Un ano despois da gran marcha contra as violencias machistas: Todo por facer

Vigo acolle esta convocatoria, no primeiro aniversario da gran manifestación de Madrid © PFG

O 7 de novembro de 2015 decenas de milleiros de mulleres (200 mil segundo a organización) manifestáronse en Madrid esixindo a adopción de medidas contra as violencias machistas, unha marcha histórica que xuntou a feministas de todo o Estado e na que o feminismo galego tivo un papel protagonista. Un ano despois as situacións denunciadas apenas mudaron. As violencias -de todos os tipos e intensidades- seguen presentes e, por exemplo, nos últimos doce meses 50 mulleres morreron en España a consecuencia da violencia de xénero (segundo os datos oficiais), unha cifra que Feminicidio.net eleva a 77, incluíndo outros asasinatos de mulleres non contemplados na definición legal (fillas a cargo de seu pai, prostitutas a mans dun cliente...). De igual xeito, as medidas esixidas naquela marcha aínda non foron aceptadas nin aplicadas.

A esixencia central, que podería englobar todas as demais, é que o terrorismo machista sexa unha cuestión de Estado e que toda a sociedade e as súas organizacións e institucións se comprometan na loita feminista

No primeiro aniversario da histórica manifestación, a Plataforma Feminista Galega convoca en Vigo unha concentración (20 horas, Marco) para poñer de novo de relevo a gravidade desta situación e volver esixir a aplicación das nove medidas reivindicadas daquela. A esixencia central, que podería englobar todas as demais, é que o terrorismo machista sexa unha cuestión de Estado e que toda a sociedade e as súas organizacións e institucións se comprometan na loita feminista. A Plataforma denuncia que "a violencia machista ten unha presenza mínima tanto nas campañas electorais como na política do estado español", que "a Valoración Policial do Risco de Violencia sobre a Muller deixou a 2 de cada 3 das mulleres que denunciaron sen protección" ou que o orzamento do Estado para a loita contra a violencia de xénero foi en 2016 un 10,9% inferior ao de 2009.

Pídese igualmente "reformar a lei contra a violencia de xénero para que estean reflectidas todas as formas de violencia contra as mulleres", incluíndo "todas as formas de violencia, non só a de parella". Demándase tamén crear servizos especializados a vítimas de agresións sexuais. E, de igual xeito, pídese perseguir todas as agresións sexuais, o acoso sexual no ámbito laboral e a trata con fins de explotación sexual/laboral de mulleres e nenas.

Esíxese "que o acento se poña na protección das afectadas e dos seus fillos e fillas, facilitándolles saídas de recuperación vital, económica e social", lembrando que "son mínimas as axudas para vivenda e insuficiente a axuda á súa recuperación psicolóxica e empoderamento, e o acceso a estes recursos non poden depender de poñer unha denuncia".

Recoméndase, igualmente, que "a prevención sexa unha política prioritaria, que inclúa un sistema coeducativo en todos os ciclos, a formación específica para todo o persoal profesional que intervén nos procesos, os medios de comunicación, a produción cultural e a sociedade civil na loita contra as violencias machistas".

Esíxese "que o acento se poña na protección das afectadas e dos seus fillos e fillas, facilitándolles saídas de recuperación vital, económica e social"

Finalmente, esíxese a eliminación da custodia compartida imposta, suprimindo o réxime de visitas e da patria potestade sobre menores aos maltratadores condenados, pois "un maltratador ou un abusador sexual nunca pode ser un bo pai". "A falta de formación en xénero provoca violencia institucional, amparada en informes de psicólogos que aducen o anticientífico SAP (síndrome de alienación parental) para privar de gardas e custodias a nais ou manter as visitas de maltratadores", engádese.

 

Vigo acolle esta convocatoria, no primeiro aniversario da gran manifestación de Madrid © PFG
Cabeceira da manifestación CC-BY-SA Mercedes Domenech / eldiario.es
Comitiva galega na manifestación © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.