"A Administración actúa de forma irresponsable ante o amianto"

A uralita, moi estendida por toda Galicia, componse dun 30% de amianto e ten unha vida útil de 30 anos como máximo CC-BY-NC-ND Monsieur Chitiàn

A comunidade educativa do CEIP Ramón de la Sagra da Coruña leva días mobilizada ante a obstinación da Consellería de Educación en retirar en período lectivo o amianto presente no edificio. O certo é que o obxectivo inicial -tal e como se recollía no prego técnico- era que as obras se realizasen durante o verán; posteriormente adiouse ata as vacacións de nadal, e finalmente a data escollida foi este mes xaneiro, unha vez retomadas as clases.

A Consellaría de Educación afirma que as protestas están "inxustificadas" e que teñen "claras motivacións políticas"

Nais e pais insistiron en todo momento en que a eliminación do amianto implica uns riscos para os nenos e nenas, unha opinión apoiada por un informe da doutora Carmen Diego Roza, unha das principais expertas en toda España nos efectos do amianto sobre a saúde. E esixiron que as obras se realizasen en período non lectivo. Porén, dende a Xunta afirmouse en varias ocasións que non existe perigo, que os traballos teñen lugar polas tardes e que, posteriormente, se realizan "medicións" para detectar a presenza de fibras de amianto. Pais e nais non aceptaron as explicacións do Goberno autonómico e veñen negándose a enviar os seus fillos e fillas ao colexio mentres duren estas actuacións, de xeito que a media de asistencia está sendo do 10 ou do 15 por cento. A consellería, lonxe de buscar un achegamento ás persoas que están a mobilizarse, semella ter elevado o ton, sinalando o departamento que dirixe Román Rodríguez que as protestas están "inxustificadas" e que teñen "claras motivacións políticas". Ademais, argumenta que esas obras se levaron a cabo noutros centros en período lectivo e que alí non houbo queixas.

Nais e pais denunciaron xa a Consellaría ante a Fiscalía provincial e a Fiscalía de menores e mantiveron unha xuntanza co fiscal xefe de Galicia. Ademais, puxéronse en contacto coa Valedora do Pobo, Milagros Otero, que se dirixiu por escrito á Consellaría de Educación sinalando que o alumnado "pola súa vulnerabilidade e polo principio de precaución" non debe estar no centro escolar durante a retirada das placas de amianto e esixiu que as obras se realicen en vacacións. Aínda que a Xunta defende que se fan medicións todos os días (como esixe a lei), un dos problemas é que os resultados desas medicións non se coñecen de forma inmediata (tardan uns días), polo que, como sinala a Valedora, "a planificación implica que os alumnos entran nas aulas ao día seguinte pola mañá sen tempo de acreditar, por medio das obrigadas medicións, que a concentración de fibras de amianto non aire do interior do centro escolar é inferior aos valores límite legalmente establecidos".

Pais e nais denunciaron a Xunta ante a Fiscalía e mesmo a Valedora dirixiuse ao Goberno galego instándoo a realizar as obras durante as vacacións

O problema, ademais, é que mesmo no caso de que estas medicións non detectasen a presenza de amianto no lugar no que se realizan as obras, non se pode ofrecer a completa seguridade de que non haxa fibras deste material no recinto escolar. No informe que hai unhas semanas remitiu Carmen Diego Roza sinalábase que "as fibras poden permanecer suspendidas no aire por longo tempo e ser transportadas longas distancias polo vento e a auga antes de depositarse, como podería suceder no caso do colexio, onde parte da vida transcorre no patio e lugares adxacentes".

"É moi difícil evitar completamente o risco de exposición ao amianto", destaca a doutora en conversa con Praza. E salienta que "o problema da contaminación medioambiental por amianto é moi importante en toda España e especialmente en Galicia. Temos amianto en moitísimos sitios, tellados de uralita hainos por todas partes e hai que ter moito coidado na forma en que se retira". "Neste caso, a retirada do amianto débese facer de tal maneira que minimices os efectos sobre a saúde dos nenos. A reclamación que fan os pais e nais, que é tan sinxela como que a retirada do amianto se faga en período non lectivo, é moi lóxica", engade.

Carmen Diego Roza subliña que "co mesotelioma [un tipo de cancro que se pode producir na pleura] non hai dintel de seguridade". É dicir, que mesmo a inhalación dunhas poucas fibras pode ser perigosa. Pola contra, "coa asbestose e o cancro de pulmón si que as investigacións indican que a exposición ao amianto ten que darse durante bastante tempo e en concentracións altas", indica. "É certo que a exposición que poderían ter os nenos sería baixa e que o risco sería limitado, pero hai que facer todo o posible por minimizala ao máximo", conclúe.

 

O amianto está por todas partes

Carmen Diego Roza: "É moi difícil evitar completamente o risco de exposición ao amianto. As fibras poden permanecer suspendidas no aire por longo tempo e ser transportadas longas distancias polo vento e a auga antes de depositarse"

O do colexio Ramón de la Sagra non é un caso excepcional. O amianto -un elemento illante moi efectivo e barato- empregouse durante décadas na construción, e unha parte moi importante das edificacións erguidas antes do ano 1990 conteñen este material, comezando pola omnipresente uralita, composta de amianto nun 30%. O problema é que as fibras de amianto provocan enfermidades coma asbestose, cancro de pulmón ou cancro de pleura. Por iso, a súa utilización está completamente prohibida dende o ano 2002 e para a súa retirada existe unha normativa e uns protocolos moi detalladas, pero que non sempre se cumpren.

