"A Xunta está tan pendente da urxencia do lume que non fai o importante no monte"

Un brigadista nunha zona arrasada polo incendio de Arbo Dominio Público @BrifLaza

Profesor da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, da Universidade de Vigo, e antigo director da Asociación Galega Monte Industria, Juan Picos é un dos maiores expertos do monte en Galicia. Autor hai pouco máis dun ano dun completo informe sobre o sector forestal no país, fala claro sobre a problemática dos incendios e reparte responsabilidades. Con todo, deixa claro que é urxente que as administracións dediquen persoal, fondos e, sobre todo, unha estratexia política a longo prazo para mellorar a xestión do monte. E que isto se "desligue" da política contraincendios, aínda que esta tamén mereza toda a atención. 

Son os incendios un problema atávico en Galicia?

O noroeste da península Ibérica -Galicia, oeste de Asturias, parte de Zamora e norte de Portugal- ten unha serie de características comúns ao respecto dos incendios. Hai unha conxunción e correlación entre o clima, a vexetación e a cultura. Hai un clima oceánico que fai que a vexetación creza moi rápido, ademais de sufrir secas estivais, algo que non ocorre noutras zonas de Asturias, Euskadi ou o sur de Portugal. Ademais, a vexetación é moi semellante en toda esta área xeográfica e tamén hai unha característica cultural que consiste na utilización do lume para defenderse do monte desde hai moito tempo. É, digamos, o lume funcional, o feito de entendelo como unha maneira de eliminar vexetación sen esforzo. Mesmo se sabe de casos nos que os veciños se poñían de acordo para queimar unha ladeira e eliminar a matogueira. É un pouso que quedou aí. Pasou o tempo pero hai determinadas prácticas ou querencias polo lume que continúan. No momento que hai disfuncións, o lume pasa a ser igual de funcional, pero mal empregado. Non hai que esquecer isto nunca porque marca moito o que ocorre nesta área con respecto ao que ocorre noutros lugares do Estado ou no sur de Portugal. 

Parece evidente que non é posible atribuír a unha soa causa este mal endémico?

Sempre fago unha analoxía sobre os incendios para intentar entendelo: ninguén discute hoxe en día sobre as causas dos accidentes de tráfico. Asúmense que pasan, que son moitos ao ano e que mesmo hai comportamentos dolosos de xente que fai o que non debe facer, pero tamén se entende que hai moitos factores causais polo medio, como o estado das estradas, o exceso de velocidade ou a inxesta de bebidas alcólicas. É un único problema cunha ramificación de causas. Estamos falando de milleiros de sucesos co mesmo resultado pero cunha orixe que é moi variada. Hai comportamentos neglixentes, pero tamén factores causais que provocan que haxa máis incendios, ou máis accidentes de tráfico, e máis graves. 

"Pasamos dos 8.000 incendios ao ano nos 80 aos 3.000-2.000 de agora, pero hai áreas onde o lume é recalcitrante; arde sempre nos mesmos sitios"

Pero parece un problema que non remata ou que mesmo vai a máis?

Se un analiza os datos máis fiábeis, desde mediados dos 70, comprobamos que cada dous, tres ou cinco anos temos picos de incendios, pero vanse reducindo, sobre todo en canto ao número. Pasamos de 8.000 incendios ao ano nos 80 e 90 aos 3.000-2.000 da actualidade. O que ocorre é que hai zonas onde o lume é recalcitrante porque arde sempre nos mesmos sitios e iso si que é claramente sintomatolóxico. Aínda que o risco xeral baixou, hai sitios que son permanentemente problemáticos. Hai bos resultados polo traballo feito nalgunhas áreas, pero moitas veces o descenso no número de incendios tamén ten que ver co despoboamento do rural e con que xa non se empregue o lume. 

Por que se repiten os incendios nos mesmos sitios?

É moi importante estudar con detalle estas zonas, por que ocorre, cando ocorre... As causas son tan puntuais e particulares como cada un dos sitios: pode ser por un incendiario, porque o tren pasa por alí e solta chispas en días de calor... En moitos casos a orixe é humana, pero é fundamental estudar cada caso e cada área. Desde a xeneralidade non se pode analizar. A cara boa da moeda é que non arde toda Galicia, senón partes de Galicia, pero iso obríganos a ir alí, ao terreo, e saber o que está a pasar. 

"O problema dos incendios é grave e con causas moi diversas; toda a cidadanía ten cousas por facer para mellorar a situación"

Haberá moitas cousas que se poderán facer mellor para evitar tantos incendios e tantas hectáreas queimadas...

