0 Gardados para despois

O Colexio de Xornalistas ve "inaceptable culpabilizar as vítimas da violencia machista" nos medios

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


Nova chamada de atención do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sobre o tratamento da violencia machista nos medios de comunicación do país. Desta volta o motivo da preocupación e mesmo da indignación é a publicación, este martes, en xornais como El Correo Gallego e Atlántico Diario dun artigo asinado por Manuel Molares do Val no que, baixo o título Víctimas de su sexismo, responsabiliza da violencia machista ás propias mulleres que a sofren.

"A pluralidade e o debate de ideas", di a Xunta de Goberno do CPXG, "en ningún caso poden identificarse co intento de responsabilizar as mulleres asasinadas dos crimes dos seus agresores", nin "poden ampararse na liberdade de expresión as graves faltas de respecto á súa memoria". A entidade profesional insta a lembrar as cifras de mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas -mási de medio cento en apenas dez anos só en Galicia- para apelar o conxunto dos medios a non esquecer a "magnitude" dun problema que "só pode abordarse dende o rigor e a boa praxe profesional", ambos "ausentes neste texto".

"Aínda sendo un artigo de opinión", o escrito en cuestión "está asinado por un xornalista e publicado por periódicos de ampla difusión". Estes, di o Colexio, "deben aclarar" a quen os len "se a súa liña editorial considera admisible culpabilizar persoas asasinadas da súa morte violenta" e "cales son os filtros editoriais que aplican aos textos que publicao e dos que, polo tanto, se responsabilizan".

O CPXG insta os medios a "ir alén das boas intencións": "se frivolizan cos asasinatos e culpabilizan as vítimas contribúen a perpetuar as causas da violencia machista"

A xuízo do CPXG resulta "urxente" que os medios "asuman a súa responsabilidade na erradicación da violencia machista" cun compromiso que debe "ir alén das declaracións de boas intencións". "Debe evidenciarse nas informacións e textos de opinión que cada día se elaboran e publican sen que iso supoña unha renuncia a informar con veracidade". "Se os medios transmiten estereotipos sexistas, frivolizan os asasinatos e culpabilizan as vítimas, contribúen a perpetuar as causas da violencia", conclúen.

O artigo foi tamén rexeitado por colectivos feministas como A Buserana, da Costa da Morte, que coida que "os medios de comunicación deberían ser parte fundamental da loita contra o asasinato de mulleres a man do machismo". "Ningún medio -reflexionan- publicaría un artigo no que o autor se referise ás vítimas do terrorismo como estúpidas". Na mesma liña, o colectivo lucense Si, hai saída, reclamou nun comunicado "rectificación e desculpas" pola publicación deste texto, que consideran unha peza de "apoloxía" da violencia machista, ademias "dunha vergoña para o xornalismo e para os profesionais que o exercen do xeito digno que cómpre".

Neste escenario estas e outras entidades instan os medios de comunicación a seguir códigos deontolóxicos como o plasmado polo propio CPXG na Declaración de Compostela, que dende 2004 serve como guieiro de recomendacións para mellorar o tratamento informativo da violencia machista, documento en cuxa actualización está a traballar o Colexio.

El Correo Gallego retirou o artigo da súa edición dixital difundiu unha nota de "desculpa" dende a súa conta de Facebook. Posteriormente, o xornal editado en Santiago emitiu un "comunicado oficial" de "desculpas", instando a "non confundir un fallo no control dunha páxina coa complicidade" coa violencia machista e anunciando a "cancelación" da "colaboración co autor do desafortunado artigo". Atlántico Diario, pola súa banda, mantivo o texto na súa web ata o mediodía deste mércores e este xoves publicou un novo artigo do mesmo autor, que di ser vítima da "censura".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.