'Mortos por hemorraxia interna' ou 'asasinados'?

Acto da IGM na Illa de San Simón en 2016 © Iniciativa Galega da Memoria

"Morto por hemorraxia interna". Para moitas das persoas que foron asasinadas en Galicia pola represión franquista a partir de xullo de 1936 esta é a causa da morte que figura nos certificados de defunción e rexistros. É o caso, por exemplo, de Manuel Rodríguez Sangiao, alcalde de Cuntis ou de Pedro Galán, secretario de Organización das Mocidades Galeguistas na Coruña, entre tantos e tantas outras. Tamén se empregaban outros eufemismos, como "destrozo cerebral" ou "acción de guerra".

A Iniciativa Galega para a Memoria (IGM), formada por entidades de todo o país, levará a cabo ao longo de 2017 unha campaña para procurar a verdade nos rexistros de defunción das persoas asasinadas polo fascismo. Esta iniciativa levará o nome de Proposta Cané en homenaxe a Isidro Paz, fillo do impresor e concelleiro pontevedrés Ramiro Paz, fusilado polo fascismo o 12 de novembro de 1936. Isidro Paz, Cané, loitou ata a súa morte para que no documento de defunción do seu pai puxese que foi fusilado en lugar de morreu por hemorraxia interna, como segue rezando actualmente. Ademais, buscarase que se certifique a defunción das persoas que seguen como “desaparecidas” ao non recuperarse nunca os seus corpos. Por exemplo, as fondeadas polos fascistas na ría de Vigo.

"Hai moitas persoas que están tentando de forma individual modificar os rexistros dos seus pais ou avós, e están atopando moitos atrancos"

Matias Rodríguez da Torre, voceiro a IGM, explica que levarán esta proposta a distintas institucións: concellos, Parlamento de Galicia, Congreso e o Ministerio de Xustiza, que mantén a maior parte de competencias que afectan a este asunto. "Hai moitas persoas que están tentando de forma individual modificar os rexistros dos seus pais ou avós e están atopando moitos atrancos. Nós tentaremos facer unha fronte conxunta para que a solución sexa máis sinxela e se tome de forma xeral por vía administrativa", sinala. "O Estado ten que asumir que as causas e consellos de guerra que tomaron esas decisións foron totalmente ilegais e fraudulentos e que os rexistros non din a verdade sobre o que sucedeu, polo que é imposible levar a cabo un exercicio de memoria con garantías democráticas para que se cumpran as premisas que marca as Nacións Unidas: verdade, xustiza, reparación e garantía de non repetición". "No século XXI non podemos seguir así, e simplemente por unha cuestión de dignidade hai que recoñecer o que realmente pasou", conclúe.

"No século XXI non podemos seguir así, e simplemente por unha cuestión de dignidade hai que recoñecer o que realmente pasou"

A decisión foi adoptada nunha xuntanza de traballo extraordinario que o organismo mantivo o pasado sábado na Deputación de Pontevedra, coincidindo coa celebración no organismo pontevedrés dun acto de recoñecemento e reparación a dirixentes e persoal traballador que sufriu a represión franquista. A proposta aprobouse no día en que se cumpría o 80 aniversario do fusilamento de Ramiro Paz e doutros nove pontevedreses.

 

Mapa da Memoria

En 2017 a IGM tamén publicará o Mapa da memoria e da vergoña, tanto en versión na web como en papel. Este mapa recollerá os lugares de represión, de resistencia, de solidariedade e de homenaxe ás vítimas existentes en Galicia. E tamén os espazos e lugares de vergoña onde oitenta anos despois do golpe fascista seguen persistindo os símbolos do franquismo. 

Ademais seguirase esixindo a completa eliminación da simboloxía franquista nos espazos públicos. E demandarase que se recupere a illa de San Simón como Illa da Memoria, así coma a reactivación do proxecto Nomes e Voces

A recollida e documentación realizarase por comarcas, co apoio da Deputación de Pontevedra. Actualmente xa existen relacións de lugares de memoria nas áreas de Vigo, Val Miñor e Pontevedra. Complementando o mapa, a Deputación comprometeuse a impulsar a sinalización informativa nos lugares da memoria. 

No 2017, a IGM continuará a esixir políticas públicas da memoria de carácter estatal e galego, "na actualidade totalmente inexistentes", denuncian. Ademais seguirase pedindo a completa eliminación da simboloxía franquista nos espazos públicos. E demandarase que se recupere a illa de San Simón como Illa da Memoria, así coma a reactivación do proxecto Nomes e Voces e a divulgación e acceso aos seus fondos.

 

Acto da IGM na Illa de San Simón en 2016 © Iniciativa Galega da Memoria
Xuntanza das entidades que conforman a Iniciativa © IGM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.