O MGSM responsabiliza os recortes da morte dunha paciente en Conxo

Hospital Médico-Cirúxico de Conxo © http://www.eduardogarciafortes.es

Nos últimos meses unha paciente da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo suicidouse. Ademais, outra denunciou ter sufrido unha agresión sexual. O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM), que leva anos criticando a degradación que sofre a atención en Galicia, responsabiliza do sucedido aos recortes de recursos e persoal e ás "formas de xestión sen planificación e obstaculizadoras da participación dos profesionais".

Nos últimos meses unha paciente da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica de Conxo suicidouse. Ademais, outra denunciou ter sufrido unha agresión sexual

O MGSM sinala que a política desenvolvida nos últimos anos "compromete a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes", o que segundo o Movemento se vén de confirmar cos recentes acontecementos, "cuestións de indubidable gravidade que deben entenderse no marco de deterioro" sinalado. "Diversos compoñentes da calidade asistencial na sanidade víronse afectados pola xestión que se fixo da crise económica", afirma a entidade, subliñando especialmente "as intolerables carencias na garantía de seguridade das persoas cando reciben atención sanitaria, a vulneración do seu dereito a tratamentos e coidados sanitarios acordes cos coñecementos actuais e en igualdade cos demais pacientes e usuarios, e o escaso respecto aos seus dereitos fundamentais e sanitarios".

O MGSM sinala que a política desenvolvida nos últimos anos "compromete a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes"

A plataforma lembra que leva tempo denunciando publicamente a "escasa dotación" da unidade de atención psiquiátrica, a "frecuente retirada do persoal de Enfermería da mesma para cubrir necesidades doutros servizos do mesmo hospital, tamén debilitados polos recortes de persoal", a "escasa actividade dos pacientes ingresados", a "carencia de Terapeuta Ocupacional no equipo", a falta de medios para a coordinación e elaboración de plans terapéuticos nos que participen e se coordinen todos os profesionais, e "a repetición de agresións ao persoal". 

"Quen ten a obriga de dirección e xestión nada fixo ante estas carencias e advertencias para corrixir o arriscado rumbo que se estaba a seguir", critica

"Quen ten a obriga de dirección e xestión nada fixo ante estas carencias e advertencias para corrixir o arriscado rumbo que se estaba a seguir", critica. O MGSM salienta que os acontecementos denunciados "non poden aceptarse silenciándoos ou permanecendo pasivos ante os mesmos, e menos aínda por profesionais da saúde mental. A sociedade ten dereito a saber o que ocorre nos servizos públicos que sustenta co seu esforzo". "Feitos así deben ser coñecidos publicamente, e tamén deben ser tratados polos responsables do SERGAS como graves indicadores de que algo vai moi mal na atención á saúde mental", engaden.

Para a súa prevención futura, o MGSM pide "a adopción de inmediato das medidas oportunas", recollendo as achegas dos profesionais, en particular de Enfermería, para a mellora da calidade da hospitalización psiquiátrica. Pola contra, rexeita que a solución pase por "meras medidas de reforzamento do control dos pacientes ou de aumento da coerción sobre os mesmos". "Esa prevención debe realizarse reforzando a finalidade terapéutica da hospitalización e o respecto aos dereitos fundamentais das persoas, dotando de profesionais suficientes e coa cualificación adecuada", subliña.

Destaca, especialmente, a necesidade de reforzar a Enfermaría e a Terapia Ocupacional e a adopción de "formas de traballo participativas e coordinadas entre todos os profesionais", definindo "protocolos e instrucións de traballo claras ante os potenciais riscos", e rexistrando documentalmente de xeito sistemático a actividade desenvolvida por todos os profesionais que prestan asistencia.

 

O SERGAS nega os recortes

O SERGAS nega que houbera unha "merma" de recursos ou de persoal

A Xerencia de Xestión Sanitaria de Santiago negou este xoves que houbera unha "merma" de recursos ou de persoal na área de hospitalización psiquiátrica, e sinalou que os medios son os "adecuados". Pola contra, o MGSM leva anos acusando a Xunta de seguir "criterios económicos e non clínicos" na saúde mental. A plataforma alertou en varias ocasións do peche de camas no Hospital de Conxo sinalando ademais que se estaban a limitar os ingresos psiquiátricos de pacientes en descompensación aguda e a precipitar as altas, "reducíndose temerariamente as estadías hospitalarias", buscando "ocupar un número menor de prazas, para que así se poidan soportar os recortes de persoal sufridos". 

"Noutros ámbitos os efectos dos recortes e da crise económica poden tardar máis tempo en manifestarse, pero na saúde mental o efecto prexudicial da crise é seguro e é importante" explicaba en entrevista con Praza Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico do CHUS e voceiro do MGSM, que reclamaba que "a atención á saúde mental debe ser prioritaria para as políticas sanitarias públicas".

Os feitos "son a expresión dos efectos que sobre os pacientes está a producir a política de austeridade", denuncia a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS manifestou este xoves a súa "alarma e indignación mais profunda" por uns feitos que "non son produto da casualidade ou do azar, senón que son a expresión dos efectos que sobre os pacientes está a producir a política de austeridade que desde o ano 2008 está a perpetrarse polas autoridades sanitarias no Sistema Público de Saúde". A entidade denuncia que "os pacientes ingresados nos servizos Psiquiátricos de Conxo sofren de forma permanente as carencias mais esenciais" e explica, por exemplo, que "o persoal especializado é manifestamente insuficiente" pois "para o conxunto do complexo e un total de 200 pacientes tan só hai 7 psiquiatras, algún dos cales vese obrigado a facer gardas no Hospital Clínico e no Gil Casares". "Este reducido cadro de persoal vese abrumado pola carga de traballo que soporta e que reverte na desatención e menor vixilancia dos pacientes e na insuficiente terapia rehabilitadora", engaden.

O BNG vén de solicitar a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, no Parlamento galego e a apertura dunha investigación inmediata por parte das autoridades sanitarias "para aclarar os feitos e as responsabilidades sobre os graves feitos".

 

Hospital Médico-Cirúxico de Conxo © http://www.eduardogarciafortes.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.