O pasado 14 de xuño, a Xunta anunciaba que o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE112-Galicia) prevé unha "futura integración operativa dos distintos números de urxencia e emerxencia dos organismos e servizos básicos de intervención nas emerxencias que operan en Galicia". A Consellería de Presidencia aclaraba, xa que logo, a intención de fusionar os servizos sanitarios do 061 con aqueles non sanitarios, un anuncio que colleu por sorpresa aos traballadores da saúde e que se une ao rexeitamento ao previsto traslado dos servizos de emerxencias á nova localización da Estrada.
O anuncio da fusión da xestións dos diferentes servizos de emerxencias chegou dúas semanas despois de que se lle negase aos traballadores
Foi precisamente noutra visita institucional ao CIAE 112-Galicia onde o conselleiro Alfonso Rueda advertiu dunha fusión de servizos que, segundo asegura a xunta de persoal do 061, negara só quince días antes. "O 1 de xuño a plataforma Non ao Traslado á Estrada reuniuse con el e co conselleiro Vázquez Almuíña; traballadores do 061 preguntamos se pretendían unha fusión de servizos e a resposta foi un rotundo non; tan só dúas semanas despois, atopámonos con este anuncio", explica a Praza Mario Otero, presidente da xunta de persoal dos empregados de Urxencias Sanitarias.
A idea, tal e como manifesta a Xunta, é a da "futura integración de organismos ou servizos de atención ás emerxencias baixo o concepto de Xestión Integrada dá Emerxencia (Axega-112, Urxencias Sanitarias-061, Medio Rural-085, Policía Autonómica-091, Servizo de Gardacostas, Protección Civil e Consorcios de Bombeiros)". Xa que logo, integrar a xestión dos servizos de emerxencias, desde o sanitario até o das policías: o sector seguridade (091, 062, 090), o sector sanitario (061), o sector asistencial, o sector contraincendios e salvamento (080), o sector ambiental (085), o sector protección civil e o sector salvamento marítimo
Algo que, segundo a xuna de persoal do 061, "non encaixa co discurso que se nos estaba transmitindo". "Xa tiñamos descartada esa posiblidade; agora non sabemos exactamente os plans de integración que teñen na cabeza, pero si sabemos que, tal e como están agora, as cousas funcionan moi ben", di Mario Otero.
Os traballadores advirten do "grave deterioro" que suporía a fusión para o 061: "máis que un número de emerxencias é un centro sanitario para toda Galicia"
Desde o 061, os traballadores advirten do "grave deterioro" que esta fusión suporía para a "asistencia" da poboación galego. "É o desmantelamento do 061 tal e como está concibido", insisten. Así, lembran que, máis que un número de emrexencias, é un centro sanitario para toda Galicia, onde non só se dá resposta a unha emerxencia, "senón a calquera tipo de urxencia extrahospitalaria e á consulta médica por teléfono". Desde CCOO, lamentan "tanto a falta de información ao respecto, como o desperdicio de diñeiro público que causará a operación e a deterioración da atención a prestar".
"O 40% dos procesos asistenciais resólvense sen mobilización de recursos. O modelo de consulta médica integrada do que dipoñemos agora permítenos facer un mellor e máis óptimo uso dos recursos que temos e cambilo pode ser negativo para a atención dos cidadáns", explica Mario Otero. O actual funcionamento do 061 permite o acceso as 24 horas do día á poboación a un contacto directo co pesoal sanitario para resolver calquera consulta sobre unha enfermidade, medicación ou probas sanitarias.
"O modelo de consulta médica integrada do que dipoñemos agora permítenos facer un mellor e máis óptimo uso dos recursos"
Desde a xunta de persoal, explican tamén que existen diferentes modelos de atención ás emerxencias segundo cada autonomía, pero basicamente divídense entre os que están integrados e os que non. Pero hai variacións. "Non é o mesmo a integración nunha comunidade onde o 90% da poboación está concentrada nun mesmo concello ou área, como no caso de Madrid, que un lugar como Galicia con tanta dispersión xeográfica e núcleos de poboación", explican.
Por iso, pregúntanse se as consellerías de Presidencia e de Sanidade "pretenden reducir a asistencia sanitaria dunha poboación cunha dispesión xeográfica tan importante como a galega, impedindo o seu acceso a un servizo que tantas satisfaccións dá á poboación".
O 061 recoñece a necesidade de coordinación entre servizos pero garante "a independencia" de Urxencias Sanitarias
O director do 061, José Antonio Iglesias, recoñeceu en declaracións aos medios que é necesario mellorar a coordinación con outros servizos, pero asegura que o departamento que dirixe manterá a independencia e a súa adscricióná Consellería de Sanidade. "Sempre entendo a preocupación do persoal, porque é o meu persoal, pero teño que dicirlles claramente que o 061 é absolutamente independente e pertence totalmente á área sanitaria", dixo.
Ademais, e no mesmo anuncio, a Consellería de Presidencia falou tamén dunha "nova plataforma tecnolóxica", cando o 061 desenvolveu xa unha plataforma propia, elaborada polos seus propios traballadores e que "é referencia no sector e supuxo un mellora indiscutible e demostrable na atención do cidadán nos seus problemas de saúde", segundo o cadro de persoal.
"O traslado á Estrada está decidido, pero por esta Xunta; en outono hai eleccións e veremos quen goberna. Non o damos por perdido"
Agora, a plataforma Non ao Traslado á Estrada, que leva tempo denunciando un cambio de localización "arbitrario e só con criterios políticos", decidirá as medidas que tomará ante este anuncio de integración. En todo caso, os traballadores do 061 xa teñen pensado preguntar polas intencións da Xunta na nova xuntanza con representantes da Administración.
O traslado á Estrada -que desde os colectivos de traballadores de emerxencias se considera un "desbalde de millóns de euros das e dos contribuíntes galegos sen necesidade ningunha"- está previsto agora para 2017. "Debe ser o edificio sen inaugurar máis visitado polas autoridades de todo o mundo", asegura Otero, que advirte que a decisión de traslado "é firme e está tomada, pero por esta Xunta". "En outono hai eleccións pero veremos quen goberna e que pensa desta situación; non o damos por perdido e, mentres non esteamos aló traballando, seguiremos loitando", finaliza.