A Fiscalía achega "esperanza" a un dos últimos acusados polas protestas contra a rotonda de Coia

Escolta policial ao barco Alfageme, de camiño a Coia CC-BY-NC-SA GZFoto

A resistencia veciñal durante meses contra a colocación dun polémico barco na rotonda de Coia continúa a derivar en procesos xudiciais. Aquela loita contra o que a veciñanza consideraba un símbolo das políticas de dilapidación de cartos públicos fronte ás dificultades económicas de milleiros de familias en Vigo rematou co buque de Alfageme chantado. Tivera que ser escoltado de noite por centos de antidisturbios e policías locais desde a Autoridade Portuaria. Foi en febreiro de 2015. Só uns meses antes, en decembro, unha concentración pacífica cun amplo despregamento policial rematara con lesións en dous axentes. Un deles, segundo a versión das forzas de seguridade, fora empurrado por un dos veciños, que foi denunciado malia os numerosos testemuños que contradicían a versión policial. Rematada agora a instrucción do caso, Diego Lores, activo militante da Asemblea Aberta de Coia, terá que afrontar o xuízo, aínda que máis "esperanzado".  A Fiscalía presentou un escrito a semana pasada no que solicita o arquivo da causa e a súa libre absolución ao non existir indicios dabondo para sustentar a acusación. 

Diego Lores foi acusado de atentado e lesións contra un axente pero a Fiscalía pide agora o arquivo do caso por falta de probas

No entanto, a acusación particular do policía solicita tres anos e medio de cadea e 30.355 euros como indemnización pola suposta comisión dun delito de atentado e outro de lesións. Logo de practicadas as dilixencias de investigación e de escoitar as declaracións dos axentes e das testemuñas, o Ministerio Fiscal non cre que haxa probas concluíntes. Diego Lores recoñece o "positivo" desta petición da Fiscalía, así como "o anómalo" de que contradiga a versión policial "que adoita ter presunción de veracidade por seren funcionarios públicos".

"A nosa avogada recoñece que isto non é o normal", explica. De feito, outro activista de Coia, Xurxo Romero, fora sentenciado a unha pena de seis meses de cárcere e unha indemnización de máis de 1.000 euros por outro suposto delito de atentado contra a autoridade noutra mobilización e cuxa acusación tamén negaban varias testemuñas. 

A acusación particular pide tres anos e medio de cadea e unha indemnización de máis de 30.000 euros

Este mércores 5, ante os xulgados, a Asemblea Aberta de Coia convoca unha concentración para amosar a súa "solidariedade" con Diego Lores e con "todas aquelas persoas" que, segundo din, son "vítimas da represión policial e xudicial por denunciar na rúa e loitar pola xustiza social e os dereitos de todas". O xuízo non comezará ata finais de ano ou comezos do vindeiro. Dous anos despois daquela protesta. 

"Todo é moi longo pero xa sabemos como funciona a Xustiza; é obvio que a posición da Fiscalía é algo moi bo, pero ninguén me quita ter que pasar polo mal trago do xuízo, que temos que afrontar con seriedade e serenidade", explica Lores, que advirte das "consecuencias graves" que supón a solicitude da acusación. E de que nada é definitivo aínda. "En certo modo, o Ministerio Fiscal está dándonos a razón, amosando que nos quixeron vender o que non foi", insiste o veciño de Coia, que lembra o "sufrimento" que xerou todo o proceso, non só na súa "familia", senón tamén "en todos os implicados nesta loita". 

"A petición da Fiscalía é esperanzadora, pero ninguén me quita ter que pasar polo mal trago do xuízo", di Diego Lores

"A cousa deu a volta e isto dános alento e márcanos o camiño; sabemos que son moitos os casos nos que a versión da policía acaba impoñéndose, pero a forza da verdade e o apoio de tanta xente foi o importante; falaron os feitos", explica Diego Lores, que cre que "a unión e os afectos" foron claves, malia que lembra que son moitos os casos nos que nin iso "dá resultado". 

O xuízo será outra derivada máis dunha protesta que comezara hai xa case dous anos. A cidadanía criticou o elevado custo da obra (de cando menos 100.000 euros, como recoñecera o goberno local de Vigo), que se sumarían a outros gastos xerados por este barco, que dende que fora adquirido polo Concello acumulara un desbaldimento de cartos públicos de case un millón de euros. A Asemblea Aberta de Coia lembraba as máis de 30.000 persoas desempregadas no municipio e propuxera localizacións alternativas para a instalación do buque, como por exemplo o Museo do Mar de Galicia ou na finca Zulueta. Pero o alcalde Abel Caballero e o grupo socialista, malia a oposición de PP e BNG, decidiu continuar adiante cun proxecto cuxas protestas acumularon varios detidos e unha importante mobilización da cidadanía que lograra paralizar momentaneamente as obras. 

Cartel da convocatoria deste mércores 5 © Asemblea Aberta de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.