Mobilidade e zonas verdes son, de forma clara, as dúas maiores preocupacións dos cidadáns e cidadás da Coruña que están a participar no proceso de Orzamentos Participativos, que vén de iniciar a súa Fase de Avaliación. Nas vindeiras semanas persoal do Concello analizará a viabilidade técnica e económica das iniciativas máis votadas e o 15 de setembro comezará a votación final das ideas realizables. Nos Orzamentos de 2017, un millón de euros investiranse nos proxectos escollidos pola cidadanía.
Dous grandes temas destacan por riba dos demais: a necesidade de que A Coruña conte con máis parques, árbores e zonas verdes e máis facilidades para o uso da bicicletas na cidade
Á vista das propostas máis votadas, dous grandes temas destacan por riba dos demais. Por unha banda, a necesidade de que A Coruña conte con máis parques, árbores e zonas verdes. Unha das dúas ideas con máis apoios (260 votos) refírese á creación dun gran bosque nas ladeiras do monte de Elviña. Pero a esta iniciativa únense outras que piden "aumentar a cantidade de árbores nas rúas da cidade, recuperando zonas verdes que a anterior corporación municipal converteu en cemento", unha "reforestación integral en toda a cidade", "plantación de 111 árbores autóctonas entre Monte das Moas - Parque de Eirís" ou a creación de hortos urbanos.
Outro bo número de ideas refírense á creacións de carrís-bici, de sendas peonís e para bicicletas (por exemplo nos terreos do oleoduto que une a terminal de San Diego coa Refinería de Repsol), á mellora e ampliación do sistema de Bicicoruña, á recuperación do carril-bus (aproveitando para facilitar a circulación de ciclistas) ou á construción de pasarelas na ría do Burgo. Son varias ducias as propostas que de xeito máis xeral ou máis concreto piden máis facilidades para o uso da bicicletas na cidade.
Claudia Delso salientou que o proceso está a demostrar que "a cidadanía ten desexo e necesidade de participar a través de mecanismos de democracia directa" e que "coñece a súa cidade, coñece os seus barrios e tamén as súas necesidades”
Na presentación dos resultados das votacións, a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, salientou que o proceso está a demostrar que "a cidadanía ten desexo e necesidade de participar a través de mecanismos de democracia directa" e que "coñece a súa cidade, coñece os seus barrios e tamén as súas necesidades”. Delso explicou que as distintas propostas formuladas pola cidadanía recibiron un total de 13.082 apoios e que a plataforma web que sostén todo o procedemento recibiu un total de 18.643 visitas entre o 7 de xuño e o 15 de xullo. A convocatoria de ideas contou con máis de medio milleiro de propostas, das que se descartou unha parte, pasando 362 á fase de votacións. Dada a natureza das propostas, son as áreas de Rexeneración Urbana, Mobilidade, Medio Ambiente e Innovación Tecnolóxica as que neste momento están a traballar con máis detemento na análise da súa aplicación práctica.
As 15 propostas con máis votos
- O gran bosque da Coruña. "Visto que na Coruña cada vez domina máis o cemento -claro exemplo témolo na zona da Mariña- e que os máis importantes urbanistas xa dixeron no seu momento que necesitaba máis zonas verdes, a miña proposta vai encamiñada a solucionar dúas cousas dunha vez. Por unha banda, rematar a musealización do abandonado Castro de Elviña, e por outra facer na súa contorna, sobre todo na ladeira do monte que baixa cara a Pocomaco e cara a Feans, un gran bosque de especies autóctonas".
- Creación dunha rede de vías ciclables na cidade. "Unha rede viaria segura e útil que anime a todas as coruñesas a moverse en bicicleta como un medio de transporte eficaz, seguro, económico e saudábel. Esta rede debería combinar carrís-bici exclusivos con vías Zona20 ou Zona30 ben definidas onde as bicicletas tivesen preferencia sobre os vehículos de motor".
- O antigo cárcere da Coruña como centro social, cultural e deportivo. "A nosa proposta é que se se aceleren os trámites para que este edificio se convirta en municipal e se faga un investimento para a súa rehabilitación. Todas as asociacións ou cando menos a maioría delas temos unha gran necesidade dun espazo óptimo para desenvolver a nosa actividade".
- Recuperación do carril-bus. "É difícil explicarlle a alguén que veña dunha grande urbe europea que aquí se decidira eliminar o carril preferente para transporte publico e que teñamos un volume de retencións de trafico e atascos tan importante para o tamaño (pequeno) desta cidade".
- Tarxeta Milenium no móbil. "Utilización do móbil como tarxeta Millennium para o transporte público, na que se poidan facer as recargas dende o mesmo aparato e dende a tua propia conta bancaria, sen ter que utilizar os caixeiros e oficinas de Abanca, única alternativa existente ata agora"
- App de incidencias. "Creación dunha app municipal para dar parte sobre incidencias, danos e suxestións. Se vas pola rúa e ves unha papeleira rota, un farol estragado, un bolardo arrincado ou unha varanda frouxa, podes sacarlle unha foto e dar parte da incidencia e a localización a través desa app".
- Máquinas de reciclaxe de envases de plástico, latas e vidro. "Pór máquinas nas entradas de supermercados que devolvan unha parte do diñeiro que previamente pagaron por eses produtos ao entregar envases de plástico, latas e vidro".
- Hortos urbanos municipais. "Pór en marcha hortos urbanos en distintos puntos da cidade, xestionados por profesionais da agricultura ecolóxica, mantelos mediante cursos de formación a xente desempregada realmente interesada, e comercializar en mercados locais o producido. Utilizar os mesmos como centros de educación ambiental infantil e promoción de pulmóns verdes na cidade"
- Unha pasarela que una o porto de Oza co paseo do Burgo. "Sería unha solucion moi barata, eficaz e rápida para conectar estes dous puntos con carril bici e zona peonil"
- Comedores de verdade en centros públicos. "Os centros de ensino non dispoñen de cociñas que dean servizo aos comedores, todo ten que ser de catering".
- Cambio de herba artificial do campo da Torre por un compatible co rugbi. "O CRAT A Coruña leva máis de dez anos sen xogar na cidade, xa que dende o cambio da herba natural na Torre non poden utilizar o campo, véndose obrigados a xogar noutro concello. O CRAT ten equipos dende a categoría sub6 a sub18, dous equipos senior masculino (un na División de Honra B) e un equipo feminino na División de Honra e que é campión de España".
- Continuar adaptando a cidade para persoas en cadeira de rodas. "É necesario un maior investimento en mellora de beirarrúas, pasos de cebra e para que todos os buses teñan rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida".
- Recuperación do Castro de Elviña. "Propoño a recuperación deste xacemento a través dunha parcelación menos agresiva e de menor impacto ambiental e paisaxístico; traballos de mantemento regulares que eviten a custosa dinámica de deterioración/limpeza; posta en marcha dun proxecto de musealización e posta en valor do castro".
- Creación dunha Biblioteca Municipal en Novo Mesoiro. "É o barrio máis afastado do casco urbano. Carecemos dunha biblioteca e necesitamos a realización de programas de animación á lectura dirixidos especialmente ao público infantil e xuvenil"
- Piloto de migración a Software Libre. "Este proceso é custoso e ambicioso no seu conxunto, mais poden darse pasos. A miña proposta sería facer un piloto collendo como referencia un número limitado de postos de funcionarios e facer unha migración dos seus equipos a software libre de forma progresiva, comezando polas aplicacións máis habituais"