0 Gardados para despois

Rafael Bárez: O silabario da dignidade

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Rescatando este documento estamos enarborando a bandeira da liberdade e da decencia. Estámoslle entregando ás novas xeracións unha especie que silabario que ten que ver coa dignidade". Así presentou o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, Poemas del diez de marzo (escritos en la cárcel), o libro escrito por Rafael Bárez na cadea da Coruña en 1972 e que vén de ser editado por Alvarellos. Foi no marco do acto de homenaxe a Bárez que este xoves encheu o Teatro Rosalía de Castro, organizado por Proxecto Cárcere e a Revista Luzes.

Bárez (Cambre, 1946-A Coruña, 1996), avogado, militante comunista e concelleiro de Urbanismo no goberno de Domingos Merino (1979-1981), pasou nove meses na antiga prisión provincial, tras ser detido en Ferrol en marzo do 72. A homenaxe, unha verdadeira noite de fraternidade, serviu tamén como acto de conmemoración do Día da Clase Obreira Galega. "O 10 de marzo de 1972 foi un día de barbarie, pero hoxe tornouse en dignidade e loita obreira", salientou o alcalde Xulio Ferreiro, que abriu o evento.

Hai tan só uns meses a compañeira de Bárez, Toya Fernández, atopou na súa casa un poemario inédito, escrito a máquina, que recollía os textos escritos por el na cela (a número 17 da galería 5) que compartía co actual senador Vicente Álvarez Areces (detido tamén nese momento, nunha manifestación convocada en Compostela en solidariedade cos mortos, feridos e detidos en Ferrol). O libro, que acaba de ver a luz nunha coidada edición, con deseño de Pepe Barro e colaboracións de Manuel Rivas, Xesús Alonso Montero, Vicente Álvarez Areces e o historiador José Gómez Alén, contou coas achegas de 400 persoas e colectivos, que apoiaron o proxecto nunha ampla e exitosa campaña de subscrición.

Na súa intervención no acto, Álvarez Areces destacou que "o 10 de marzo de 1972 foi un antes e un despois na historia de Galicia" e reivindicou que “a Transición non foi un agasallo de ninguén, non foi pacto. A Transición foi unha loita, foi unha conquista social, cun desexo inmenso de reconciliación de país”. O ex presidente asturiano salientou que “neses anos aprendemos que a loita é o motor da vida. Remate en vitoria ou remate en fracaso. Aprendemos que nunca hai un final, que o segredo é o camiño, a propia loita. Rafa tiña iso interiorizado”. E lembrou a loita obreira desenvolvida por José María Riobó, Manuel Amor Deus, Rafael Pillado, Paco Filgueiras, José Loureiro Lugrís, Paco Balón, Julio Aneiros "e tantos outros". "Eses son os nosos heroes. Non se pode construír unha sociedade sen o rescate dos heroes e heroínas. Non se pode construír unha sociedade sen rescatar esa memoria e convertela en ferramenta de futuro. Somos a pegada que deixamos", concluíu. Tamén Xesús Alonso Montero salientou que “o 10 de marzo de 1972 debería estar no corazón do pobo galego como o primeiro grande acontecemento contra o franquismo, cando miles de traballadores dos estaleiros querían firmar convenios que fosen menos gravoso que os que viña rexendo a súa actividade. Durante uns días, a clase obreira gobernou a cidade de Ferrol”.

“O 10 de marzo de 1972 debería estar no corazón do pobo galego como o primeiro grande acontecemento contra o franquismo"

Pola súa banda, a historiadora Carmen García-Rodeja salientou que no proxecto Memoria do Cárcere, que recolle a historia (e as historias) das persoas que foron recluídas na antiga prisión provincial, "interpelamos os muros do penal da Coruña e fóronnos contando historias tristes de represión e se dor, pero tamén relatos de solidariedade e de axuda mutua. Dentro das paredes do cárcere escribíronse cartas, fixéronse obras de teatro, deseñáronse casas e escribíronse libros coma este".

"Dentro das paredes do cárcere escribíronse cartas, fixéronse obras de teatro, deseñáronse casas e escribíronse libros coma este"

Os poemas de Rafael Bárez eran en certa maneira a forma que tiña de ser libre naquela prisión, reivindicando a humanidade e a dignidade do ser humano no medio da represión. “Agora sei que non estabamos totalmente indefensos. Nalgún recanto da súa terra escondida, Rafael Bárez tiña un arsenal serodio, un depósito de humanidade que levedaba dende 1972”, sinalou Manuel Rivas. "Escribindo facíase libre, ninguén podía intervir na súa liberdade de escribir e unir palabras", dixo Alonso Montero. "Poden privarche da liberdade de movemento pero nunca da liberdade de pensar como un home libre”, destacaba esta semana Toya Fernández, compañeira de Bárez, e responsable de que este libro puidese ver a luz.

