Arde Ourense. Nos últimos dous días os incendios activos na provincia arrasaron unha superficie de ao redor de 6.000 hectáreas, obrigando en varios casos a decretar o nivel 2 pola proximidade do lume a núcleos habitados e afectando a espazos protexidos e de gran valor medioambiental, coma o Parque Natural do Xurés, Reserva da Biosfera transfronteriza e Rede Natura.
Nestes momentos o incendio que máis preocupa é o de Entrimo-Lobios, iniciado o martes pola tarde, e que xa queimou máis de 2.500 hectáreas. O lume obrigou a desaloxar varias vivendas nesta zona. De igual xeito, o incendio de Monterrei, iniciado na tarde do mércores na parroquia de Vences, achégase xa ás 250 hectáreas e arrasou durante a noite o monte que rodea a Atalaia do castelo medieval, Ben de Interese Cultural.
Tamén permanecen activos e aínda non controlados incendios en Boborás (600 hectáreas queimadas), Oímbra (1.500) e -en Lugo- en Navia de Suarna (90). Están xa controlados os incendios de Boiro (35), Fonsagrada (104), Chantada (106), Muíños (820), Lobeira (75), O Carballiño (41) e O Barco (25).
Foi un día duro para as brigadas de extinción, que traballaron sen descanso dende a mañá á noite, e en moitos momentos o denso fume impediu a acción dos medios aéreos. En Ourense, o Comité de Defensa do Monte Galego convocou para este xoves ás oito da tarde unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta.
Case 15000 hectáreas no que levamos de 2016
Os incendios que esta semana están asolando as comarcas ourensás elevan a superficie total queimada en toda Galicia no que levamos de 2016 a case 15.000 hectáreas, unha cifra que xa supera todo o queimado en 2015 (11.802) e 2014 (2.003). Agosto (8 mil hectáreas) e setembro (máis de 6 mil) dispararon o indicador. As cifras facilitadas por Medio Rural son provisionais e só inclúen os lumes que superan as 20 hectáreas de superficie arrasada ou que se achegaron a núcleos habitados (nivel 2). Por este motivo, os datos definitivos, que se publican habitualmente na primavera do ano seguinte, adoitan incrementarse.
Ademais, nos últimos anos o outono foi en ocasións unha estación especialmente propicia para o lume. O ano 2016, do que aínda resta un terzo, podería converterse no peor ano en materia de incendios forestais dende o 2011, cando arderon máis de 42 mil hectáreas de arborado e monte raso. Hai uns días a Mancomunidade de Comunidades de Montes de Pontevedra alertaba do alto risco de incendios forestais nas vindeiras semanas, por mor da calor, a sequía e o desmantelamento das brigadas de extinción, con contratos que adoitan rematar coa fin do verán.

