Denunciado por suposto delito de "inxurias e calumnias". É a comunicación que vén de recibir o xornalista e escritor galego Nacho Carretero de parte do ex-alcalde do Grove Alfredo Bea Gondar polas afirmacións que del fai no exitoso libro Fariña.
O ex-alcalde do Grove Alfredo Bea denuncia a Nacho Carretero polas afirmacións que del fai no libro 'Fariña'
O que fora rexedor grovense demanda a Carretero por unhas afirmacións nas que lle atribúe a Alfredo Bea a comisión de delitos relacionados co narcotráfico galego polos que fora condenado pola Audiencia Nacional no ano 2005 pero máis tarde absolto, segundo adiantou Europa Press e segundo confirmaron a Praza fontes coñecedoras do caso.
Os avogados de Bea Gondar argumentan a denuncia no feito de que esa sentenza da Audiencia Nacional contra o ex-político -por branqueo de cartos procedentes do narcotráfico- fora recorrida en casación ante o Tribunal Supremo, que en abril de 2006 absolvera o condenado anteriormente.
Os avogados de Bea Gondar argumentan que no libro se fala dunha condena da Audiencia Nacional da que fora absolto o ex-rexedor
Concretamente, o Supremo anulara unha condena de varios anos de cadea imposta pola Audiencia Nacional a cinco galegos que foran relacionados cun alixo de 2.000 quilos de cocaína supostamente desembarcada en Cambados en 1990. Eran Manuel González Crujeiras, Carallán, e José Santórum Viñas, O Can , condenados a oito anos; José Luis Fernández Veiga, O Francés, e José Parracho Castro; e o propio Bea Gondar, ao que se lle impuxeran catro anos.
Para o alto tribunal, a súa decisión estaba xustificada no feito de que a condena estivese baseada no testemuño do arrepentido Fernández Veiga sen ter realizado as comprobacións básicas, ademais de haber imprecisións no relato dos feitos probados por parte da Audiencia Nacional, que na súa sentenza acusaba a Bea Gondar de ser quen proxectara traer a cocaína desde Suramérica a Galicia.
O acto de conciliación terá lugar o vindeiro 11 de xaneiro no Xulgado de Primeira Instancia número 82 de Madrid. Bea Gondar solicita a Carretero unha "rectificación pública" na que "recoñeza a falsidade das manifestacións" realizadas, que "presente escusas" e que, en edicións sucesivas do libro, "se absteña de mencionalo".
Bea Gondar tamén reclama ao xornalista coruñés unha indemnización económica que non é coñecida. Contactado Nacho Carretero, o escritor rexeita facer declaracións polo momento e aclara que tanto a editorial (Libros del KO) coma el puxeron o caso en mans dos seus avogados e están á espera.
Bea Gondar mesmo fora elixido alcalde aos poucos días de ser detido por orde do xuíz Baltasar Garzón
Alfredo Bea Gondar foi figura clave de UCD na provincia de Pontevedra. En 1983 foi elixido alcalde por Convergencia de Independientes de Galicia, pero pouco despois pasou xunto a todos os concelleiros a Alianza Popular, embrión do actual PP. Volveu ser elixido alcalde do Grove en 1991 como cabeza de lista da Agrupación Vecinal Independiente (AVI), pero non chegou a exercer. Fora o primeiro concelleiro da lista máis votada e a falta de acordo entre as seis formacións políticas no Concello propiciara a súa proclamación malia estar xa detido. Aos tres días, fóralle retirada a condición de rexedor electo ao considerar todos os grupos que a súa ausencia no acto da toma de posesión era inxustificada. Estaba internado no cárcere de Alcalá-Meco por orde do xuíz Baltasar Garzón, e en prisión preventiva como sospeitoso de implicación nun delito de narcotráfico.
En 2005 foi condenado pola Audiencia Nacional por un delito de branqueo de capital procedente do narcotráfico do que logo foi absolto polo Tribunal Supremo. A súa historia é unha das moitas que no exitoso libro de Nacho Carretero se contan sobre as relacións máis ou menos estreitas entre o mundo do narcotráfico e diferentes cargos políticos -principalmente da dereita, da AP ou do PP- en Galicia.
"Ata a operación Nécora, houbo unha total pasividade [co narcotráfico] por parte do Estado, e a culpa foi dos políticos galegos que estaban en conivencia co narcotráfico", dicía Carretero nesta entrevista con Praza sobre un libro cheo de anécdotas, de lectura áxil e que trata sen complexos da conivencia de políticos e policía, da permisividade da cidadanía ou da banalización da farlopa ou o perico que deixaron unha xeración perdida no país.