De igual xeito, a Unión Europea posicionouse neste tema de forma clara en varias ocasións, pedindo a completa eliminación deste material e lembrando que ata o ano 2030 medio millón de persoas morrerán en toda Europa por enfermidades derivadas da exposición ao amianto. En 2013, ademais, o Parlamento europeo aprobou unha resolución instando a UE a "supervisar a presenza de amianto en edificios públicos e privados" e a crear "plans de acción para a súa eliminación segura" antes do ano 2028. Así mesmo, en 2015 o Comité Económico e Social Europeo aprobou un ditame sinalando que "a completa eliminación de todo o amianto debe ser un obxectivo prioritario da Unión Europea" e instou a UE a "animar os Estados membros a lanzar follas de ruta e plans de acción específicos" para a súa completa erradicación no ano 2032.

A Unión Europea posicionouse de forma clara en varias ocasións, instando á completa eliminación deste material

O Foro Social Galego do Amianto traballa dende hai anos nesta dirección, como sinala o médico Carlos Piñeiro, que en referencia co caso do Ramón de la Sagra sinala que "hai anos presentamos dende o Foro un informe sobre a presenza do amianto nos centros de ensino de Galicia, pedindo a adopción de medidas para a súa retirada. Pero non se nos fixo caso". "É unha grande irresponsabilidade, unha completa barbaridade, que unha administración permita que se realice unha operación deste tipo co colexio cheo de xente", engade.

"A falta de resposta da Administración denota unha irresponsabilidade total. Parece que somos totalmente alleos ao que sucede noutros países de Europa, onde dende hai máis de 20 anos están planificando e levando a cabo a substitución das cubertas e doutros elementos que conteñen amianto nos colexios", denuncia. "Italia, Francia ou Polonia iniciaron plans específicos para a súa retirada en todos os edificios e construcións, contando con axudas europeas. E en Inglaterra, debido a que hai unha grande incidencia de casos de mesotelioma entre o profesorado, fíxose un plan por distritos para a súa retirada nos centros de ensino, como o que se levara a cabo nos Estados Unidos dúas décadas", di. 

Carlos Piñeiro: "É unha grande irresponsabilidade que unha administración permita que se realice unha operación deste tipo co colexio cheo de xente"

"Aquí, en cambio, o tema só se ten en conta en función da sensibilidade dunha anpa e das súas protestas, non hai planificación. As autoridades non adoptan as medidas que teñen que adoptar e que a Unión Europea indica que hai que adoptar. A Administración actúa de forma irresponsable ante o amianto", engade. Dentro de España sinala como excepción o caso dalgunhas comunidades autónomas, como Andalucía ou Baleares, que si iniciaron plans para a eliminación sistemática do amianto nos colexios e institutos, "que se fai, por suposto, durante o verán", subliña.

O problema, evidentemente, non se reduce aos centros de ensino e outros edificios públicos. "Temos milleiros de metros cadrados de amianto en boa parte dos edificios construídos en Galicia antes do ano 1990. Calculamos que ao redor do 40% desas construcións poden estar nesa situación. A uralita, que ten un 30% de amianto, ten unha vida media de 20 a 30 anos. Cando supera iso, hai que cambiala", di Carlos Piñeiro, que explica que nin sequera está dado o primeiro paso: a identificación dos edificios e construcións nas que está presente o amianto. Denuncia, neste senso, que coa aprobación hai anos das normas de certificación enerxética de edificios "perdeuse unha grande oportunidade". "Tiñan que ter incorporado a cuestión do amianto, como sucede en Francia, onde non se pode vender unha vivenda sen facer antes unha análise de se nelas hai ou non este material", di. O pasado ano xa advertía en conversa con Praza que "se non se erradica o amianto da construción, o problema persistirá".

De igual xeito, Carmen Roza comenta que "estamos moi concienciados cos problemas que se dan nos centros de traballo, coma os estaleiros, pero non estamos tan mentalizados co tema da exposición doméstica e medioambiental". "Agora o Ramón de la Sagra centra a atención, pero canta uralita é retirada todos os días, moitas veces sen excesivas precaucións? Cantas obras se realizan en edificios que no seu momento foron construídos usando fibrocemento?", pregúntase.

"Temos milleiros de metros cadrados de amianto en boa parte dos edificios construídos en Galicia antes do ano 1990. Calculamos que ao redor do 40% desas construcións poden estar nesa situación"

Carlos Piñeiro conclúe que "levamos anos de atraso". "Parece que a Administración descoñece as directivas europeas a aplicar, e emprégase un argumento económico que é absurdo, porque o gasto non é tanto [ao redor de 150 euros por metro cadrado] e o suposto aforro que se pretende conseguir incumprindo a normativa despois vai saír máis caro, comezando polas sancións que poidan chegar dende Europa e os propios gastos sanitarios de tratar as doenzas producidas polo amianto", di. 

O amianto empregouse de forma frecuente na construción ata 1990 CC-BY-NC Matteo Della Torre
Exterior do colexio Ramón de la Sagra, na Coruña © Google Maps
Carlos Piñeiro Dominio Público Praza Pública
A doutora Carmen Diego Roza Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.