A Audiencia da Coruña libra os cargos da Igrexa do xuízo por suborno no caso Retablo

Pancarta en Paraños contra o cura tras descubrir a veciñanza que a reitoral fora vendida CC-BY-SA Karina Mouriño

O xuízo da Operación Retablo, a presunta trama baseada no reparto de traballos de restauración de arte sacra entre empresas afíns a través da Igrexa a cambio de mordidas para os seus supostos líderes, funcionarios da Xunta, encamíñase de vez cara ao xuízo. E no banco dos acusados non estará ningún dos tres cargos da Igrexa presuntamente implicados e acusados de suborno. A Audiencia Provincial da Coruña vén de emitir un auto no que tomba os recurso co que a asociación veciñal de Paraños (Covelo) procuraba manter a acusación contra dous sacerdotes e o ex-bispo de Tui-Vigo, José Diéguez, e fai o mesmo co recurso da Fiscalía, que acusaba os dous cregos e exoneraba o bispo, afastado do seu cargo cando estourou o escándalo, en 2009.

A Audiencia coruñesa adhírese deste xeito ao criterio do terceiro xuíz do caso, Andrés Lago Louro, que en xuño de 2015 pechaba a instrución mantendo as imputacións a Carlos Gómez-Gil, restaurador da Consellería de Cultura durante os anos da trama (2003-2008), e mais contra José Manuel Pichel, que traballaba como arquitecto para o Xacobeo. Tamén facía o propio con ata cinco responsables das empresas de restauración ás que Pichel lles prometeu "repartir Galicia" e deixarlles "una herencia de puta madre", tal e como reflicten as conversas interceptadas pola Policía. Pero exoneraba o antigo párroco de Paraños, José Sobrino, e o ecónomo da diocese, Benito Estévez, porque segundo o xuíz as escoitas telefónicas que os inculpaban non foran obtidas de xeito regular.

Segundo a investigación, os líderes da trama repartían dende a Xunta obras de restauración a cambio de subornos

O que reflectían aquelas conversas, como informou Praza.gal, é que unha das "dádivas" máis rechamantes de entre as obtidas por Gómez-Gil foi a casa reitoral de Paraños, un edificio do século XIX que a Igrexa lle vendeu ao antigo responsable de Cultura en 2008 con "condicións moi vantaxosas" polos "servizos prestados", segundo a instrución: 60.000 euros en pagamentos de 10.000 euros anuais. A causa do baixo prezo era, segundo a diocese, que a casa estaba en ruínas. No entanto, sempre atendendo a investigación, antes de abonar o primeiro prazo Gómez-Gil xa a usaba como segunda vivenda e comezou a gozar de "arranxos" ornamentais e de lecer na casa, como a construción dun porche e dunha piscina, todas elas realizadas por empresas que, presuntamente, se beneficiaban das adxudicacións, por parte da Igrexa, das obras que el subvencionaba dende a Xunta. As subvencións estaban condicionadas, di a Policía, a que a Igrexa contratase as empresas amigas da trama.

O ex-restaurador de Cultura fíxose coa casa reitoral de Paraños por 60.000 euros

Neste contexto, o caso estourou definitivamente a principios de 2009, cando a veciñanza se decatou de que Gómez-Gil puxera a reitoral á venda en internet, xunto coa leira de 4.500 metros cadrados que a circunda, como chalé reformado por case 700.000 euros. Daquela, xa había un proceso penal en marcha derivado da denuncia doutras empresas de restauración. Entre as persoas máis doídas polo sucedido e impulsoras da denuncia ante a Fiscalía estaban, detallan fontes do caso, as "máis relixiosas" do lugar. Entre elas, María Ferreira, unha anciá xa falecida que en 2009 roldaba os 80 anos e que, como testemuñou no xulgado, consideraba que a declaración de ruína da reitoral non era máis ca "un engano". Non en van, ela mesma coidara da casa durante anos e mesmo chegou a residir nela entre 2002 e 2003, mentres reformaban a súa vivenda.

Os argumentos da Audiencia

Nin as escoitas, nin os testemuños da veciñanza, nin as argumentacións dos letrados que a representan como acusación particular son válidos para a Audiencia. No auto ditado o pasado 13 de xuño, ao que tivo acceso este diario, a sala nega que a decisión de venderlle a casa a Gómez-Gil fose tomada polos sacerdotes e desbota tamén que as condicións da venda fosen "moi vantaxosas". "Non sabemos en que datos se basea dita afirmación", salientan, e reducen a "conxeturas" que o prezo de 60.000 euros fose "irrisorio". Ademais, non consideran que María Ferreira residise na casa proba dabondo para acreditar que non estaba en ruínas. Ben ao contrario, coidan que as fotografías da construción antes da venda, entre elas as que acompañan esta información, acreditan o seu "manifesto deterioro" e que o seu estado "deixaba moito que desexar". Así e todo, no mesmo auto os maxistrados admiten que as imaxes e a declaración da veciña "non achegan elementos dabondo para coñecer o estado real da casa".

A sala defende que a casa estaba en ruínas e que non é posible demostrar o suborno

A sala culmina o seu razoamento sinalando que non é posible concluír que o párroco e o ecónomo ou o bispo, na súa condición de xefe da diocese, "subornasen ou tentasen subornar" os líderes da trama, xa que "non se demostraron as dádivas, agasallos ou promesas que supostamente entregaron ou ofreceron, nin a actuación ilícita que obtiveron ou pretendían obter a través da súa entrega". As restauracións de igrexias e mosteiros non só benefician o bispado, senón a "sociedade non seu conxunto", alegan. Así as cousas, despois de librarse da acusación do xuíz e, como revelou este diario, tamén da acusación da Xunta, este auto da Audiencia, contra o que non cabe recurso, salva definitivamente os cargos eclesiásticos de ter que responder ante a Xustiza polo conxunto dos feitos.

Os ex-traballadores da Xunta serán xulgados por delitos como suborno, fraude e exaccións fiscais

Quen si serán xulgados, non obstante, son os dous ex-traballadores da Xunta -o letrado do Goberno galego só acusa a Gómez-Gil-. Terán que responder de delitos como suborno, fraude e exaccións fiscais por, presuntamente, recibir todo tipo de contrapartidas, dende cartos a unha vaca ou reformas nas súas casas, a cambio de subvencionar fraudulentamente obras de restauración e tamén de construcións de albergues de peregrinos que eran realizadas por empresas amigas. Igualmente, cinco responsables das empresas de restauración sentarán tamén no banco dos acusados. A asociación veciñal pode acusar tanto os funcionarios como os cargos das empresas, pero o auto da Audiencia impídelle facer o mesmo cos cregos.

 

Fachada da reitoral en 2003 CC-BY-SA Xosé Manuel Sendín
Detalle da vivenda que a Igrexa lle vendeu ao presunto líder da trama CC-BY-SA Xosé Manuel Sendín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.