O mundo da cultura de Pontevedra pide nun manifesto a abolición das touradas na cidade

Vicky Estévez e Kiko Dasilva, na presentación do manifesto © Touradas fóra de Pontevedra

"Nós, como persoas vinculadas aos espazos da cultura, do pensamento, da educación e da arte (...) queremos facer público o noso rexeitamento ás touradas, en Pontevedra e en calquera outra parte, e facemos un apelo ás diferentes administracións para que asuman unha posición abolicionista activa". Unha vintena de colectivos culturais e sociais da comarca de Pontevedra, e medio cento de persoas a título individual asinan un manifesto que demanda a abolición das touradas na cidade. 

O texto demándalle ás distintas administracións unha "posición activa" para rematar con esta práctica na localidade

O texto, impulsado pola plataforma Touradas fóra de Pontevedra, foi presentado este venres por Vicky Estévez -en representación do colectivo- e polo debuxante Kiko Dasilva, en nome dos e das asinantes. O manifesto salienta que "o cruel espectáculo e negocio das touradas non se pode tentar lexitimar apelando unha e outra vez, sen pasar pola peneira da crítica ética, ao feito de ser unha suposta tradición cultural e unha manifestación artística a preservar". E engade que "aínda que efectivamente as touradas fixesen parte da nosa tradición cultural, isto non as libraría de seren sometidas ao filtro da ética posto que as tradicións non se poden defender en base, simplemente, ao feito de seren algo tradicional, algo repetido no tempo".

O texto lamenta que "aínda teñamos convivir na nosa cidade en pleno ano 2016" con este espectáculo de tortura animal e demándalle ás distintas administracións unha "posición activa" para rematar con esta práctica na localidade.

O 13 de agosto unha manifestación percorrerá as rúas de Pontevedra

Unha vez que o pasado verán A Coruña suprimiu toda axuda municipal ás touradas, o que levou á desaparición da feira taurina, Pontevedra fica convertida no "último reduto" da tauromaquia en Galicia. En 2015 tamén se celebraron corridas en Padrón e Triacastela, pero a súa continuidade non está asegurada. Touradas fóra de Pontevedra levará a cabo este verán unha intensa campaña de protesta contra a organización da feira taurina e en demanda da eliminación do convenio que na actualidade o Concello de Pontevedra mantén cos organizadores deste espectáculo -renovado o pasado 30 de xuño- polo que lles paga 38.500 euros polo alugueiro da praza de touros para a realización de actividades da Feira Franca. A campaña de Touradas fóra de Pontevedra inclúe unha manifestación, convocada para o 13 de agosto.

 

Consulta aquí o manifesto e os seus asinantes

Vicky Estévez e Kiko Dasilva, na presentación do manifesto © Touradas fóra de Pontevedra

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.