O temporal bloquea a rede ferroviaria en Galicia entre protestas dos pasaxeiros por falta de información

En case todo o litoral galeg0 mantense a alerta vermella © Xunta

Bloqueo ferroviario coa estación de Santiago como epicentro da indignación das persoas usuarias. O temporal que afecta a Galicia inzou a noite do xoves ao venres de diversas incidencias como cortes de luz, anegamentos, caídas de pólas e elementos de cubertas de edificios e mais incidencias no tráfico, caso por exemplo do corte da N-VI en Lugo e a N-540 en Guntín. Pero, desta volta, o centro dos problemas está na rede ferroviaria, con múltiplos atrasos e cancelacións entre denuncias de falta de información.

Dende primeira hora desta mañá a circulación de trens entre Pontevedra e Ourense ficou interrompida "debido a causas meteorolóxicas adversas entre as estacións de Filgueira e Frieira", segundo Adif, que nun comunicado actualizado ás oito e media da mañá advirte, de xeito xenérico, de que "os trens con orixe en estacións galegas poden sufrir demoras nos seus horarios habituais de paso polo mesmo motivo". Esa demora acadou, por exemplo, os 64 minutos no caso do tren de media distancia entre Vigo e A Coruña, que chegou á capital con este retraso contra as nove da mañá.

Renfe contratara ás 15:00 do venres 10 autobuses e 14 taxis

Foi tamén contra as nove cando puido ser retirada a árbore que caera sobre as vías en Ordes e que impediu o paso dos trens de media distancia procedentes da Coruña. Esta é unha incidencia semellante á acontecida en Neda, que obrigou a deter o Alvia que saíra de Ferrol con destino a Madrid, así como os comboios entre Ourense e Barra do Miño. Unha "avaría das instalacións entre Redondela e Vigo" ou demoras na contorna dos 45 minutos entre Ourense e O Carballiño completan un mapa que, no caso do 'Rexional' Vigo-Ponferrada, provocou que os pasaxeiros fosen desprazados en autobús, o mesmo que un Tren Hotel entre Monforte e Pontevedra

Ás tres da tarde Renfe informaba de que a liña Ourense-Vigo se mantiña "interceptada" por mor de "desprendementos de catenaria e caídas de árbores". No resto das liñas que transcorren por Galicia, di a empresa pública, os trens sofren atrasos xeralizados e "nalgúns casos" realízanse "transbordos por estrada". Para realizar estes "plans alternativos" a compañía contratou 10 autobuses e 14 taxis "ata o momento" e agrega, a través dun comunicado, que Adif está a "informar puntualmente" a través da súa web e das redes sociais.

Danos en Riazor e actividade educativa

A Xunta optou por manter as clases este venres e suspender as actividades educativas ao aire libre a partir das tres da tarde

Outras das incidencias máis rechamantes da noite produciuse no estadio de Riazor da Coruña, onde a intensidade do vento levou por diante parte das cubertas do estadio de Riazor, afectando especialmente ás zonas xeral e Marathon. Estes estragos e a adversa previsión meteorolóxica para o serán deste venres levaron o Deportivo, a LFP e o Concello a decidiren a suspensión do encontro.

Neste contexto a Xunta optou por manter a actividade nos centros educativos cunha única excepción: as actividades no exterior. Segundo un comunicado difundido pola Consellería de Educación, a programación tanto escolar como extraescolar ao aire libre fica suspendida a partir das tres da tarde deste venres, pero as clases impartiranse con normalidade durante o resto da xornada.

Alerta vermella no litoral, laranxa en terra

Todas estas incidencias son o resultado do achegamento a Galicia de dúas borrascas case seguidas que, informa Meteogalicia, "provocan moi malas condicións mteorolóxicas nas primeiras e nas derradeiras horas da xornada". Así, na franxa litoral das provincias da Coruña e Pontevedra mantense a alerta vermella ata as 3 da tarde, con ondas superiores a 8 metros. A partir desa hora a alerta pasará a laranxa e agárdanse tamén ondas de 6 a 8 metros; mentres, no litoral de Lugo a alerta é laranxa durante toda a xornada, con ondas de 5 a 7 metros.

A partir das seis da tarde chegará, segundo Meteogalicia, outro dos peores episodios do temporal. As predicións indican refachos de vento superiores aos 100 quilómetros por hora ata o remate da xornada e precipitacións de máis de 40 litros por metro cadrado en doce horas. Localmente, a chuvia podería superar os 15 litros por metro cadrado en só unha hora.

Horarios de tren condicionados polo temporal, na estación de Santiago Dominio Público @carnotan

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.