Día da lingua materna: Apenas o 18% dos nenos e nenas aprende a falar en galego

Lingua na que aprenderon a falar (nenos e nenas entre 5 e 14 anos) Dominio Público Praza Pública

Este martes 21 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Materna, en recoñecemento do Día do Movemento pola Lingua, que se conmemora en Bangladesh desde 1952, cando varios estudantes morreron a mans da policía paquistaní durante as protestas en defensa do idioma bengalí. Neste 2017 a data está dedicada á educación plurilingüe. A declaración deste ano da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, incide en que "as linguas reflicten o que somos e estruturan os nosos pensamentos e identidades" e sinala que "non pode haber un diálogo xenuíno, nin unha cooperación internacional eficaz sen o respecto á diversidade lingüística, que abre paso á comprensión verdadeira de cada cultura". A declaración conclúe que "canto máis saibamos valorizar as linguas, máis ferramentas teremos para construír un futuro digno para todos".

A lingua materna (tamén chamada lingua de instalación, lingua natural ou lingua nativa) é o primeiro idioma que aprende unha persoa. Ata hai unhas poucas décadas, independentemente do idioma empregado no ensino ou dos hábitos lingüísticos posteriores, a lingua de berce, o idioma en que a inmensa maioría de nenos e nenas aprendían a falar era o galego. Isto comezou en tempos recentes, como amosan as cada vez máis preocupantes estatísticas. 

En 2013, segundo a Enquisa estrutural a fogares do IGE, tan só o 18,35% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos aprenderan a falar só en galego, cun rápido descenso dende o 32,43% de 2003. O 45,49% comezara a falar en castelán e un 31,46% nos dous idiomas por igual.

Unha realidade semellante á que amosaba a pregunta sobre a lingua empregada por pais e nais cos seus fillos e fillas. Tan só o 18,52% lles falaba sempre en galego, algo máis da metade que unha década antes. Pola contra, o 38,57% dos pais e nais fálalles sempre en castelán e outro 21,57% usa máis o castelán que o galego.

A pesar que nas últimas décadas son clara maioría os nenos e nenas que aprenden a falar en castelán, o galego segue a ser a lingua inicial para a maior parte da poboación (un 40,86%), fronte a un 30,88% que ten o castelán como lingua materna e un 25,26% que afirma ter sido educado nas dúas. En calquera caso, a realidade é moi distinta en función do hábitat urbano, vilego ou rural. Mentres nos concellos de menos de 10.000 habitantes, as persoas que aprenderon a falar en galego son clara maioría (62,68%), nas cidades esta porcentaxe descende ata o 23,94%

Neste outro gráfico vemos tamén as grandes diferenzas por áreas xeográficas, entre as comarcas urbanas e o resto do país.

Este mapa, finalmente, recolle os datos de uso do galego, concello por concello, presentes no último censo, correspondente a 2011. Unha boa parte das localidades que conforman Ferrolterra, as áreas metropolitanas da Coruña e Vigo ou a comarca de Pontevedra presentan cifras de galegofalantes inferiores ao 20 e ao 30 por cento. Outras áreas urbanas, de Santiago a Lugo e Ourense, móvense algo por riba do 40 por cento, Mentres, no resto do país a proporción de persoas que din falar sempre en galego é moi superior. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.