Unha nova sentenza do TSXG afasta os proxectos mineiros da Terra Chá

Manifestación contra as minas na Terra Cha © CAMTC

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar unha nova sentenza contra Erimsa en relación cos seus proxectos de levar a cabo varios proxectos mineiros en concellos da Terra Chá. O pronunciamento do alto tribunal galego únese a un gran número de ditames xudiciais previos. Nesta ocasión, a empresa mineira norueguesa perdeu un contencioso contra a Consellaría de Medio Ambiente, a cal desestimara, por silenzo administrativo, a licenza para explotar o cuarzo da concesión Alicia 5917, que abrangue 3.399.887 metros cadrados no concello de Cospeito.

Erimsa ten tres concesións aprobadas dende o ano 2006 para extraer seixo en 5.700 hectáreas nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Abadín, Vilalba e Riotorto

Tras esta nova sentenza, a Comisión contra as Minas da Terra Chá esíxelle á Xunta de Galicia que "declare definitivamente a caducidade das concesións mineiras a Erimsa na Terra Chá". No Parlamento, o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces, afirmara na Comisión de Industria que non se podían declarar as caducidades porque as licencias estaban recorridas diante da xustiza. Un argumento que a Comisión recupera "diante desta sentenza firme" para demandarlle ao Goberno galego que "cumpra a lei e declare as caducidades das concesións".

Erimsa ten tres concesións aprobadas dende o ano 2006 para extraer seixo en 5.700 hectáreas nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Abadín, Vilalba e Riotorto. Tras dez anos de loita, dacabalo dos anos 2012 e 2013, Erimsa perdeu cinco contenciosos administrativos que tiña interpostos contra os concellos de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza. Nese mesmo período, a Erimsa denegáronlle as licenzas os concellos, previa denegación da autorización autonómica.

Tras esta nova sentenza, a Comisión contra as Minas da Terra Chá esíxelle á Xunta de Galicia que "declare definitivamente a caducidade das concesións mineiras a Erimsa na Terra Chá"

Despois de serlle denegados todos os permisos á concesionaria, varios colectivos instaron á Xunta para que iniciase os expedientes para declarar caducadas as concesións mineiras, aprobadas por trinta anos e prorrogables ata noventa. Porén, a única resposta da Xunta foi o silenzo administrativo, pois nin iniciou os expedientes de caducidade nin lles contestou aos colectivos que a interpelaron. Erimsa recorreu perante o TSXG a autorización previa á concesión de licenza municipal dos proxectos Pastoriza 5562 (A Pastoriza), Karles 5519 e Alicia 5917 (ambos de Cospeito). A Comisión contra as Minas da Terra Chá salienta que nestes procedementos só se persoou o concello da Pastoriza, "mentres que o de Cospeito, un dos máis afectados, fixo deixadez da súa obriga de defender os intereses da veciñanza e non se persoou".

Manifestación contra as minas na Terra Cha © CAMTC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.