"Todas as mulleres temos algo que contar sobre ese primeiro acoso; a todas nos pasou algo así"

Carme Fouces, concelleira de Benestar Social de Pontevedra © BNG

"6 anos. Un veciño q estudaba no seminario volvía as fins de semana. Sentábame no colo e acariciábame as pernas #PrimAcoso". Foi con este chío en Twitter co que a concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Carme Fouces, deu comezo á xa exitosa campaña do Concello, que está a dar visibilidade á "base da pirámide" da violencia contra a muller. Impulsada como unha das accións de cara ao Día Internacional contra a Violencia Machista do vindeiro 25 de novembro, chama a atención sobre esas pequenas agresións ou humillacións, micromachismos e comportamentos que moitas veces se ignoran e "van normalizando comportamentos máis violentos". Falamos coa concelleira para facer balance dunha iniciativa que sacou á luz un problema tan común como agochado e á que mesmo se uniron homes recoñecendo os seus erros. "Sabiamos que todas tiñamos algo que contar", di.  

Como xurdiu a idea de #PrimAcoso?

Pois xurdiu porque parece que todas as campañas van sempre referidas a cousas máis mediáticas, ao que está máis exposto, a grandes cifras e estatísticas ou a cuestións xudiciais, pero non adoita aparecer nunca o que é a base do que logo desemboca en mortes e violencia expresa. Parecíanos que había que dar voz e poñer enriba da mesa todas as cuestións. As redes sociais dannos ferramentas para poder chegar a moita xente de maneira máis sinxela e sabiamos que todas iamos ter algo que contar porque todas sabemos que nalgún momento nos pasou algo. E así o fixemos. Levabamos meses dándolle voltas sobre como afrontar toda a temática contra as violencias machistas, pero o de sacar a luz ese primeiro acoso nas redes sociais era unha decisión tomada desde hai tempo. O que non sabiamos era o impacto que ía ter; previamos que podía ser importante porque era algo moi común, algo que estaba na cabeza de todas...

"Sabiamos que todas iamos ter algo que contar porque todas sabemos que nalgún momento nos pasou algo así"

Pero esperabades tanta repercusión?

Foi moi positiva. Agardaba que a campaña tivese impacto pero non sabía ata que punto a xente se ía animar e ía ter a valentía de facelo. Que todas tiñamos algo que contar estaba claro pero que a xente tivese o valor de remexer na memoria de nena, sacalo, expoñelo e exporse para case saír espida diante de moita xente, mesmo da que che arrodea e non sabe que che aconteceu... Pero a cousa empezou e foi como se abrísemos un encoro, empezou a fluír e todo o mundo se apuntou. 

"Agardabamos impacto pero non sabiamos ata que punto a xente ía ter a valentía de remexer na memoria e exporse"

"Todas temos algo que contar". Esa frase, xa de por si, impacta...

Impresiona e mesmo nos impresiona a nós, ás mulleres, ao ver todo xunto, todas esas mensaxes á vez, o que lle dá unha dimensión tremenda. Pero si, todas temos algo que contar. As cousas teñen un valor cando se pontifican, cando se lle poñen cifras ou pesos; esta acción está cuantificando algo que non estaba cuantificado, algo que sabiamos que existía, do que todas eramos conscientes pero que estaba diluído ou oculto. As mulleres sentiámonos un pouco avergoñadas mesmo de contalo cando realmente a vergoña debe ser para quen o fai e para unha sociedade no que acontecen estas cousas. Quen sofre e sufriu estes acosos non se ten que avergoñar senón berralo e sacalo á luz. 

"A campaña está cuantificando algo que sabiamos que existía pero que estaba oculto; as mulleres non deben avergoñarse de contalo"

Desde a concellería advertides que estades sacando á luz a "base da pirámide" da violencia contra a muller. 

É a base da pirámide e sobre a que se edifica que despois unha persoa violenta sexa socialmente consentida. Que hai homes violentos e que son violentos coas súas parellas é un feito que posiblemente é moi difícil de erradicar, pero que esas persoas non se sintan illadas e que formen parte da sociedade con certa normalidade si é algo que podemos solucionar cun pouco de concienciación. Esas persoas non poden estar entre nós dunha forma tranquila e amable; teñen que notar a friaxe da soidade e do rexeitamento social. 

Mesmo homes recoñeceron ter sido responsables dalgúns deses primeiros acosos...

A cultura e o sistema patriarcal tócanos a todos por igual, tanto a homes como a mulleres. Só despois de maior, cando fas unha reflexión sobre o punto no que estás, inicias un camiño: ou segues manténdote no ámbito do machismo máis recalcitrante ou mirando cara a outro lado ou fas unha reflexión. Até o de agora, os homes tiñan poucas ferramentas para esa reflexión máis aló das teóricas, do rexeitamento a unha cousa brutal como pode ser un asasinato ou unha malleira. Iso é moi fácil de rexeitar porque son actos tan brutais que mesmo os homes se senten como se non estivesen representados nese grupo. No entanto, este tipo de accións que van máis á base represéntannos a todas as mulleres e a todos os homes, é transversal e onde se comproba como é toda esa cultura patriarcal e de acoso. É moi esperanzador ver como homes de ben dan un paso á fronte e fan unha reflexión que non terían feito e mesmo pedir perdón por ter feito sentirse incómodas ou acosadas a aquelas nenas. Iso o fas de maior e podes dar unha mala contestación pero cando es nena non é igual, quedas impresionada. 

"É moi esperanzador ver como homes de ben dan un paso á fronte e piden perdón por ter feito sentirse incómodas a aquelas nenas"

Tendo en conta a cantidade de testemuños incorporados á campaña, que se vai facer con eles? Haberá algunha acción posterior baseada nesta iniciativa?

Imos facer balance público da campaña este mesmo mércores. Tiñamos pensado algunha acción pero estamos reformulando o tema porque os testemuños son moi desgarradores, moi dolorosos e somos conscientes da dificultade de moitas persoas para facer público ese primeiro acoso. Pensáramos nun tratamento con algo de retranca, pero probablemente xa non o fagamos así porque podemos ferir. O que si é verdade é que é un material moi importante, unha documentación moi difícil de recoller da maneira na que o estamos facendo, así que imos traballala e estamos pensando como empregala e usala para que chegue aos centros educativos e a toda a sociedade en xeral. Estámoslle dando voltas pero si imos aproveitar este material para seguir traballando. 

Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.