O MGSM denuncia "graves deficiencias" na hospitalización psiquiátrica da Coruña

Hospital Marítimo de Oza, na Coruña © Sergas

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) vén de denunciar "graves deficiencias" na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), ao que acusa de "incumprir as esixencias mínimas" que a Consellería de Sanidade "dispón para autorizar centros sanitarios" e que se "afastan" dos "estándares básicos de acreditación propostos" polo Goberno central.

O Movemento Galego da Saúde Mental denuncia que hai pouco espazo para actividades comúns e insuficientes profesionais

O MGSM explica, a través dun comunicado, que a unidade que denuncia está "fóra dun hospital xeral" e que "carece de suficiente espazo para as actividades comúns dos pacientes". Ademais, critica que o centro -situado no Hospital Marítimo de Oza da Coruña- ten "a metade de habitacións de tres camas" e "sen baño". Ao tempo, advirte de que tamén hai un cuarto para a contención mecánica na que poden coincidir homes e mulleres na que as tres camas existentes están separadas por cortinas. 

O MGSM denuncia tamén que a unidade da Coruña non ten os profesionais suficientes e denuncia que "a selección de facultativos de psiquiatría para a cobertura de prazas temporais" está caracterizada por unha importante falta de "transparencia".

"Dánase o dereito das persoas alí ingresadas a un tratamento en condicións de igualdade cos demais usuarios do Sergas", denuncian

Ademais, o Movemente urxe a que se corrixan todas as deficiencias e asegura que todo o denunciado é o marco no que non hai moito faleceu un paciente que se atopaba ingresado "en contención mecánica", ademais de ratificar, na súa opinión, "as discriminacións" que sofren os doentes ingresados". "Dánase nesta situación o dereito das persoas alí ingresadas a un tratamento en condicións de igualdade cos demais usuarios do Sergas, e o acceso das mesmas á prestación de asistencia sanitaria á saúde mental, axeitada aos coñecementos e medios terapéuticos actuais", rematan. 

Hai tan só unhas semanas, o MGSM -que leva anos criticando a degradación que sofre a atención en Galicia- responsabilizara os recortes e as "formas de xestión sen planificación e obstaculizadoras da participación dos profesionais" da morte dunha paciente en Conxo.

Hospital Marítimo de Oza, na Coruña © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.