O 15 de decembro de 2014, nunha das xornadas nas que a veciñanza de Coia tentou impedir a instalación do Bernardo Alfageme nunha das rotondas deste barrio vigués, Diego Lores foi acusado de agredir un policía municipal. A Asemblea Aberta de Coia, á que Lores pertence, denuncia que non existen probas para acusalo, que as protestas foron pacíficas en todo momento e que o proceso xudicial busca servir de exemplo ao resto: "Diego sempre foi unha das caras máis visibles da loita da rotonda de Coia, polo que creemos que o seu procesamento non é casual. Pretenden que pague por toda a veciñanza, para que quede claro que sucede coas voces disonantes". Sinalan, ademais, que o proceso incorreu en numerosas "contradicións e incongruencias", que fixeron que a Fiscalía se negase a presentar cargos, de xeito que só o fai a acusación particular: a Policía Local de Vigo.
O vindeiro martes 17 terá lugar o xuízo, no que se piden para Diego Lores 3 anos e medio de cárcere, xunto a unha responsabilidade civil de 30.355,84 euros. Durante esta semana a Asemblea Aberta de Coia está a presentar o caso por diversas localidades galegas, buscando "compartir experiencias, unir loitas e tecer redes", baixo o lema de "quérennos en soidade, terannos en común" e presentando a curtametraxe que recolle a historia da mobilización. Este domingo, ademais, iniciarase un peche de 48 horas na Parroquia do Cristo da Victoria, con diversas actividades (concertos, debates, obradoiros...), que rematará o martes pola mañá cunha manifestación ata os xulgados da cidade. Falamos con el.
"Aínda que esta situación caeu sobre unha persoa -agora tocoume a min coma antes lle tocou a Xurxo- sempre o entendemos como un asunto colectivo"
Primeiro, quería saber como estás de ánimo e con que expectativas chegas ao xuízo, tendo en conta que a Fiscalía non ve indicios de delitos e non presentou acusación...
De ánimo estou ben. A pesar de ser unha situación anormal o ter que ir ao xulgado por unha causa tan inxusta, estou tranquilo e síntome moi acompañado, con moita xente ao redor, moita xente preocupada por nós e sosténdonos. Na parte máis persoal, síntome moi agradecido pola cantidade de agarimos que estou recibindo, tanto de xente próxima coma doutras persoas dende fóra. Pero aínda que esta situación caeu sobre unha persoa -agora tocoume a min coma antes lle tocou a Xurxo- sempre o entendemos como un asunto colectivo. No que respecta ao propio desenvolvemento do xuízo, a pesar de que este tipo de situacións -nas que un policía realiza unha acusación de atentado- habitualmente rematan en condena, o feito de que dous fiscais pediran o sobresemento porque non vían materia para a acusación foi unha agradable sorpresa. E polo tanto estamos confiados en que isto remate ben.
"O feito de que dous fiscais pediran o sobresemento porque non vían materia para a acusación foi unha agradable sorpresa. E polo tanto estamos confiados en que isto remate ben"
Que pasou aquel día no que te acusan de atentado contra a autoridade?
Estes días penso moito en que a verdadeira noticia non é preguntarme a min, senón que estaría moi ben preguntarlle ao policía que me acusou como está a vivir todo isto. Estaría ben saber a outra parte. Pero conto como vivín eu ese momento. Metémonos un grupo de veciños e veciñas do barrio a intentar parar as obras. Dende o primeiro momento o Goberno local comezou a dicir que nós non eramos do barrio, que eramos sindicalistas, que eramos Celtarras, que eramos violentos e non sei que máis. Despois de estar varios días parando as obras, aparece un grupo moi grande de policías locais e con malos modos. Fronte a eles estabamos un grupo de veciños moi mesturado, moi heteroxéneo: xente maior, xente nova, persoas que de camiño a facer a compra paraban alí un anaco, outros que coma min viñan de levar os nenos ao colexio...
