Os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2017 destinan case 266 millóns de euros aos concertos educativos con entidades privadas. A contía total incrementouse un 12% nos dous últimos exercicios, dende os 236,6 millóns de 2015, rachando unha tendencia de estabilidade ou descenso nos anos anteriores (dende os 258,3 millóns de 2009 e 259,5 millóns de 2010).
A contía total incrementouse un 12% nos dous últimos exercicios, dende os 236,6 millóns de 2015
Os cartos públicos que reciben os centros concertados son unha das críticas que motivan a folga educativa convocada para este xoves 9 de marzo. A este respecto, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denuncia que coa LOMCE "a privatización continuará mediante os concertos en todos os ámbitos educativos e o ensino será cada vez máis elitista e segregador". E esixe "a eliminación inmediata das subvencións aos centros que segregan alumnado por razón de xénero, co obxectivo de suprimir os concertos no ensino non obrigatorio e continuar co resto dos concertos educativos para conseguir unha única rede, a pública".
"A escola concertada non é subsidiaria da educación pública, senón que é exerce unha competencia directa patrocinada desde as administracións educativas públicas"
De igual xeito, hai dous días Xabier Ron e José Javier Cuenca denunciaban neste artigo que "a escola concertada non é subsidiaria da educación pública, senón que é exerce unha competencia directa patrocinada desde as administracións educativas públicas". E cualificaban os concertos como "unha anomalía que contribúe a desbaldir a capacidade do ben común para enriquecer intereses privados", unha anomalía "que responde á negativa herdanza da ditadura franquista" e que "manifesta os intereses de clase da institución católica e relixiosa en xeral".
Na actualidade estudan en centros privados non universitarios algo máis de 99 mil alumnos e alumnas en Galicia, fronte a 288 mil que o fan en centros públicos. Mentres que o alumnado en centros privados se mantivo estable e mesmo descendeu (eran 103 mil en 2005), os e as usuarias dos da pública manteñen unha tendencia á alza. En cambio, a cifra de unidades educativas en centros privados incrementouse dende 2009 (pasaron de 4.582 a 4.603 en 2015) e as unidades en centros públicos reducíronse (de 14.541 en 2009 a 14.267 en 2015).
No seu artigo, Ron e Cuenca concluían demandando que de forma urxente o Goberno galego "proceda a realizar unha auditoría dos centros privados concertados para verificar que non compite cun centro público da mesma localidade ou contorna. En caso de que sexa un centro competidor debe procederse a anular o concerto educativo".
O pasado ano o Goberno portugués reduciu un 60% as subvencións públicas aos centros de ensino do país que ata entón mantiñan concertos co Estado (un total de 79), sinalando que nas zonas nas que operaban esas empresas había centros públicos suficientes con capacidade para absorber o alumnado.
Concertos con centros que segregan por sexo
Feijoo lembrou que “todos os gobernos da Xunta mantiveron concertos cos colexios concertados sen variacións, todos”
Feijóo foi preguntado este xoves, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, como pode ser compatible a aposta pola igualdade co mantemento dos concertos a centros que segregan o alumnado polo sexo. O presidente lembrou que “todos os gobernos da Xunta mantiveron concertos cos colexios concertados sen variacións, todos”, e engadiu que “ou todos estamos equivocados, todos os partidos que gobernamos en Galicia, o BNG, o PSOE e o PP, ou me parece que é unha proposta sorprendente, porque cando se puido facer non se fixo”. Feijóo rematou coa seguinte argumentación: “nós cremos na igualdade, e a igualdade supón liberdade, e a liberdade e a igualdade é bo combinalas, porque se a igualdade rexeita a liberdade e a liberdade rexeita a igualdade, nin é liberdade, nin é igualdade”.