As alertas sucédense dende hai anos e semella que está a piques de chegar o momento das explicacións. O Foro do Camiño, a entidade con sede en Lugo formada por unha trintena de organizacións culturais e veciñais co obxectivo de preservar os Camiños de Santiago, vén de se dirixir ao Icomos, ente consultivo da Unesco na protección dos bens Patrimonio da Humanidade, para "denunciar" as obras promovidas pola Axencia Turismo de Galicia nas rutas Primitiva e do Norte a Compostela. "Baixo eufemismos como acondicionamento, recuperación e mellora", advirten, a entidade dependente da Xunta está a "alterar a traza histórica" das rutas xacobeas, "atentando contra a fisonomía tradicional dos vellos camiños históricos de peregrinación" con fins esencialmente turísticos.
As obras, promovidas polo Goberno galego dende mediados deste mes, supuxeron xa "alteracións" sobre 12 quilómetros de camiños e "preténdense continuar durante os vindeiros meses ao longo de toda a senda". "Realización de explanadas, novos firmes, apertura de noiros, estabilizacións con zahorra e cemento, alteración do nivel de resante do chan" ou "retirada de pedras de muros laterais" son algúns dos exemplos ofrecidos polo Foro como mostra da "desnaturalización" do Camiño que pretenden frear.
O Foro do Camiño diríxese ao Icomos para tentar frear as obras de Turismo nos camiños Norte e Primitivo, que xa "alteraron 12 quilómetros" de vías tradicionais, din
Trátase de obras públicas, abondan, que implican, pola vía dos feitos, a "construción de sendeiros ex novo con maquinaria pesada " que non só "transforman e desvinculan do seu contexto as vías históricas e urbanizan os espazos tradicionais", senón que ademais chegan a "favorecer o paso de vehículos a motor". O "único obxectivo", láianse, semella ser "mercantilista e de promoción turística" mentres se "despreaza o valor histórico, cultural, patrimonial e simbólico que consitúen en si mesmas as trazas físicas dos Camiños Norte e Primitivo.
Coa súa acción ante o Icomos o Foro pretende acreditar que, en última instancia, a Xunta está a vulnerar con estas actuacións a lei que protexe os Camiños de Santiago dende 1996. A norma, resaltan, "define estas vías como bens de carácter cultural asociadas a un territorio histórico" e "non como camiños funcionais de tránsito ou de mercado turístico-comercial". Ademais, aseguran, estas obras van contra "os criterios determinados por Icomos" para "preservar a integridade" dos Camiños. Con esta alerta pretenden que Icomos "apele á responsabilidade da Xunta na conservación e protección da esencia da camiñería histórica", free as obras de Turismo e "informe á Unesco do que está a suceder nestas dúas rutas Patrimonio da Humanidade".
Se o Icomos atende a reclamación do Camiño non sería a primeira vez que a intervención desta entidade frea unha obra dunha Administración pública galega para preservar un ben Patrimonio da Humanidade. Xa sucedeu en 2007, cando freou a intención de converter nun auditorio o antigo cuartel de San Fernando, no centro de Lugo. Daquela considerou que o impacto das obras poría en risco a declaración da Muralla como ben mundial.
Imaxes achegadas polo Foro ao Icomos para amosar o impacto das obras
Contra as recomendacións de Icomos e o criterio dos camiñantes
Así, lembra o Foro, xa en 2007 a entidade consultiva da Unesco emitiu un informe a instancias da propia axencia cultural da ONU no qu e"determinaba o enfoque que as Administracións públicas, incluída a Xunta, deberían adoptar para preservar os camiños históricos de peregrinaxe". Así, en referencia directa ás "autoridades" galegas, Icomos instaba a "procurar co maior esmero a pervivencia do trazado físcio, así com a dos bens asociados á existencia" dos camiños. Tanto os bens "tanxibles" como "os intanxibles" son, para Icomos, "parte substantiva do Camiño de Santiago que deben protexerse e conservarse en toda a súa autenticidade e integridade", advertía.
"Buscaba andar por lugares tradicionais, non por unha pista que máis parece unha estrada"
Ademais de consideracións xurídicas e patrimoniais e dun anexo fotográfico, o informe remitido polo Foro ao Icomos inclúe tamén testemuñas de persoas que realizaron as rutas de peregrinación a Santiago polas vías Primitiva e do Norte. É o caso dunha peregrina checa sorprendida polo atopado entre A Fonsagrada e Castroverde: "Non me gustou nada; buscaba andar por lugares tradicionais, non por unha pista de terra que máis parece unha estrada". "Non entendemos o sentido destas obras", agrega un grupo de peregrinos madrileños e cataláns, quen advirten ademais de que as obras á procura de "comodidade" poden acabar mesmo prexudicando "os nocellos e os pés" dos peregrinos. "Eu quero andar sobre a historia, non sobre a novidade", sintetiza unha integrante dun grupo de camiñantes franceses, mentres
"Inexistente" recuperación
A xuízo do Foro do Camiño estas actuacións de Turismo encádranse nun contexto no que a "verdadeira recuperación" das rutas está a ser inexistente. "Nas dúas delimitacións oficiais das vías Primitiva e Norte aprobadas pola Consellaría de Cultura", din, "consolidáronse todas cantas alteracións e deturpacións das trazas orixinais se foron acumulando" durante dúas décadas como "mostra da nula vontade da Administración galega" para "recuperar e poñer en valor os treitos usurpados, cortados, alterados ou modificados" por mor "do beneficio particular ou turístico-comercial". Nomeadamente, lembran, a delimitación do Camiño Primitivo aínda está pendente dunha decisión xudicial tras un recurso interposto polo propio Foro ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O Foro advirte do "trasvase" de competencias sobre o Camiño dende Cultura á Axencia de Turismo
Todas estas actuacións, conclúen, prodúcense nun contexto no que "de xeito enmascarado", as competencias sobre o Camiño "están a derivar" dende os departamentos patrimoniais e culturais do Goberno galego "cara á Axencia de Turismo". "Proba deste sibilino trasvase -abondan- é que se encomendou a Turismo elaborar o Plan Director e Estratéxico dos Camiños de Santiago". "Chama poderosamente a atención", agregan, que "para poder concursar na elaboración" destes plans "o principal criterio é o de ter coñecementos en promoción turística" mentres se "obvian competencias en materia cultural, arqueolóxica ou histórica". O "enfoque unicamente turístico e comercial", advirten, pon "en risco a esencia mesma" do Camiño ata poñelo ao bordo de "morrer de éxito".