Nos propios textos de Bárez obsérvase permanentemente aquel desexo de liberdade (“Mi cama es como un tren rumbo hacia el sueño que parte de la cárcel cada noche” ou "Reivindico el derecho a hablar de primavera")  e a conciencia de que os versos eran un arma contra a opresión (“Venid a registrarme. Llevo dentro un arsenal secreto de poemas”). Ou aquel no que Bárez reflexiona sobre a necesidade de fugarse da cadea a través da poesía e doutras actividades: “Cada cosa que aprendo los socava (...) Mata el tiempo. Una postal antigua es un paisaje. Con un palo de escoba, haz una planta (...) Fugate de la carcel cada dia. O el tiempo o tú. Elige, prisionero”.

"Poden privarche da liberdade de movemento pero nunca da liberdade de pensar como un home libre”

Os versos foron recitados so longo da noite por amigos, amigas, persoas que tamén estiveron na antiga prisión da Coruña (coma o propio Rafael Pillado ou Celsa Díaz Cabanela (encarcerada con 17 anos e defendida precisamente por Bárez no seu xuízo), nunha homenaxe na que Miro Casabella, Natalia Lamas e Extrema Urgencia puxeron a música.

Noutros poemas Bárez facía referencia á loita obreira e a actividade política contra a vella ditadura: “Cansancio y opresión ya tienen rostro, tu enemigo es el hombre y no la máquina (...) Hay conciencia de clase y plusvalía, hay fascismo, también hay democracia. Hay hombres que luchan por lo suyo, y hay cobardes que callan y se aguantan”. E, igualmente, “Paraste también tú, no pasó nada. Te temblaban las piernas, sudor frío. Fun la primera vez, eso se pasa. ¿Lo ves? Tus compañeros han sido readmitidos. Unión no es sólo una palabra. Si estáis unidos, entonces tenéis armas. He aquí lo que aprendió temblando un poco aquel joven obrero una mañana". Noutro dos poemas escribía: "Quisiera darte, niño un futuro sin rejas, sin cadenas, sin puertas, sin cerrojos, sin muros y sin verjas”.

 

De avogado a concelleiro

Este martes, na presentación da homenaxe, Manuel Rivas destacaba que ía ser "un acto histórico" porque "remite a un feito que abaneou un réxime autoritario, e reactiva así o acordo secreto entre xeracións, que é a loita pola liberdade e a xustiza”. “Que renaza nestes tempos, dálle esa forza ao rescate da obra poética, como unha segunda vida de Bárez e de todas as persoas que loitaron con el, e non só pola condición de avogado no medio do furacán, senón por ser o mellor xestor de Urbanismo esta cidade tivo en tempo de democracia e que, tendo un compromiso partidario, soubo ser un representante de todo o pobo”, engadía. Unha idea na que incidiu José Manuel Sande, concelleiro de Culturas: “El foi o promotor e figura dun modelo urbanístico para o municipio que despois foi traizoado”.

Manuel Rivas: “Que renaza nestes tempos, dálle esa forza ao rescate da obra poética, como unha segunda vida de Bárez e de todas as persoas que loitaron con el"

Bárez foi concelleiro de Urbanismo no Goberno de Domingos Merino (1979-81), despois de ter liderado a candidatura do PCG nas eleccións municipais de 1979 baixo o lema “Salvar A Coruña para os veciños: Honestidade, eficacia, transparencia”, coa que a formación obtivo dous edís (Bárez e Antonio Remeseiro). Levaba xa máis dunha década militando no partido, mesmo antes de rematar a carreira de Dereito. En 1970 instálase en Ferrol, onde comeza a exercer como avogado laboralista. Detido en marzo de 1972, e despois de tres días sufrindo interrogatorios -obrigado a permanecer de pé, sen descansar nin un só minuto durante máis de cincuenta horas ata caer desfalecido- ingresa na cadea durante nove meses.

Abandonada a primeira liña política, seguiu exercendo a avogacía, moi preocupado pola defensa dos dereitos humanos e pola mellora e democratización da administración da xustiza, denunciando a deriva mercantilista dun traballo que para el tiña unha clara función social, como destaca o perfil publicado en Memoria do Cárcere.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.