A compra da Rosaleda consolida o auxe dos grandes grupos da sanidade privada en Galicia

Hospital da Rosaleda, en Santiago © Google Maps

HM Hospitales pechará este venres a compra do Grupo La Rosaleda, que posúe tres centros sanitarios (La Rosaleda e La Esperanza en Compostela e outro máis en Lalín). Trátase dun dos grandes grupos so sector da sanidade privada en España, con seis centros en Madrid dous máis na Coruña (Modelo e Belén), que adquiriu hai dous anos por 50 millóns de euros. Esta nova operación confirma o desembarco en Galicia das grandes compañías dun sector que mantén nos últimos anos un proceso lento pero imparable de crecemento e concentración.

Quirón, o meirande grupo da sanidade privada en España, conta con dous centros en Galicia, na Coruña e Pontevedra, este último incorporado nos últimos anos. Vithas, cuxos principais accionistas son Goodgrower e La Caixa, posúe o Hospital Nuestra Señora de Fátima de Vigo e fíxose recentemente con Fimega, a meirande rede de rehabilitación da provincia de Pontevedra, sumando máis de 600 traballadores e traballadoras. E A Nosa Terra XXI (propietario de Povisa) factura máis de 100 millóns de euros ao ano, a maior parte procedentes con concerto polo que a Xunta lle achega ao redor de 75 millóns.

En total, a sanidade privada suma máis da cuarta parte das camas existentes en toda a sanidade galega (2.341 privadas fronte a 7.297 públicas) e ao redor do 32% do gasto sanitario total (27,8% de forma directa e 4,2% a través de concertos). Ademais desta importante presenza cuantitativa, informes coma o publicado hai uns meses pola Federación de Asociaciónes en Defensa da Sanidade Pública (FADSP) salientaron que outros factores, coma a existencia de fórmulas de colaboración público-privadas, convertían a Galicia na terceira comunidade (despois de Cataluña e Madrid) con máis peso da sanidade privada.

A Asociación de Hospitales de Galicia (Ahosgal) integra un total de 14 centros privados (tres na Coruña; dous en Lugo, Vigo, Ourense e Santiago; e un en Pontevedra e Ferrol), contando con 1.900 camas, 4.900 profesionais e unha facturación total duns 300 millóns de euros. Ahosgal foi consolidándose nos últimos anos como un importante lobby en Galicia, cunha capacidade de influencia crecente sobre a actividade da Xunta. Na súa presentación, en 2012, "ofrecéronse" ao Goberno galego para cumprir as funcións dos centros públicos. E o pasado mes de xuño o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, defendeu no pleno do Parlamento que os hospitais privados que integran Ahosgal "reúnen os mesmos requisitos de calidade" que os hospitais do Sergas e son "unha ferramenta que permite ao Sistema Público ser máis áxil para atender as necesidades asistenciais dos cidadáns".

 

Instalacións da Rosaleda © Centros Sanitarios La Rosaleda
Hospital da Rosaleda, en Santiago © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.