0 Gardados para despois

Un novo informe constata o estancamento da sanidade pública en Galicia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

A situación da sanidade pública en Galicia non mellora. Tampouco no resto de autonomías do Estado. Esas son as conclusións que se tiran do informe que cada ano realiza a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e que insiste en que os recortes en persoal e orzamentos ou os diferentes modelos de privatización continúan a danar a calidade dos servizos sanitarios públicos. No caso da comunidade galega, mantense no segundo grupo, na das autonomías con "servizos sanitarios regulares". Sitúase no oitavo posto e baixa un con respecto ao estudo do pasado ano, aínda que empatada con outros tres territorios. Por riba, con mellores servizos, Asturias, Castilla y León, Euskadi, Aragón e Navarra, estas tres últimas no grupo cos "mellores servizos sanitarios". 

Galicia mantense no grupo de autonomías con "servizos sanitarios regulares" e baixa un posto con respecto ao ano pasado

O informe Los servicios sanitarios de las CCAA baséase en datos oficiais obtidos das administracións en 2014 e 2015 e parte de 2016 e analiza parámetros como o financiamento e os recursos (camas por 1.000 habitantes ou gasto per cápita), a valoración dos cidadáns, a privatización sanitaria (porcentaxe de gasto sanitario dedicado a contratacion con centros privados) ou a política farmacéutica.

A puntuación máxima posible é de 106 e a mínima de 26. Galicia obtén unha puntuación de 68, un chisco por riba da media das autonomías (65,7) e moi afastada tanto da puntuación máxima de 83 obtida por Navarra e dos 46 que acada a Comunitat Valenciana, o último de todos os territorios segundo este baremo. Tal e como destaca a FADSP, unha mellor situación na puntuación das autonomías -xeneralizada en todas elas- "non supón que non se producisen recortes e retrocesos no sistema sanitario, algo que sucedeu en todas, senón que ou ben se atopaban nunha mellor situación de partida ou ben estes recortes foron comparativamente menores que nos demais servizos sanitarios autonómicos".

A situación da sanidade pública estáncase en Galicia, con lixeiras melloras no orzamento e un pequeno empeoramento nos recursos

No caso galego, e respecto ao estudo do pasado ano, o orzamento sanitario per capita mellora lixeiramente (dos 1.143 euros aos 1.258) pero non así outros indicadores como o número de camas por 1.000 habitantes -que baixan de 3,68 a 3,36-, a media de quirófanos (de 10 a 9,92) ou médicos de Atención Primaria por cada milleiro de persoas, que pasa do 0,81 ao 0,78. Con todo, a situación é de estancamento no Sergas, segundo se tira do informe, ao empeorar lixeiramente algúns indicadores e mellorar un chisco outros. É o caso dos médicos de Atención Especializada por cada 1.000 habitantes, que se mantén idéntico no 1,76, ou o de enfermeiros do mesmo ámbito, que aumenta de 2,1 a 3,1.

En canto ao gasto farmacéutico per cápita, en Galicia sitúase nos 248,12 euros, o que supón un lixeirísimo descenso con respecto ao anterior informe, só superado polo que se dá en Extremadura. En canto á porcentaxe de xenéricos sobre o total de envases, Galicia é das autonomías con peor resultado, un 39,2%.

A valoración dos cidadáns sobre a calidade da sanidade pública descende e só un de cada catro considera que ten mellorado

Onde si se aprecia un descenso é na valoración que os usuarios da sanidade pública fan do servizo, aínda que segue a ser boa tendo en conta os datos do Barómetro Sanitario do CIS. Case un 86% das persoas atendidas no Sergas consideran que a atención recibida foi boa ou moi boa. En canto á puntución que os cidadáns dan ao sistema público, en Galicia sitúase no 6,16, un chisco menor ao 6,22 da anterior puntuación. 

Tamén hai unha menor porcentaxe de persoas que opinan que a sanidade pública funciona ben ou bastante ben -o 71,6% fronte ao 73,2%- e tamén un descenso na cantidade de cidadáns que elixen o servizo público para a hospitalización (do 83,6% ao 77,9%). Ademais, só o 23,5% dos usuarios considera que ten mellorado a Atención Primaria, a consulta de especialista e a hospitalización, un dato que, con todo, é mellor ao do pasado estudo. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.