1865. É o número de núcleos de poboación que segundo o Nomenclátor de Galicia están deshabitados. A cifra crece ano a ano (incrementouse en 28 dende o ano 2015), elevándose un 40% na última década, pois o número de lugares abandonados era de 1.334 en 2006.
A este indicador poderíamos engadirlle o dos núcleos que conta con 1 ou 2 habitantes e que polo tanto están ao borde de quedar despoboados, sobre todo tendo en conta que en moitos casos se trata de residentes de idade avanzada. En Galicia hai 941 núcleos cun só habitante e 1.151 con dous, sumando case catro mil lugares (3.957), sobre un total de 30.922 núcleos de poboación. En 1999 eran 2.562 os núcleos con dous habitantes ou menos. E en 2006 a cifra ascendera a 2.913.
Lugo e A Coruña suman a maior parte destas aldeas abandonadas, tres de cada catro, en especial (como se pode ver no mapa que pecha este texto) nas súas serras septentrionais.
Ortigueira (117), As Pontes (83), Muras (53), Ourol (50) son os concellos con máis núcleos deshabitados. Na lista tamén destacan A Lama e Viveiro (42), Palas de Rei (38), As Somozas (34), Sober (33), A Cañiza e Vilalba (29) ou Friol e Pantón (27).
Hai un par de anos Carlos Neira levou a cabo un completo estudo e mapeado destes lugares. Naquela investigación, Neira salientaba que "o feito de que o tipo de hábitat dominante no surleste de Galicia sexa nucleado e non disperso, con tamaños medios de poboación maiores, reduce susbtancialmente o número de lugares e aldeas con risco de abandono nesa zona". "Por iso, en troques dun mapa de despoboación (perda de habitantes) sería máis atinado falar dun mapa de despoboamento (abandono de asentamentos), pois é nas provincias de Lugo e Ourense onde se concentra o declive demográfico de Galicia", engadía.
Tamén sinalaba algunhas cuestións metodolóxicas sobre o seu estudo, relacionadas co traballo sobre os datos do Nomenclátor, que parten dos rexistros do Padrón Municipal: "xa que son datos de persoas empradroadas, poden non corresponderse exactamente coa realidade física: hai persoas empadroadas en lugares onde xa non viven ou non o fan habitualmente, e tamén hai casas habitadas temporal ou permanentemente por persoas que non son viciños do concello". De igual xeito, "moitas aldeas non acadan a condición administrativa de núcleo de poboación, ou séndoo non están recollidas ou actualizadas debidamente no rueiros dos servizos estatísticos de cada concello".