0 Gardados para despois

A Comisión en Defensa do Común propón modificar o PXOM para evitar a privatización da Solana

Redacción | @prazapublica

A Comisión Aberta en Defensa do Común, plataforma cidadá que nos últimos meses vén impulsando na Coruña a mobilización en defensa do carácter público de espazos que o Ministerio de Defensa ou a Autoridade Portuaria queren privatizar, entregoulles este mércores aos catro grupos municipais -Marea Atlántica, PP, PSdeG-PSOE e BNG- un texto de moción para o seu debate no pleno que terá lugar o vindeiro luns. A moción pide que o complexo polideportivo da Solana e o hotel Finisterre sexan devoltos gratuitamente ao Concello para uso público cando remate a actual concesión, en 2027. Así mesmo, propón modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal e, se é necesario, empregar o mecanismo de expropiación para "garantir a titularidade municipal e o uso público da Solana e do Hotel Finisterre".

A moción pide que o complexo polideportivo da Solana e o hotel Finisterre sexan devoltos gratuitamente ao Concello para uso público cando remate a actual concesión, en 2027

A moción proposta denuncia "a política especulativa da Autoridade Portuaria, é dicir, do Ministerio de Fomento, que a través de poxas pretende que espazos, que sempre foron públicos, pasen a mans privadas". E demándalle ao Goberno municipal que "convoque unha reunión con todas as forzas políticas, sindicais, sociais e a todo o movemento asociativo da Coruña para conseguir, a través dunha convocatoria aberta, o apoio a todas estas reivindicacións". Así mesmo, pídelle ao Goberno local que coloque na fachada do pazo de María Pita unha faixa co lema "Basta xa de especulación. Devolución gratuíta da Solana e Hotel Finisterre" e ínstao a convocar "unha gran mobilización cívica para conseguir estes obxectivos".  De igual xeito, o texto proposto pide apoiar "as iniciativas do Goberno municipal na presentación dos recursos xurídicos necesarios para impedir esta actuación especulativa da Autoridade Portuaria e impedir a continuación da poxa". A moción tamén esixe da Xunta de Galicia "un pronunciamento público "en defensa dos intereses da Coruña".

"O Estado está, sorprendentemente, á cabeza destas operacións especulativas e négase a devolver ao pobo o que sempre foi do pobo da Coruña"

A Comisión Aberta en Defensa do Común reitera a súa denuncia de que “asistimos nos últimos anos a unha perda de edificios e espazos públicos, que foron sempre unha referencia na historia da cidade e moitos deles de titularidade pública. Semella que a cidade está en venda". E sinala especialmente a responsabilidade da Administración Central do Estado neste proceso: "O Estado está, sorprendentemente, á cabeza destas operacións especulativas e négase a devolver ao pobo o que sempre foi do pobo da Coruña".

"A poxa non é o camiño para recuperar eses espazos, que sempre pertenceron á cidade. O camiño é a esixencia da devolución gratuíta por parte dunha administración pública (Defensa ou Fomento) a outra administración pública como o concello da Coruña", subliña a entidade, que se pregunta "Por que A Coruña ten que contribuír ao pagamento por Fomento de máis de 5.000 millóns de euros para rescatar a rede de autoestradas radiais de Madrid?" e "Por que A Coruña ten que pagar para recuperar a Solana e o Hotel Finisterre, que están nuns terreos concesión do Estado e que sempre foron públicos porque aí estivo a praia do Parrote até o recheo que se fixo en 1968?"

"Consideramos que só a través da concienciación e mobilización cívica A Coruña poderá paralizar esta política de poxas, venda da cidade a cachos, e defender o patrimonio público"

"Consideramos que só a través da concienciación e mobilización cívica A Coruña poderá paralizar esta política de poxas, venda da cidade a cachos, e defender o patrimonio público, como xa fixemos noutras ocasións para manter o vello Hospital Militar na rede da sanidade pública en 1995, cunha manifestación de 15.000 persoas que remataba na praza de María Pita", conclúe a Comisión.

 

O PP, único partido a favor da privatiación

O PSdeG-PSOE sumouse este mércores á reivindicación, xa realizada por Marea Atlántica e BNG (que esixe a devolución gratuíta), de que a Autoridade Portuaria desbote a idea de privatizar o espazo da Solana. O portavoz municipal socialista, José Manuel Dapena, anunciou que no pleno do vindeiro luns presentará unha moción para defender que a propiedade deste espazo siga sendo pública. Dapena instou o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, a renunciar á idea da poxa e a buscar outras fórmulas para facer fronte á débeda xerada pola construción do porto exterior e acusouno de "especular con estes terreos, que deberían reverter na cidade da Coruña para o seu goce por parte dos coruñeses". Dapena pediulle así mesmo a Alberto Núñez Feijoo que se "involucre directamente" para impedir a privatización deste espazo da fachada marítima.

Dapena (PSdeG-PSOE) instou o presidente da Autoridade Portuaria a renunciar á idea da poxa e a buscar outras fórmulas para facer fronte á débeda xerada pola construción do porto exterior e acusouno de "especular con estes terreos"

O PP local, pola súa banda, mantén o seu silencio sobre o asunto, dando por bo o proxecto de privatización. A Xunta de Galicia si manifestou o seu apoio á venda do complexo a un promotor inmobiliario, afirmando que a poxa "non suporía diferencia coa actual situación", obviando que na actualidade os terreos son de propiedade pública e que o obxectivo do Concello é que o complexo de ocio da Solana -actualmente con xestión privada- pase a ser de xestión municipal. Así mesmo, as tres representantes do Goberno galego no Consello de Administración do Porto votaron a favor da privatización.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.