O pleno municipal da Coruña aprobou por maioría as tres mocións presentadas por Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG que con distintas formulacións e camiños reclamaron o carácter público do espazo da Solana e a súa devolución ao Concello. Os tres grupos apoiaron tanto a súa moción coma as presentadas polas outras dúas forzas. O Partido Popular opúxose ás propostas de Marea e BNG pero si votou a favor da moción do PSdeG-PSOE, que tamén pedía a paralización da privatización que busca levar a cabo a Autoridade Portuaria e esixíalle ao ente o respecto ao acordo acadado polo Concello e a aceptación da oferta formal, realizada xa en dúas ocasións. En todo caso, os populares dedicaron a maior parte da súa intervención a criticar o Goberno municipal, sen incorporar unha valoración negativa da actuación do Porto. Tentaron, sen éxito, incorporar unha emenda á moción socialista, non aceptada polo PSOE. Na moción da Marea, tamén aprobada pola maioría do pleno, inclúese a petición de cese do presidente do ente portuario, Enrique Losada. E na do BNG, igualente aprobada, esíxese a devolución gratuíta de Solana e Finisterre á cidade.
O Partido Popular opúxose ás propostas de Marea e BNG pero si votou a favor da moción do PSdeG-PSOE, que tamén pedía a paralización da privatización que busca levar a cabo a Autoridade Portuaria
Tanto a moción presentada pola Marea Atlántica coma a do PSdeG-PSOE esixiron da Autoridade Portuaria o respecto aos compromisos aos que en xuño chegou co Concello para a venda do espazo da Solana por 1,4 millóns de euros, un acordo aprobado por unanimidade polo Consello de Administración do Porto, posteriormente incumprido. Así, as dúas mocións instaron a "paralizar a poxa" e a garantir a titularidade pública deses terreos, demandándolle ao ente portuario "admitir a oferta xa realizada e comunicada os días 21 de outubro e 26 de decembro".
O texto presentado pola Marea Atlántica denunciou que as operacións inmobiliarias impulsadas pola Autoridade Portuaria “ademais de supoñer a privatización de solo público (terreos gañados ao mar nun caso, antigos bens comunais da cidade, noutro), pretende alterar o ben máis prezado da cidade da Coruña, a súa fachada marítima e borde litoral”. Así mesmo, a proposta da Marea Atlántica, instou a Xunta de Galicia ao cese de Enrique Losada "pola súa actitude en contra do interese público e pola súa xestión no cargo de presidente da Autoridade Portuaria".
Xiao Varela: "Nós non temos unha Autoridade Portuaria, temos unha Autoridade Inmobiliaria. E o que non pode facer esta Autoridade Inmobiliaria é xustificar un proceso privatizador como non se viu en décadas pola mala xestión dos seus recursos"
"Nós non temos unha Autoridade Portuaria, temos unha Autoridade Inmobiliaria. E o que non pode facer esta Autoridade Inmobiliaria é xustificar un proceso privatizador como non se viu en décadas pola mala xestión dos seus recursos", denunciou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela. Varela puxo de relevo os malos resultados económicos da Autoridade Portuaria dende que é xestionada por Enrique Losada, e salientou que noutras cidades, como Valencia, o Estado central si aceptou ceder de forma gratuíta importantes superficies de terreos portuarios. Así mesmo, lembrou que na última xuntanza do Consello de Administración do ente as tres representantes da Xunta -encabezadas pola conselleira Beatriz Mato- votaron a favor da privatización.
Finalmente, o edil reiterou que o Concello emprenderá "as accións legais procedentes contra a Autoridade Portuaria se esta non é quen de reencamiñar a súa deriva especulativa". "E aínda que a Autoridade Portuaria pretenda silenciar a operación, o debate sobre a venda do borde litoral da Coruña está máis vivo que nunca na cidade e dende este grupo de Goberno faremos todo o posible para que así siga sendo e traballaremos sen descanso por devolver os bens do común ao seu propietario lexítimo, que é a cidadanía da Coruña", concluíu, destacando a presenza de activistas da Comisión Aberta en Defensa do Común no salón de plenos (que, cunha faixa, pedían a devolución gratuíta dos terreos).