Todos temos algo na nosa man que facer para poder mellorar a situación. Obviamente, as administracións e os poderes públicos teñen moito que mellorar, pero tamén os cidadáns facemos cousas que contribúen ao risco. Cando só nos preocupamos do primario e do rural cando temos este problema de incendios, ao final estamos sendo un pouco hipócritas. Por pór un exemplo, se como consumidores mercamos produto local ou de cooperativas que poñen en valor o medio rural, estamos contribuíndo a que esa zona mellore ou sexa menos susceptible de sufrir un incendio. O problema é tan grave, tan espallado e con causas tan diversas que todos podemos facer algo para melloralo.

"A vía de solución para os incendios en Galicia é sistémica; todo axuda a reducir o problema, a evitar que se espalle tanto"

Pero haberá diferentes graos de responsabilidade?

Evidentemente, hai distintos graos de responsabilidade, non é o mesmo a que ten a Xunta, un Concello, a Deputación ou unha comunidade de montes, pero todos os cidadáns temos cousas que facer. Estes días fun a Baroña e, ademais de ir á praia, aproveitei para ver os restos do incendio. Independentemente da causa do lume, o que deixou ver a destrución provocada foi un conxunto de latas e lixo enorme no monte queimado. Hai moitas cousas que os cidadáns podemos facer e non só sorprendernos cando vemos as lapas. Cando hai unha vaga de incendios, veciños e amigos adóitanme preguntar o por que. Eu sempre lles pregunto cantos están nunha asociación de custodia do territorio, cantos colaboran coa comunidade de montes... Ao final todo axuda a reducir este problema, non a eliminar o foco, pero si a evitar que se espalle de tal maneira. A vía de solución para os incendios é sistémica.

"O responsable político da extinción non pode ser o mesmo que o da xestión forestal; non podemos estar sempre na porta de urxencias"

Que sería o urxente, o inmediato para afrontar a problemática dos incendios?

Máis tarde ou máis axiña haberá que aplicar unha máxima que creo que é fundamental e sempre defendín: que o responsable político da extinción de lumes non sexa o mesmo que o da xestión forestal. Non podemos ter alguén que traballa con prazo de minutos polas emerxencias con quen traballa con prazos de lustros ou décadas no que se refire á política forestal. Non podemos estar en campaña ou precampaña de incendios desde marzo até outubro e que a maioría de recursos económicos, humanos e mesmo políticos estean centrados en se vén unha semana máis seca ou menos. Por facer unha analoxía: o director do hospital non debera ser nunca o director de urxencias porque sempre haberá un doente por atender que se estea xogando a vida, pero logo hai moitos máis non tan urxentes aos que hai que darlles de comer, coidar, medicar... Non podemos estar sempre na porta de urxencias e non atendendo outras cousas para que non veñan esas urxencias. 

Unha política a medio-longo prazo...

Debería haber unha serie de persoal e achegas orzamentarias cuns obxectivos concretos enfocados a poñer en valor o monte, apoiar os propietarios das comunidades de montes e desenvolver políticas forestais sen ter a espada de Damocles dos incendios enriba. 

"O traballo sistémico e de fondo é lento e politicamente pouco proveitoso a curto prazo, pero alguén ten que facelo"

Pouco parece que se poida facer de continuar o despoboamento no rural...

Ese tipo de traballo sistémico e de fondo é lento e politicamente pouco proveitoso a curto prazo, pero alguén ten que facelo e ter os obxectivos marcados. Os obxectivos non poden ser que arda máis ou menos mentres por tras non hai un traballo sobre o investimento en silvicultura, sobre o abandono do monte, sobre o seu aproveitamento... Logo discutiremos como se reparte nos orzamentos, pero o primeiro é que haxa un responsable para estes obxectivos e que teña 3-4 anos para desenvolver esas políticas. Estamos sempre aprazando as cousas importantes porque sempre hai que tratar o urxente; e o problema é que levamos adiando isto vinte anos. 

"Estamos sempre aprazando o importante porque sempre hai que tratar o urxente; levamos vinte anos adiando o fundamental"

Que importancia ten a eucaliptización do monte galego nos incendios?

Recentemente, o laboratorio de Fogos Florestais da Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro, en Portugal, fixo un estudo sobre o tema que concluíu que non hai moita diferenza en canto a un ou outro tipo de masa forestal nos incendios. Ao final, o parámetro fundamental é o meteorolóxico e ese estudo está centrado nunha área con circunstancias parecidas a Galicia. Moitas veces confundimos a simple presenza de eucaliptos co abandono do monte. Obviamente, se non se fai ningunha intervención e a zona se enche de matogueira, aí si que o eucalipto ten incidencia porque crea unha maior cantidade de sotobosque. O modo de xestión é o importante e a discusión non é se é por culpa dos eucaliptos ou non. Sofren os coches deportivos máis accidentes de tráfico? Se cadra non, pero outra cousa é que haxa maior risco porque o factor fundamental é a velocidade. O que temos é que mellorar moito a xestión e non confundir, de aí a necesidade de ter boa información e de calidade sobre as masas forestais. Non abonda con saber cantas son de eucalipto ou piñeiro, senón cantas delas están abandonadas. Aquí a Administraicón debería facer moito maior esforzo. A máis datos, mellor xestión e máis posibilidades de chegar antes ao cerne do problema.  

