Mauro Fernández, catedrático de Lingüística Xeral da Universidade da Coruña, tivo acceso a un dos paquetes de datos que marcaron durante un bo tempo o debate público en Galicia en torno ao uso do galego no ensino e, por extensión, a respecto de toda a política lingüística: o resultado da consulta da Xunta ás familias sobre a lingua materna das súas fillas e fillos. Estas cifras, correspondentes ás primeiras edicións da consulta -2009 e 2010- son debulladas polo autor no artigo Los datos secretos del gallego y los límites de las políticas lingüísticas, que será publicado pola Universidade de Bos Aires, amosan un panorama máis poliédrico que o reflectido na enquisa lingüística máis recente do IGE, datada en 2013. A xuízo do catedrático cómpre valorar esta información por ser froito dunha consulta cun elevado grao de participación, "case censual", e tela en conta para avaliar o estado real do idioma entre a infancia. "A Consellería responsable ten a obriga legal de facilitar o acceso a eles", advirte.
Vén de publicar vostede un artigo no cal se revelan os datos das consultas ás familias sobre a lingua materna no período 2009 e 2010. Tendo en conta o elevado grao de polémica que rodeou a consulta, neses anos. Como os avalía?
Si, intitúlase Los datos secretos del gallego. O título débese a que o artigo fai públicos datos que a Consellería responsable da educación debera ter publicado hai tempo, xa que os cidadáns temos dereito a que non se nos esconda ese tipo de información. Os datos proceden das respostas dos pais ou nais a unha pregunta sobre a lingua dos seus fillos pequenos. En 2009 preguntóuselles a todos os cabezas de familia que tiñan fillos en Educación Infantil cal era a lingua na que cada neno aprendera a falar, e en 2010 fíxose a mesma pregunta a todos os que tiñan fillos que empezaban ese ano a Educación Infantil. Para avaliar os datos temos que tomar en consideración dous factores. O primeiro é o grao de participación. O segundo é até que punto as respostas puideron verse afectadas pola polémica e a conflitividade que houbo neses anos en torno a este asunto.
O grao de participación foi moi alto nos dous casos. En 2009 responderon os pais de algo máis de 44.000 nenos, o 70% dos posibles. E en 2010 responderon os pais de case 17.000 nenos, que son o 88% dos posibles. O elevado número de respostas dálles aos datos un valor case censual, para ese sector da poboación, que é o dos nenos que entón estaban Educación Infantil ou a iniciaban.
"Parece razoable pensar que as campañas e o ambiente crispado terían producido unha diminución de nenos galego falantes na consulta de 2009 e un aumento en 2010"
En canto ao segundo factor, esa posible influencia da polémica e da conflitividade hai que tomala en consideración. Non podemos demostrar que existise, pero podemos sospeitalo. A conclusión á que eu chego é que ese ambiente crispado puido ter efectos contrapostos en 2009 e 2010. Lembremos que en 2009 houbo unha prolongada campaña do activismo lingüístico para boicotear a consulta, e iso puido provocar que pais que estaban criando aos seus fillos en galego se abstivesen de participar. En 2010 houbo unha campaña en sentido contrario, instábase a participar e a declarar o galego como lingua dos nenos, aínda que non o fose, para favorecer así a existencia nas cidades e vilas grandes de aulas de Infantil co galego como lingua vehicular. O efecto real desas campañas é imposible de cuantificar, pero parece razoable pensar que, de existir, tería producido unha diminución dos nenos galego falantes con respecto aos realmente existentes na consulta de 2009, e un aumento na consulta de 2010.
Que reaccións percibe vostede a estes datos, tanto no ámbito máis informal como nos académicos ou culturais?
