Povisa volve á carga no seu intento de captar pacientes (e cartos) da sanidade pública

Vista das instalacións de Povisa © UVigo

Grazas ao convenio asinado co Sergas, Povisa recibe cada ano uns 74 millóns de euros do orzamentos da Xunta, ao redor de 540 euros por cada unha das tarxetas sanitarias das que o centro se fai cargo, unhas 137.000. Esta cantidade é mesmo superior ao canon do novo hospital Álvaro Cunqueiro (72 millóns anuais). Porén, o número de camas que ofrece Povisa (405) non chega á metade do novo centro (858).

A sostibilidade económica deste centro privado depende en boa medida destas achegas de cartos públicos. O pasado ano, a pesar dos 74 millóns recibidos, o hospital do Grupo Nosa Terra tivo unhas perdas de 3,9 millóns. No mes de novembro ábrese o prazo para que a cidadanía de Vigo elixa en que centro hospitalario quere ser atendida. Xa o pasado ano Povisa levou a cabo unha intensa campaña para captar usuarios e usuarias, aproveitando as deficiencias que presenta o Álvaro Cunqueiro, buscando obter as valiosas tarxetas sanitarias por cuxa xestión recibe unha maior cantidade de diñeiro. En total, 6.685 persoas solicitaron cambiar a Povisa, aínda que o Sergas só aceptou trasladar a 3.600, que lle supuxeron ao centro privado uns ingresos extra de dous millóns de euros anuais. 

O seu obxectivo é captar dous mil usuarios e usuarias máis, para obter un millón de euros extra do Sergas. Chegaría así ao máximo permitido polo concerto en vigor dende hai dous anos (139 mil pacientes e 75 millóns de euros)

Este ano Povisa recunca no seu intento, lanzando unha nova campaña dúas semanas antes de que se inicie o prazo para solicitar formalmente os traslados. De momento, comezou por publicar os resultados dunha enquisa realizada entre os seus usuarios e usuarias, na que o 95% se declaran "satisfeitos" co servizo recibido. O seu obxectivo é captar dous mil usuarios e usuarias máis, para obter un millón de euros extra do Sergas. Chegaría así ao máximo permitido polo concerto en vigor dende hai dous anos (139 mil pacientes e 75 millóns de euros). No 2015, a Consellaría só admitiu os cambios solicitados por usuarios e usuarias de Coruxo, López Mora, Beiramar, Navia, Pintor Colmeiro, Nicolás Peña e das comarcas do Morrazo e O Val Miñor.

SOS Sanidade Pública denunciou en varias ocasións que se trata do concerto máis caro de todo o Estado Español. A entidade subliña que na última década os fondos que recibe da Xunta en virtude deste concerto creceron notablemente. Se en 2001 eran 46 millóns de euros, en 2005 eran xa 56,4, convertidos en 72,2 en 2009 e en 74 millóns na actualidade. A plataforma lembra tamén que o Consello de Contas sinalou que Povisa facturaba varias veces os mesmos servizos ou que concentraba a súa área de negocio no máis rendible, en detrimento da atención aos cidadáns. Ademais, resultaba imposible saber se os cartos públicos se empregaban para financiar a atención aos pacientes do Sergas ou se tamén pagaban a atencións aos usuarios da parte privada.

 

Imaxe da campaña de captación levada a cabo o pasado ano por Povisa © Praza Pública
Vista das instalacións de Povisa © UVigo
Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade, durante unha visita a Povisa © Povisa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.