" pola "mellora constante". "Este plan -indican- pretende mellorar a atención ás persoas que acoden ao hospital a través da optimización dos recursos non sanitarios", isto é, os que están nas mans de empresas en virtude do modelo público-privado co que o Cunqueiro foi posto en marcha. "A posta en marcha dun hospital desta magnitude -abondan- require dun complexo proceso de adaptación e encaixe de todos os elementos que o conforman", sempre, afirman, dende a "máxima esixencia con respecto aos servizos propiamente médicos".

A substituta de Serunión como responsable da comida do CHUVI será Arcasa, unha compañía catalá "con máis de 20 anos de experiencia no sector da alimentación" dedicada fundamentalmente a "centros sanitarios", di o Sergas, entre os que destaca o hospital Vall d'Hebrón, Santa Creu i Sant Pau ou o Sant Joan de Deu, entre outros. "Esta empresa -di Sanidade- caracterízase pola súa innovación e eficiencia" e o seu "sistema de seguridade alimentaria", baseado "en estándares internacionais certificables". Responsables de Arcasa, sinala, estiveron xa reunidos co servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do hospital para "concretar as necesidades" do servizo, que seguirá sendo prestado polo mesmo persoal.

Un xantar do Cunqueiro, amosado por un doente como mostra de "mala calidade" © Vigoé - Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.