"Estes datos son información pública, e a Consellería ten a obriga legal de facilitar o acceso a eles. Esa sería para min a maior satisfacción"
O artigo leva moi pouco tempo circulando en Internet, como “preprint” nunha plataforma académica, ou sexa, como anticipo da publicación en papel, que se fará en Bos Aires dentro duns meses. Un artigo académico dificilmente vai ser un “trending topic”. De momento, no ámbito informal, foi acollido e comentado nalgunha rede social. Nos ámbitos académicos, o artigo está sendo lido a un ritmo superior ao habitual, pero non creo que iso vaia ter maior transcendencia, fóra da miña satisfacción persoal. E nada no ámbito institucional, aínda que hai constancia de que na Secretaría Xeral de Política Lingüística teñen noticia de que se lles fugaron estes datos, así que tamén deben tela o conselleiro e o presidente. Non sei que se pensa sobre estes datos nos ámbitos políticos, pero sería unha boa ocasión para reclamar que se fagan públicos os resultados das consultas dos anos posteriores a 2010, materializando así o disposto na recente Lei de Transparencia. Estes datos son información pública, e a Consellería responsable do tema ten a obriga legal de facilitar o acceso a eles. Esa sería para min a maior satisfacción, que por fin se desen a coñecer eses datos tan celosamente ocultados. Houbo durante estes anos peticións dabondo para se sacasen á luz, pero foron todas desatendidas.
Vostede conclúe que, como mesmo defende a SPXL, existen máis persoas galegofalantes que os amosados nos estudos máis recentes do IGE. En que se basea?
A miña indagación limítase aos nenos pequenos e aos anos mencionados, non á poboación en xeral. Eu suxiro que a SPXL pensa iso, é unha dedución miña a partir dunhas declaracións do propio Secretario Xeral, pero o certo é que non sei con certeza que defende. Pero no caso de que efectivamente defenda iso, eu sosteño que estaría no certo. En que me baseo? En dúas cousas. Por unha banda, na cantidade de respostas. Unha consulta que se fai á totalidade da poboación sobre a que se quere indagar (neste caso pais de nenos de certa idade) dará sempre resultados máis fiables que unha enquisa feita cunha pequena mostra desa mesma poboación. Como dixen antes, a consulta de 2009 recolleu o dato de lingua inicial de 44.000 nenos que estaban en Educación Infantil, mentres que o IGE, na enquisa de 2013, recolleu datos de 850 nenos que tiñan entre cinco e nove anos de idade.
"A consulta recolleu o dato de lingua inicial de 44.000 nenos de Educación Infantil, é case censual"
Por outra banda, hai que ter en conta que a lingua inicial forma parte das características inmutables dos individuos, para cada caso individual a lingua na que nos falaban os pais e na que fomos socializados é a que foi: o galego, o castelán, as dúas; e iso xa non vai non vai mudar ao longo da nosa vida, como tampouco van mudar o lugar de nacemento, ou a primeira escola á que nos levaron. Por iso, cando hai datos case censuais, como ocorre neste caso coa lingua inicial dos nenos de certa idade, unha mostra representativa deses mesmos nenos debería dar resultados semellantes, dentro dos marxes de erro de mostraxe que teña a mostra. E se non os dá, cada un ten que decidir que conxunto de datos lle merece maior fiabilidade.
En calquera caso, están presentes factores como a falta de transmisión, substitución lingüística, envellecemento poboacional, aumento da penetración do español nos ámbitos vilegos e rurais... Ten futuro a lingua galega se non se reverten estas tendencias que xa duran varias xeracións?
Todo iso é moi certo, que haxa algúns nenos máis que teñen como o galego como lingua inicial non muda moito o panorama xeral. Pero nalgúns casos son bastantes máis: a quen coñeza as comarcas da Limia e Baixa Limia, Celanova, Verín e Viana non lle vai ser fácil crer que só un 2% dos nenos teñen o galego como lingua inicial, e iso é o que sae na enquisa do IGE de 2013. Os datos da consulta da consulta da Consellería en 2009, en cambio, dinnos que son o 54%, e está claro que o futuro do galego nesas comarcas non sería o mesmo nun caso que en outro.