"Vin que tres policías saíron correndo detrás dun rapaz. Cando cheguei onda el, un policía tíñao collido polo brazo e pedinlle que non lle fixese nada. E nese momento o rapaz aproveitou para fuxir. O policía escorregou e caeu sobre si mesmo, mancándose a man"
O 15 de decembro a policía toma a rotonda e non nos deixa entrar, formando tres cordóns de axentes. Eu estaba un pouco retirado, sobre todo porque estaba pendente de controlar que non pasase nada. Vin que tres policías saíron correndo detrás dun rapaz, comecei a correr detrás e cando cheguei onda el, un policía tíñao collido polo brazo, un policía que recoñecín nese momento, porque falara con el nos días anteriores. Pedinlle que non lle fixese nada. E nese momento que eu estaba falando co axente, o rapaz aproveitou para soltarse e fuxir. O policía escorregou e caeu sobre si mesmo, mancándose a man, facendo un xesto de dor. Despois disto, volvín á rotonda, onde os veciños e veciñas finalmente conseguimos romper o terceiro cordón e entrar novamente na zona das obras. Pasou a mañá, e a miña sorpresa foi que á hora do xantar un policía estaba preguntando por min. Presenteime ante eles e tomáronme os datos. Tres semanas despois chamáronme da Policía Nacional, fun á comisaría e detivéronme alí, acusándome dun delito de atentado.
"Hai unhas décadas o poder resolvería esta situación cunha carga maior de violencia. Pero agora as formas de control e de represión son outras, e abóndalles con acusar unhas poucas persoas, para conseguir desmobilizar e meter medo"
Dende a Asemblea de Coia denunciades que estás a ser un cabeza de turco, nun proceso que se dirixe contra todo o movemento, co obxectivo de "dar unha lección" e amedrentar... Sénteste así?
Hai unhas décadas, seguramente, esta situación o poder resolveríaa cunha carga maior de violencia contra os que estabamos alí. Pero agora as formas de control e de represión son outras, e abóndalles con acusar unhas poucas persoas ou impoñer fortes multas, para conseguir o mesmo fin: desmobilizar e meter medo. Estabamos sendo incómodos e esta foi unha forma de tentar calarnos. O tempo foi pasando, estamos recuperados, e o que queremos é aproveitar mobilizacións coma a que estamos tendo esta semana para xuntarnos e falar destas cousas: do camiño para construír unha vida e unha sociedade na que caibamos todas, e para conformar outro modelo de cidade -neste caso, Vigo- que estea ao servizo das persoas, non dos intereses inmobiliarios e dos poderes económicos, que o único que fan é expulsar cada día máis xente.
"Temos en conta esa lóxica de partidos, pero nós xogamos nuns tempos máis a longo prazo e nunha lóxica de construír procesos que nos leven a escenarios nos que a vida sexa posible"
Como valoras a forza e a situación dos movementos sociais en Vigo, tendo en conta o contexto actual: un Goberno de Caballero con maioría absoluta, unha situación de certo impasse despois de anos dunha intensa mobilización...?
Nós entendemos que hai uns tempos, marcados pola política partidaria, pero nós xogamos noutra liga. Temos en conta esa lóxica de partidos, pero nós xogamos nuns tempos máis a longo prazo e nunha lóxica de construír procesos que nos leven a escenarios nos que a vida sexa posible. En Vigo asistimos a ese discurso da cidade fermosa, que traballa no deseño dunha cidade de cartón, feita só para os poderes económicos e para o turismo. E a un discurso, dende o Concello, de fomento da política social, desmentido polas cifras e a realidade, pois o investimento social en Vigo está por debaixo da media das cidades do Estado. É moi triste que pasado este e outros conflitos, Caballero gañase con maioría absoluta, tamén neste barrio. Pero o escenario é o que é e nós traballamos en construír dinámicas e redes humanas que vaian xerando dende abaixo unha vida que nos permita cubrir as necesidades básicas de todas e coidarnos. O certo é que segue habendo moita miseria e moita dor na periferia, e aínda por riba queren facernos crer que esta situación ten que ver coas nosas condutas, con razóns individuais, cando do que estamos a falar é de problemas sociais e dunha estrutura que impide que todas poidamos vivir cuns mínimos.
"Segue habendo moita miseria e moita dor na periferia, e aínda por riba queren facernos crer que esta situación ten que ver coas nosas condutas, con razóns individuais, cando o que estamos a falar é de problemas sociais"
Dá a impresión de que a loita contra a instalación do barco na rotonda tiña moito de simbólico, pero que debaixo dela sumaba moitos elementos, moitas loitas: as prioridades económicas e o reparto da riqueza, o dereito da veciñanza a decidir sobre o barrio, a xestión do espazo público... Considerádelo así?
