0 Gardados para despois

Galicia: Unha paisaxe de minas a ceo aberto?

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Todo na miña terra é paisaxe, menos traxe, paxe e garaxe", ou cando menos iso escribiron os Ronseltz. Máis aló da brincadeira en forma de poema, a paisaxe constitúe un elemento fundamental da identidade galega, un elemento sinalado dende Rosalía de Castro e Otero Pedrayo ata Celestino de la Vega ou María López Sández. E como símbolo daquilo -natureza, memoria, economía produtiva...- que cómpre defender, como ben reivindicou hai uns días Marilar Aleixandre ao chamar a "termar da paisaxe" no seu discurso de ingreso na RAG.

Velaí o acaído de iniciativas coma Somos Paisaxe ou da Estratexia da Paisaxe de Galicia (que desenvolve a Lei da Paisaxe aprobada en 2008) e das propias Directrices de paisaxe, cuxo borrador deste atópase en fase de exposición pública ata o vindeiro 2 de marzo. O texto sinala unhas Áreas de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) "nas que se preserven os diversos elementos que as conforman e nas que se manteña a relación harmónica entre os valores naturais, culturais, patrimoniais, estéticos ou panorámicos que deron orixe ás mesmas". Porén, estas directrices recollen a posibilidade de que estes espazos acollan actividades extractivas, prevendo unha serie de actuacións para acadar "unhas explotacións extractivas ben integradas na paisaxe da contorna e nas que se leven a cabo labores de mellora e recuperación". De igual xeito, chámase a "minimizar" o seu "impacto visual" ou a promover "a creación dunha nova paisaxe de calidade tras a súa vida útil, de xeito que se manteñan os valores primixenios das áreas propias e lindeiras".

As entidades sinalan que as directrices incumpren o Convenio europeo da paisaxe do ano 2000, a Lei da Paisaxe de Galicia de 2008 e a propia Lei do Solo aprobada o pasado ano

A Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, a Asociación galega Cova Crea e a Asociación ambiental Amigos e Amigas dos Bosques “O Ouriol do Anllóns” veñen de presentar alegacións contra estas directrices da paisaxe, denunciando que "a actividade extrativa é un uso prohibido nas áreas de especial interés paisaxístico" pois "elimina os valores prevalentes que son obxecto de protección" e "xera uns impactos significativos irreversibles", sobre todo se temos en conta que a maior parte dos proxectos extractivos en Galicia son minas e canteiras a ceo aberto. As entidades sinalan que as directrices incumpren o Convenio europeo da paisaxe do ano 2000, a Lei da Paisaxe de Galicia de 2008 e a propia Lei do Solo aprobada o pasado ano. O artigo 34 desta norma establece como unha das categorías do solo rústico de especial protección "o solo rústico de protección paisaxística", constituído "polos terreos considerados como áreas de especial interese paisaxístico de conformidade coa lexislación de protección da paisaxe de Galicia".

Para as entidades denunciantes o borrador das Directrices da paisaxe "non tutela os valores obxecto de protección das paisaxes, tal e como debera ser, senon que abre a porta á megaminería contaminante nas AEIPs e naquelas outras zonas que polos seus valores prevalentes e por cumprir funcións ambientais e ecolóxicas deberan ser obxecto de especial protección". "Contémplase a posibilidade de instalar diques de contención e balsas de lodos dentro dos primeiros 500 metros a Áreas de Especial Interés Paisaxístico", sinalan. E alertan de que "as paisaxes son consideradas no borrador como un valor adicional, residual ou complementario ao resto das políticas e sectores económicos como o mineiro".

As directrices establecen (páxina 411) que "o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia deberá establecer os mecanismos para a coordinación e compatibilización das actividades extractivas e a paisaxe"

De feito, as directrices establecen (páxina 411) que "o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia (PSAEG) deberá establecer os mecanismos para a coordinación e compatibilización das actividades extractivas e a paisaxe, asegurando a preservación dos valores paisaxísticos de Galicia. En particular, o PSAEG debe abordar a problemática das comarcas paisaxísticas nas que a acumulación de explotacións ten provocado unha transformación moi significativa da paisaxe". As entidades denunciantes sinalan que "é o PSAEG o que ten que adaptarse ás directrices da paisaxe e non ao revés".

As asociacións critican así mesmo que as directrices se limiten a propoñer unha serie de tímidas "medidas correctoras" para reducir o impacto visual destas instalacións nestas áreas paisaxísticas de especial protección, medidas como elaboración dunha "Guía de boas prácticas para as actividades mineiras e extractivas” -documento non vinculante- ou a instalación de "apantallamentos vexetais". Estas medidas "non corrixen os impactos significativos que causan as actividades extractivas a ceo aberto, e moito menos nas Áreas de Especial Interés Paisaxístico ou naquenas áreas cuxos valores as fagan merecedoras de protección", subliñan.

As entidades conclúen que o documento "facilita a tramitación dos proxectos mineiros a ceo aberto" e que nel "prevalece o dereito do mercado á expoliación dos recursos fronte ao benestar e a saúde da cidadanía e dos ecosistemas"

As tres entidades conclúen que o documento "facilita a tramitación dos proxectos mineiros a ceo aberto" e que nel "prevalece o dereito do mercado á expoliación dos recursos fronte ao benestar e a saúde da cidadanía e dos ecosistemas, e en especial dos recursos hídricos". E alertan de que "boa parte do subsolo de Galicia foi obxecto de concurso de dereitos mineiros e está a espera de que empresas presenten proxectos viables para a súa explotación". Neste senso, no Censo Catastral Mineiro podemos repasar as 237 autorizacións de aproveitamento outorgadas (máis outras 38 solicitadas) e os 164 permisos de investigación concedidos (e outros 174 solicitados).

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.