Coia xa ten curtametraxe sobre a súa loita contra o barco na rotonda

Escolta policial ao barco Alfageme, de camiño a Coia CC-BY-NC-SA GZFoto

#MoitoPeixeRompeARede. Así se titula a curtametraxe sobre a "Loita na rotonda de Coia" que veu a luz este venres en Youtube e que será  proxectada e presentada ao público en Vigo. O vídeo repasa a resistencia veciñal contra a embarcación na rotonda deste barrio e "o desbaldimento de cartos públicos" daquela operación. "Para moitas persoas supuxo un insulto, unha provocación en toda regra", dise no documental, que aborda tamén o enfrontamento que o colectivo veciñal mantivo co alcalde Abel Caballero, do que se lembran polémicas declaracións. "Son siete que dan un paseíto por allí y la gente se ríe de ellos", dixera o rexedor. 

A curtametraxe repasa a resistencia veciñal contra a instalación do barco de Alfageme na rotonda de Coia, un símbolo do "desbaldimento de cartos públicos"

Aquela resistencia veciñal comezou a finais de 2014 e loitaba contra a colocación do coñecido barco Alfageme nunha rotonda do barrio de Coia, na que acabou chantado en febreiro logo de ser escoltado de noite por centos de axentes antidisturbios e policías locais desde a Autoridade Portuaria. Aquela teima supuxo para moitos vigueses un símbolo das políticas de dilapidación de cartos públicos fronte ás dificultades económicas de milleiros de familias en plena crise. "Un proxecto esperpéntico mentres moita xente non lograba cubrir as súas necesidades básicas", insístese no documental, que conta cunha versión en galego e outra en castelán. 

"Foi un proxecto esperpéntico mentres moita xente non lograba cubrir as súas necesidades básicas"

A curtametraxe repasa o movemento xurdido contra esta operación, "así como a represión empregada polo goberno municipal para intentar acalar as razóns da oposición da instalación do buque". "A unha institución pouco democrática correspóndelle unha policía municipal pouco democrática", chega a denunciar a Asemblea Aberta de Coia na curtametraxe. "Mentiras policiais e denuncias falsas", insisten. 

Refírense, entre outras moitas cousas, á condena dun ano de cadea a Xurxo R. M. por resistencia e lesións a un axente da policía local e, tamén, por ese proceso xudicial aberto contra outro activista, Diego, ao que se lle reclama tamén cárcere e varios milleiros de euros por responsabilidade civil. Neste último caso, a acusación pide tres anos e medio de cadea e máis de 30.000 euros de indemnización por suposta agreción a un axente. O Ministerio Fiscal contradí esa versión e pide arquivar o caso por falta de probas.

O documental denuncia tamén as "mentiras policiais e denuncias falsas" que lle atribúen a axentes municipais

"Queremos obras sociais e non obras faraónicas inútiles e inmorais. Lembraremos que mentres se gastaron miles e miles de euros, hai xente non barrio que non pode pagar o aluguer. Queremos pan, traballo e teito", conclúe unha curtametraxe que cre que o conflito do barco "serviu para que a veciñanza de Coia se xuntase para saír á rúa e loitar polos seus dereitos". "Gañamos", remata. 

A curtametraxe será presentada e proxectada este venres na palestra titulada Redes de apoio fronte á represión que organiza a Asemblea Aberta de Coia, ás 18:30, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa 2, Vigo). O acto enmárcase dentro das actividades en apoio a Diego Lores, pendente de ditame xudicial, e nel vai participar Laura Bugalho, sindicalista e activista compostelá.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.