Para nós a loita do barco foi posible por anos de traballo e de loitas que se viñan desenvolvendo en espazos coma a Parroquia do Cristo da Victoria de Coia, un espazo no que se leva construíndo comunidade, no que se leva construíndo barrio e cidade dende hai moito tempo. Un lugar no que moitas persoas participamos, e no que tivemos experiencias de gañar loitas semellantes a esa. Por exemplo, no caso do Parque da Bouza, que era un espazo que estaba destinado a acoller edificios e que grazas á loita veciñal conseguiuse que fose un espazo verde. Sen entender esta loita ou o traballo que levamos anos desenvolvendo no ámbito dos dereitos sociais a través da ODS non se pode entender a loita do barco. Nós estabamos fartas de escoitar nas oficinas do Concello que non había cartos para axudas sociais ou para pagar auga e luz ás persoas que o necesitaban. E resulta que un día abrimos o xornal e o Concello di que vai gastar 300.000 euros en meter un barco nunha rotonda.
"Sen entender esta o traballo que levamos anos desenvolvendo no ámbito dos dereitos sociais a través da ODS non se pode entender a loita do barco"
O proxecto do barco enmárcase ademais nun proxecto de cidade no que Vigo está a transformarse deixando de lado á xente. Estamos a ver cales son os métodos que emprega Caballero para levar adiante este proxecto: se ten que empregar a violencia, emprégaa; se ten que usar os cartos de todas para propaganda e agochar a realidade, faino. O barco foi moi simbólico, pero é que foi a chispa que prendeu o traballo feito durante moitos anos. Atopámonos moitas na rotonda. Sempre dicimos que foi unha loita moi interxeracional, moi diversa, con xente que viña de espazos moi politizados e outra que non estaba en absoluto politizada.
"Estamos a ver cales son os métodos que emprega Caballero: se ten que empregar a violencia, emprégaa; se ten que usar os cartos de todas para propaganda e agochar a realidade, faino"
O barco, finalmente, instalouse. Hoxe, xa cun pouco de perspectiva, valorades aquela loita como unha derrota? Ou como unha vitoria, pola experiencia e as redes que permitiu tecer?
Uns meses despois de que o barco finalmente se instalara, publicamos un texto no que diciamos que gañáramos. Gañamos porque foi moi importante ter esta experiencia concreta, corpórea, cargada de emocións, de medos e de intensidade. Estamos fartas de discursos, de debates, de clics, de darlle a gústame, pero estamos escasas de experiencias corpóreas, de xuntarnos as persoas e de volver facer natural o que era natural. De que a veciñas se atopen, cada unha dende a súa diversidade. De que nos xuntemos para cubrir as necesidades que teñamos. Iso fixémolo na rotonda. Non sei se gañamos ou se perdemos, pero dotámonos dunha práctica que é un potencial moi grande para, a partir dese fío, seguir tirando del e seguir xerando dinámicas alternativas ás do poder. Ademais, serviu para crear multitude de vínculos e relacións tanto en Vigo coma fóra da cidade. Agora temos construír a partir desas redes, buscando iso que sempre reivindicamos: vivir dignamente como dereito para todas. En Vigo ese dereito non existe, e temos que loitar para facelo posible.
"Estamos fartas de discursos, de debates, de clics, de darlle a gústame, pero estamos escasas de experiencias corpóreas, de xuntarnos as persoas e de volver facer natural o que era natural. De que a veciñas se atopen, cada unha dende a súa diversidade"
O domingo iniciaredes un peche de 48 horas na Parroquia do Cristo da Victoria. Durante toda esta semana estades mantendo encontros en toda Galicia, co obxectivo de "compartir loitas e tecer redes de defensa". O camiño pasa por fortalecer ese traballo en común?
O tema represivo é o que menos nos interesa de todo isto. Pero o xuízo está permitindo que moita xente mire para nós, e queremos aproveitalo para falar doutros temas, fortalecendo as alianzas xa iniciadas. O domingo comezaremos o peche, convidamos a todo o mundo, de Vigo e de fóra, de Galicia e de fóra, a que veña botarnos unha man e a compartir. No final da ditadura era moi habitual meterse nas igrexas para protestar e defenderse. Xa que este Goberno local dixo tantas veces que os que protestabamos non eramos da parroquia, imos reivindicar que de alí somos. Os zapatistas din aquilo de 'tapámonos para que nos vexan', pois nós metémonos na parroquia para que non nos ignoren. Teremos contacontos para as crianzas, música, charlas e obradoiros. Queremos que sexa un espazo popular e festivo, que nos permita seguir coñecéndonos e, de cara ao futuro, traballar xuntos e xuntas, abrindo fendas ou aproveitando as distintas fendas que se abran en cada momento.