"Non abonda con saber cantas hectáreas hai de eucalipto ou piñeiro, senón cantas delas están abandonadas"

É o abandono a clave?

Claro. O grao de abandono nas superficies forestais é clave. Cando se abandona unha explotación agropecuaria, á seguinte semana xa sabemos que está abandonada, pero cando se abandona un monte, pode que non nos decatemos até 25 anos despois de que o propietario deixou de traballalo. Aí xa non podemos nin convencer o dono nin facer nada. Temos que ser moito máis cirúrxicos e non permitir ese abandono. 

"O grao de abandono das superficies forestais é a clave; podemos tardar 25 anos en decatarnos de que un monte está abandonado"

Que lle diría brevemente ao próximo presidente da Xunta se lle pregunta por medidas inmediatas contra os incendios?

Diríalle o mesmo que xa lle dixen a algún, pero se cadra non me fixo moito caso. Temos que intentar que entre na cabeza do gobernante que ten que haber un servizo de emerxencias con cartos e medios, pero temos que desligalo do traballo de fondo. En Galicia temos 19 distritos forestais perfectamente comarcalizados polo territorio e eses sitios non teñen que ser cuarteis de bombeiros, senón lugares onde o propietario do monte vaia buscar apoio, que axuden a dinamizar a contorna e que teñan uns obxectivos claros de produción e posta en valor do monte. Temos 19 ferramentas comarcalizadas, con persoal técnico e axentes forestais... E témolos 12 meses ao ano. Non pode ser que estean varios meses ao ano pendentes do lume e logo, entre vacacións e peche de exercicio, acabar o traballo. 

"En Galicia temos 19 distritos forestais comarcalizados que non deben ser cuarteis de bombeiros nin estar case todo o ano pendentes só do lume"

Que pode facer de inmediato a Xunta?

A Xunta ten responsabilidade directa a día de hoxe sobre máis de 250.000 hectáreas, polo que é o principal xestor forestal de Galicia, así que debe ser un exemplo de xestión. Eses milleiros de hectáreas que xestiona en cooperación coas comunidades de montes teñen que ser un paradigma e deben mostrarlle á xente o que se pode facer co monte, aprenderlle. Sempre se di que case todo o monte en Galicia é privado, pero a Xuna xestiona un 20% del e este 20% tiña que ser exemplar. O que non pode ser é que o descoidemos por estar en campaña de lumes. 

"Os dispositivos de extinción deben estar sempre preparados, pero non poden fagocitar a xestión forestal"

E en canto a actuación sobre os incendios?

Respecto do lume, hai que estar preparados e non abandonar o dispositivo de extinción, por suposto, pero o que non pode é fagocitar económica e mentalmente unha xestión como a forestal. Ao final, como se ve, tamén se dedican a defender cousas que nada teñen que ver co forestal, como casas ou infraestruturas que ademais están mal construídas. Ao final, estamos destinando moitos cartos a cuestións de seguridade e emerxencia cando a filosofía que debe imperar na administración forestal é a outra. 

"Na xestión forestal de Galicia, as administracións están tan pendentes do urxente que non fan o importante"

Como debe ser esa filosofía?

Un dos éxitos do plan forestal, reiteradamente incumprido, foi que se comarcalizou Galicia como non se fixo en ningún outro sector, pero non para ter un cuartel de bombeiros, senón para ter unha oficina que axude a mellorar a xestión do monte, pegada ao territorio e non desde A Coruña ou desde Ourense. O obxectivo é mobilizar medios e cartos para estes obxectivos, pero sabendo que os froitos non se verán nesa lexislatura nin posiblemente os verá ese mesmo conselleiro da Xunta. Pero hai que facelo e alguén ten que empezar. Ao final, todo o mundo recoñece que se lle pasou o arroz porque estaba tan pendente do urxente que non fixo o importante.  Ademais, desde a Universidade temos que colaborar, dar resultados de investigación e de mellora tecnolóxica que sexa transmitida aos proplietarios. Por últmo, os cidadáns, como consumidores ou colaboradores, tamén temos que colaborar con quen está ao pé da xestión no rural. Non só debemos apoiar economicamente, senón apoialos socialmente. Non podemos permitir que abandonen.

Juan Picos CC-BY-NC-SA GCiencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.