As precarias condicións na que as mulleres no segundo trimestre de xestación interrompían o seu embarazo en boa parte de Galicia desvelou numerosas eivas no funcionamento dos protocolos sanitarios no país. A falta de garantías e da asistencia mínima requirida para estes abortos euxenésicos -denunciada por varias afectadas hai máis de medio ano- provocou que o Sergas optase por enviar todas as mulleres a Madrid para seren atendidas nunha clínica especializada coa que mantén convenio. O devandito protocolo segue sen aplicarse e, tal e como adiantou Praza, as demandas de atención axeitada e na comunidade autónoma son respondidas polas autoridades sanitarias con ameazas de rachar o acordo con ese centro madrileño. A Fiscalía vén de reactivar o caso para determinar se hai responsabilidade penal por parte da Administración.
A Fiscalía reactiva o caso da falta de asistencia nos abortos terapéuticos e chamará a declarar a varias das afectadas
Este mércores, o fiscal superior da Coruña recibiu a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA) para apañar información detallada sobre as denuncias da deficitaria atención nestes abortos terapéuticos pasadas as 14 semanas de xestación. Varias mulleres advertiran da falta de atención continuada e idéntica á dun parto, da imposibilidade de contar con anestesia epidural ou mesmo de ter que expulsar o feto nun baño e en solitario.
A Fiscalía autonómica derivou ás fiscalías provinciais os casos -hainos na Mariña, Ferrolterra, A Coruña, Lugo ou Vigo- e arquivou as dilixencias por falta de casos concretos e denuncias individualizadas. Agora, a PGDA vén de achegar testemuños con "datos contrastados" de mulleres que sufriron as eivas na atención. Foi Margarida Corral, voceira da plataforma na Coruña, quen se reuniu durante máis dunha hora co fiscal, que agora chamará a declarar a esas afectadas. Son, polo momento, dúas as que accederon a achegar os seus datos persoais, pero hai "ducias de casos".
A Plataforma polo Dereito ao Aborto achegou os datos concretos de mulleres afectadas que requiría a Fiscalía
"O fiscal solicitará a declaración das implicadas, o seu testemuño e probas documentais e periciais para determinar se hai causa penal", explica Corral, que anuncia que a PGDA "valorará agora" se volve poñerse en contacto con outras mulleres que denunciaron os seus casos e aínda non facilitaron os seus datos para incorporalos á Fiscalía.
"Desde as autoridades sanitarias non se fixo nada para mudar os protocolos e continuamos recibindo denuncias de mulleres que sofren non só a dor física senón consecuencias emocionais. Os abortos euxenésicos a partir das 14 semanas, e recoñecidos por lei, non se garanten na rede pública galega, vulnéranse os dereitos das mulleres e, aínda por riba, obrígaselles a desprazarse a Madrid coas consecuencias psicolóxicas e económicas que iso implica", explica Margarida Corral, que xunto con ducias de persoas máis concentrouse ante a propia Audiencia Provincial co gallo do Día de Acción Global por un Aborto Legal, Seguro e Gratuíto deste 28 de setembro.
"Desde o Sergas non se fixo nada para mudar os protocolos; continuamos recibindo denuncias de mulleres"
O protocolo sanitario a seguir, malia o que asegura a Xunta, non existe segundo os profesionais da saúde. Desde o Centro de Orientación Familiar (COF) da Coruña asegúrase que no propio hospital materno-infantil se confirma que todas as mulleres que teñen que afrontar un aborto terapéutico son enviadas a Madrid, cando menos ata que exista o devandito protocolo.
O Sergas non atende os abortos euxenésicos a partir da 14ª semana e deriva todos a unha clínica privada en Madrid
Xa que logo, a alternativa do Sergas para garantir unha asistencia médica completa e o acompañamento continuo da muller é acudir a unha clínica privada en Madrid. A 600 quilómetros. Pero os gastos teñen que ser adiantados polas afectadas e as limitacións son importantes. Agora, ademais, a contía que sufraga a Xunta para o desprazamento rebaixouse case á metade mentres se aumentaron os requisitos para poder acceder á subvención.
A Xunta reduce as axudas
Así, e poñendo como exemplo a viaxe á clínica Isadora en Madrid encargada de levar a cabo estes abortos terapéuticos, as pacientes pasan de recibir algo máis de 213 euros en concepto de gastos de quilometraxe a recibir uns 144, polo que o importe que se abona por quilómetro pasa dos aproximadamente 18 céntimos aos 12 actuais.
No caso da viaxe en tren, anteriormente facilitábase ás pacientes un bono para poder realizar o traxecto en coche cama se así o desexaba. Agora, e segundo denuncia o COF, a persoa que se traslade a Madrid ten que adiantar os cartos e terá que viaxar en clase turista, a non ser que un informe médico xustifique a necesidade de que o faga máis descansada.
Por outra banda, e tamén con motivo do Día Internacional do Aborto Seguro, a Plataorma Feminista Galega concéntrase este mércores en Compostela. E reclama "reformar sen máis dilación e con carácter de urxencia a lexislación co fin de garantir que todas as mulleres teñan aceso o aborto legal, gratuíto e seguro". Ao tempo, reclaman as "medidas precisas" para "garantir o pleno respecto ás capacidades das mulleres para decidir de maneira autónoma sobre a súa sexualidade e a súa reproducción, en especial sobre a interrupción dos embarazos non desexados e impostos".
Ao tempo, a plataforma solicita que se "traballe para evitar a influencia de sectores integristas, relixiosos e fundamentalistas na posta en marcha de políticas públicas sobre saúde, dereitos sexuais e reproductivos", así coma a "posta en libertade das mulleres que se atopan privadas de libertade por cuestións relacionadas coa penalización do aborto no seu país".