Os membros da subcomisión da hepatite serán testemuñas na investigación aos cargos do Sergas

Intervención de afectadas pola hepatite no pleno do Concello de Vigo Dominio Público Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C

Os membros da subcomisión da hepatite C declararán como testemuñas na causa que investiga o subministro dos tratamentos para esta enfermidade e na que dous altos cargos da Xunta están investigados por supostos delitos de prevaricación e homicidio imprudente. O titular do xulgado de instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro, solicitou xa ao Sergas que identifique os integrantes da devandita comisión para que acudan a declarar. 

O xuíz pide ao Sergas que identifique os responsables de compras dos fármacos "tanto a nivel centralizado como hospitalario"

Nun auto de hai unha semana, o maxistrado pide ao Sergas que identifique os responsables das compras dos fármacos, tanto "a nivel centralizado como a nivel hospitalario", para que sexan chamados a declarar como testemuñas. O portavoz da plataforma galega de afectados pola hepatite C, Quique Costas, foi quen informou desta novidade na causa, que era xa prevista desde a última declaración dos dous altos da Xunta cargos imputados

O que fora director xeral de Asitencia Sanitaria do Sergas -e actual xerente da área sanitaria de Vigo-, Félix Rubial, e Carolina González-Criado, subdirectora xeral de Farmacia, aseguraran na súa declaración que a súa actuación fora "dilixente", que en ningún caso houbera "dilación" á hora de subministrar os medicamentos, ademais de sinalar precisamente os integrantes desa subcomisión que presidían.

A plataforma de afectados revelara a identidade dos membros da subcomisión hai dous anos

Fora a principios de 2015, cando as protestas por falta de medicamentos eran máis intensas, cando os doentes fixeron públicos os nomes dos membros da subcomisión da hepatite C. Ofreceran un prazo de dous días a Sanidade para que a fixese pública a lista dos médicos que decidía os destinatarios das menciñas. 

Segundo difundira a plataforma daquela, formaban parte desta subcomisión o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Ruibal; a subdirectora xeral de Farmacia do Sergas, Carolina Gon zález Criado; o xefe do Servizo Dixestivo do CHUAC, Juan Turnes; Ignacio Martín Granizo, médico do Servizo Dixestivo do CHUVI; Santiago Tomé Martínez, outro médico do Servizo de Medicina Interna do CHUS e membro da unidade de Patoloxía e Transplante Hepático de Galicia; Francisco Suárez López, médico do Servizo Dixestivo do CHUAC; Ángeles Castro Iglesias, profesora titular da Facultade de Ciencias da UdC e médico especialista en enfermidades infecciosas; Luis Margusino, farmacéutico hospitalario do CHUAC; e José Antonio Valcárcel Nogueira, do servizo de Calidade e Seguridade en meciamentos e produtos sanitarios, do servizo xeral de Farmacia e da dirección xeral de Asistencia Sanitaria.

Ante as que serán novas citacións, Quique Costas asegura estar satisfeito por unha "activación maior do procedemento" xudicial e advirte que haberá que ver agora se as declaracións implican que haxa novos imputados na causa e, sobre todo, se hai apertura de xuízo oral, algo que reclamará a plataforma. 

Lago Louro ordena tamén localizar as familias das seis vítimas para ofrecerlles que exerzan as accións legais que lles corresponden

Por outra banda, o xuíz Lago Louro tamén ordenou ás forzas de orde público que localicen as familias das seis vítimas polas que se abriu a causa xudicial para ofertarlles o exercicio das accións legais que lles corresponden. Xa tras a última declaración nos xulgados, Quique Costas amosou o seu pesar polo feito de que non puidesen estar presentes na vista as familias dos afectados a través da súa representación legal logo de que malia a petición da Fiscalía e da mesma plataforma, fosen rexeitadas como acusación particular. E lembraba que en delitos con vítimas de homicidio era "perceptivo" que se ofrecese poder exercer accións legais aos prexudicados directos, algo que non se fixo neste caso e que evitou que puidesen participar no interrogatorio aos investigados. 

Entrada dos Xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.