"O futuro do galego non está fatalmente determinado por ningún conxunto de datos. De momento, a maioría dos nenos e mozos aínda teñen ao seu arredor moito galego"
Parte do meu artigo está dedicado a criticar o modo en que as construcións cuantitativas que facemos agochan ou dan soporte a construcións ideolóxicas. O futuro do galego non está fatalmente determinado por ningún conxunto de datos. De momento, a maioría dos nenos e mozos aínda teñen ao seu arredor moito galego. Os galegos somos moi maioritariamente bilingües de uso, e non dous conxuntos de monolingües, e iso dá moito xogo. A lingua galega ten futuro, vai seguir tendo un papel importante na configuración das nosas identidades, tanto das individuais como da colectiva, pero non vai ter a exclusiva nesa configuración. Agora ben, os futuros enxergados desde as posicións extremas do abano de discursos sobre a lingua parécenme pouco realistas e teñen, na miña opinión, poucas posibilidades.
Vimos escoitando reiteradas chamadas ao consenso, nos últimos tempos tamén dende a Xunta. Observa condicións, para grandes acordos polo futuro da lingua, como os que se produciron no pasado en torno á Lei de Normalización Lingüística e ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega?
Sempre hai acordos posibles, pero tamén os hai imposibles. E hai tamén acordos voluntaristas que resultan inútiles, por non ter contemplado os discursos sociais predominantes. Os discursos políticos e os sociais non sempre camiñan xuntos.
No seu artigo afirma que nas cidades o 64,8% das nenas e dos nenos galegofalantes non está a recibir o ensino na súa lingua, mentres que entre os españolfalantes a porcentaxe se reduce a un 3,5%. Poderiamos concluír que a "liberdade" de escolla en que se baseou a Xunta para promover o actual decreto só está garantida nun caso, o de quen elixen castelán?
Esas porcentaxes refírense aos nenos de Educación Infantil, que son os únicos para os que a Lei de Normalización establece que o ensino debe darse na lingua materna. E son os datos de 2010. Non sei como estará iso agora, e non o imos saber se non se fuga outro paquete de datos; pero mellor sería que a Consellería fixese públicos xa de inmediato os resultados da consulta que acaba de facer o pasado mes de setembro. Despois, pouco a pouco, debería ir sacando os de anos anteriores, para ter todos publicados antes da próxima consulta en setembro de 2017.
"Na Coruña, en concreto, os nenos galegofalantes que non foron atendidos como establece a lei foron case todos"
As porcentaxes de 2010 que eu cito refírense ao conxunto das sete cidades, pero hai diferenzas importantes entre elas. Na Coruña, en concreto, os nenos galegofalantes que non foron atendidos como establece a lei foron case todos: os galego-falantes eran poucos, certo, só 174 nenos, pero deles, 152 foron parar a grupos nos que predominaba o castelán e só 22, todos do mesmo centro, tiveron a sorte de formar un grupo en galego. Pero isto non se debe á liberdade de escolla, no decreto non hai liberdade de escolla, declarar en que fala a nena non é escoller. No primeiro anteproxecto si se falaba diso, unha escolla parcial nas materias troncais, para incorporar no decreto as demandas dun movemento cívico que fixo bandeira diso, e que fora apoiado polo PP durante a campaña electoral de 2009. Pero na versión final non figura a liberdade de escolla, nin nos principios que fundamentan o decreto nin nas medidas.
Cabería, neste punto, avaliar a necesidade de ir cara a outro tipo de modelos de uso do galego na educación, xa sexa polo incremento da presenza do galego ou con vías diversas, caso do modelo vasco?
"O modelo vasco está ben no País Vasco, pero sería nocivo para Galicia"
O modelo vasco está ben no País Vasco, e noutros sitios nos que se aplican modelos semellantes, pero para Galicia sería nocivo. Digo para Galicia e a súa poboación, e non só para “a lingua galega”, porque impulsaría a formación de dúas comunidades monolingües cada vez máis estancas, en lugar da maleabilidade do uso que temos agora e as infinitas posibilidades de gradación que ofrece na expresión das nosas identidades. Entendo que defendan ese punto de vista os que desexan que os seus fillos reciban o ensino exclusivamente en castelán, porque din ter dereito a escoller. Pero sería preocupante que ese modelo fose gañando adeptos entre o activismo lingüístico que actúa en defensa do galego. Hai poucos días lin un comentario, precisamente a propósito do meu artigo, que dicía “mellor en guetos que mortos”. Paréceme un mal enfoque do tema, pero é unha opinión persoal, claro.