O PSdeG-PSOE instou a Fomento e a Puertos a "estudar fórmulas de apoio e rescate da débeda da Autoridade Portuaria, evitando que se venda o solo da cidade"
Pola súa banda, a proposta socialista, que criticou os "criterios economicistas", instou a Xunta de Galicia e a Alberto Núñez Feijoo a "defender ante Puertos del Estado e o Ministerio de Fomento os dereitos da Coruña e da cidadanía coruñesa". E, igualmente, reclamoulles a Fomento e a Puertos o estudo de "fórmulas de apoio e rescate da débeda da Autoridade Portuaria, evitando que se venda o solo da cidade". Algo tamén reclamado pola moción da Marea Atlántica, que esixiu que o Estado Central refinancie a débeda da Autoridade Portuaria da Coruña e destine fondos estatais e portuarios a sanear as súas contas.
O BNG recolleu a moción presentada pola Comisión Aberta en Defensa do Común, demandando que o complexo polideportivo da Solana e o hotel Finisterre sexan devoltos gratuitamente ao Concello
O BNG recolleu a moción presentada pola Comisión Aberta en Defensa do Común, demandando que o complexo polideportivo da Solana e o hotel Finisterre sexan devoltos gratuitamente ao Concello para uso público cando remate a actual concesión, en 2027. A proposta aprobada reclama que o Concello presente os recursos xurídicos necesarios para impedir esta actuación especulativa da Autoridade Portuaria e impedir a continuación da poxa, co obxecto de garantir a titularidade municipal e o uso público da Solana e do Hotel Finisterre, adoptando as necesarias modificacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal ou, no seu caso, expropiación. Na moción tamén se solicita que "se convoque unha reunión con todas as forzas políticas, sindicais, sociais e a todo o movemento asociativo da Coruña para conseguir, a través dunha convocatoria aberta, o apoio a todas estas reivindicacións". Así mesmo, pídelle ao Goberno local que coloque na fachada do pazo de María Pita unha faixa co lema "Basta xa de especulación. Devolución gratuíta da Solana e Hotel Finisterre" e ínstao a convocar "unha gran mobilización cívica para conseguir estes obxectivos".
As mocións presentadas por Marea Atlántica e PSdeG-PSOE tamén facían referencia ao destino dos terreos dos peiraos que a Autoridade Portuaria tamén ameaza con subastar, reclamándolle ao Porto que desista das súas intencións
As mocións presentadas por Marea Atlántica e PSdeG-PSOE tamén facían referencia ao destino dos terreos dos peiraos que a Autoridade Portuaria tamén ameaza con subastar, reclamándolle ao Porto que desista das súas intencións. O texto presentado pola Marea lembra que a posible privatización destes espazos “non solucionaría a actual situación estrutural de débeda do porto da Coruña e o reequilibrio das súas contas. Agardan obter 10 millóns pola Solana e o Finisterre, e 25 polos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, cando o seu burato económico supera os 300 millóns". E subliñou que o interese da Autoridade Portuaria “non é outro que a venda a promotores privados para a urbanización dos terreos con destino maioritario a vivendas e usos terciarios-comerciais”. Pola contra, de quedar en mans públicas "suporía unha oportunidade para a reordenación territorial e urbanística da fachada marítima da Coruña, que permitiría que toda a veciñanza gozase dela", engadía a moción.
Bloqueo no cambio de normativa da ORA
Un cambio de posición do PSdeG-PSOE bloqueou o cambio de normativa da ORA, proposta polo grupo de Goberno. O pleno votara a favor da nova ordenanza fiscal (co voto a favor da Marea e a abstención de PSOE e BNG), pero o voto contrario dos socialistas tumbou o cambio de normativa, o que fixo improdutiva a aprobación das tarifas. O PSdeG-PSOE cualificou de "parche" a proposta da ORA e pediu á Marea Atlántica unha nova negociación para "consensuala".