Un cargo do Sergas contradí os imputados pola hepatite e asegura que avisou da "gravidade" dos doentes

Intervención de afectadas pola hepatite no pleno do Concello de Vigo Dominio Público Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C

O caso da hepatite C reactívase  nos xulgados. A ex-directora de Procesos Asitenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Ana Souto, declarou este xoves como testemuña ao abeiro das dilixencias abertas nas que se investiga, polo momento, por un suposto delito de prevaricación dous altos cargos do Sergas. Queda pendente aínda por saber se esta investigación se amplía ao posible delito de homicidio do que acusara a Fiscalía estes responsables sanitarios, malia que a Xunta manifestou en máis dunha ocasión que xa se desestimara esa posiblidade. 

A ex-directora de Procesos Asistenciais do CHUS asegurou que comunicou aos dous investigados a "urxencia" dos tres casos que acabaron en falecemento

A declarante deste xoves asegurou no xulgado que comunicou "persoalmente" aos dous cargos do Sergas a "urxencia" de tres dos casos que hai na causa, tras aclarar que ela, desde o seu posto, nada podía facer polos tratamentos "á marxe da subcomisión". A testemuña, xa que logo, desmente as acusacións vertidas sobre ela dos dous investigados e aclara que fixo o que tiña que facer para advertir da gravidade dos doentes e da necesidade dun tratamento. 

A declaración desta ex-directora no CHUS reactiva a causa que levaba paralizada desde abril, cando declararon os dous investigados (o que antes se denominaba imputados): Félix Rubial, ex director de Asistencia Sanitaria, e Carolina Gómez-Criado, subdirectora xeral de Farmacia. Foron as declaracións destes dous cargos os que provocan agora a comparecencia da ex-directora de Procesos Asitenciais, xa que fora sinalada directamente por ambos como responsable nos tres casos referidos tras deixar caer que non empregara un procedemento de urxencia para o tratamento destas tres persoas, que acabaron falecendo. 

Os dous cargos do Sergas investigados descargaran a responsabilidade na muller, que di que trasladou a "preocupación dos médicos por axilizar os tratamentos"

Segundo Pedro Trepat, avogado da acusación que exerce a Plataforma Galega de Afectados de Afectados polo virus da Hepatite C (PAVH), Ana Souto puxo "en evidencia" que si advertiu da urxencia, pero tamén que ela "non tiña capacidade, nin orzamento nin medios para actuar autonomamente sen a autorización da subcomisión" de farmacia, que era quen debía autorizar o tratamento. A testemuña asegurou que antes de remitir os correos pertinentes, informou persoalmente aos investigados da gravidade, "poñendo de relevo a preocupación dos médicos por esta situación e por axilizar os tratamentos". "Pero eles remitírona ao trámite convencional, que era o da subcomisión", dixo o letrado. 

Tal e como di o avogado, a ex-directora no CHUS "desmentiu" rotundamente que "houbese capacidade de utilizar un procedemento de urxencia á marxe da subcomisión" para autorizar os fármacos, tal e como insinuaron os investigados. "O único que podían facer era comunicar a urxencia e esperar á previa autorización, que foi a que non se recibiu", engadiu Trepat. Non había outro mecanismo. 

A testemuña nega que houbese un procedemento de urxencia á marxe da subcomisión máis aló de avisar da urxencia e esperar unha autorización que non se recibiu

Agora, a PAVH está á espera de que o xuíz deicda chamar a declarar como testemuñas aos médicos que trataron os pacientes falecidos. Ademais, o maxistrado ordenou ao Imelga unha proba pericial que determine o grao de relación entre as mortes dos doentes e as decisións pol´tiicas que se tomaron. A plataforma confía en que "ratifique a pretensión de considerar que se cometeron oito delitos de homicidio" por imprudencia profesional. 

 

"É obvio que o proceso segue"

O que si parece claro é que o caso continúa e continuará nos xulgados. "É rotundamente falso que haxa unha desestimación da investigación por homicidio porque o que non hai é aínda un pronunciamento ao respecto por parte do xuíz", aclarou este mesmo xoves desde os xulgados Quique Costas, voceiro da PAVH. O pasado mes de maio, tanto a Fiscalía como a plataforma soliitaron ao titular do xulgado de instrución número 3 de Santiago que definise se na causa aberta contra a Xunta por, presuntamente, atrasar os fármacos por "razóns orzamentarias", se investiga ou non un posible delito de homicidio. O xuíz rexeitou pronunciarse ao considerar que non era o momento procesual para facelo e tanto o ministerio público como o colectivo de afectados recorreron a resolución ante a Audiencia Provincial, na que esperan aínda se é admitida ou non.

As dilixencias seguen, o que "contradí o que sostivo a Xunta de que o caso non tería percorrido legal e que sería arquivado axiña"

Agora, Costas di "alegrarse" de que "se reactiven as dilixencias". "Isto vén contradicir aquilo que sempre sostivo a Xunta de que o caso non tiña percorrido legal ningún e que sería arquivado en canto os dous investigados prestasen declaración; é obvio que non é así", insiste. 

O xuíz Andrés Lago Louro investiga a Rubial e Gómez-Criado por un suposto delito de prevaricacións pero a Fiscalía atribúelles tamén o de "homicidio por imprudencia profesional grave" ao atrasar a administración dos fármacos "por razóns orzamentarias". Desde a Xunta, tanto o presidente Núñez Feijóo como Sanidade defenderon que "sempre" se usaron criterios clínicos para a atención de pacientes. O xefe do Executivo chegou a cualificar de "indigna" a denuncia e a cargar contra os médicos que denunciaron a non dispensación de fármacos a tempo, o que tería provocado a morte de varios doentes. 

O xuíz que leva o caso é o mesmo que propuxo xulgar só o maquinista como único responsable do accidente de Angrois e ao que a Audiencia Provincial da Coruña obrigou a seguir investigando o caso. Tamén é o mesmo maxistrado que arquivou a investigación sobre as monxas indias supostamente retidas contra a súa vontade nun convento de Santiago.

"Todo está por aclarar, pero parece que a forma en que os dous investigados intentaron zafarse descargando culpas nesta ex-directora de Procesos Asistenciais non tiña sustento", remata Costas. 

Quique Costas, ao remate dunha manifestación CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Os cargos investigados pola hepatite, chegando aos xulgados cos letrados da Xunta © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.