Representantes de Narón, Neda, Fene, Pontedeume, Miño, Betanzos, Cambre, A Coruña e Ferrol participaron este luns na cidade naval nunha xuntanza convocada para conformar unha fronte común na defensa da liña ferroviaria que enlaza estes concellos. Un servizo que é "sistematicamente relegado, cando non esquecido, en todos os proxectos de infraestruturas dos Goberno central ante a pasividade perpetua da Xunta", segundo denunciou o alcalde ferrolán -Jorge Suárez-. A pesar de que esta liña dá servizo a preto de medio millón de persoas (sumando a poboación dos concellos polos que pasa), seu número de frecuencias diarias (apenas seis) e a súa duración (superior a unha hora, o dobre que o mesmo desprazamento en autobús) fan que o ferrocarril entre as dúas cidades non cumpra a súa función.
Os nove concellos demandan accións inmediatas para mellorar o servizo, con máis frecuencias e menor duración do traxecto, de cara a conformar nun futuro próximo un verdadeiro tren de proximidade
Os nove concellos participantes asinaron unha declaración institucional na que demandan accións inmediatas para mellorar o servizo, con máis frecuencias e menor duración do traxecto, de cara a conformar nun futuro próximo un verdadeiro tren de proximidade. Na xuntanza tamén participaron Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, deputados de En Marea no Congreso, e tamén Ángel Mato, senador do PSdeG-PSOE.
A declaración sinala que "Goberno tras goberno, e mandato tras mandato, a conexión ferroviaria entre estas dúas urbes do Eixo Atlántico no Norte foi a gran esquecida en todos os plans de inversións e infraestruturas, no que supón un desprezo sistemática a esta comarca e aos seus veciños, aos que nos temos a obriga de representar e defender". Os e as asinantes piden, de maneira urxente, un "incremento de frecuencias que compatibilice os servizos ferroviarios coa vida laboral e estudantil da veciñanza das nosas comarcas". Así mesmo, "a mellora das estacións intermedias facilitando a combinación axeitada cos servizos ferroviarios de FEVE e co transporte público en autobús". Igualmente, "un plan de fomento intensivo do seu uso, con bonificacións que poidan facer atractivo o servizo" e a inclusión da liña ferroviaria no Plan de Transporte Metropolitano. E, finalmente, melloras puntuais da infraestrutura "como a eliminación do bypass de Betanzos ou a mellora de puntos concretos do trazado que permitan reducir os tempos da viaxe".
A medio prazo, o obxectivo dos concellos participantes é acadar "un tren de proximidade digno" que "non deixe a comarca fóra do Eixo Atlántico" e que combine "os servizos directos con servizos con paradas intermedias". Calculan que este obxectivo sería posible cun investimento total de 500 millóns de euros e permitiría que a duración da viaxe sen paradas entre Ferrol e A Coruña quedase reducida a 25 minutos. Lembran que o tren de proximidade "xa estivo no Convenio da Xunta co Ministerio de Fomento no ano 2000" e que a pasada semana aprobouse por unanimidade no Parlamento galego unha proposición do PSdeG-PSOE que pedía melloras nesta liña de cara a facer realidade a conexión directa entre as dúas cidades.
Un tren "público, social e de calidade"
Dende hai anos a Plataforma en Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas vén reclamando a posta en marcha dun tren de proximidade nestas comarcas, reclamando un ferrocarril "público, social e de calidade". Galicia é a única comunidade autónoma litoral sen este tren de proximidade, que se traduce en máis frecuencias diarias, mellor servizo e prezos máis reducidos. O pasado ano a plataforma impulsou mocións nos concellos afectados, apostando polo fomento do transporte público colectivo que, ao tempo, permitiría "a redución do número de vehículos privados" nas estradas e nas rúas das cidades.
A plataforma demanda a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña-Ferrol aumentando "os horarios e as frecuencias para facelo socialmente rendíbel e economicamente viábel"
"O uso do tren e do transporte público é a mellor alternativa á saturación das infraestruturas propias e o alto impacto ambiental negativo que provoca a promoción do vehículo privado como principal medio de desprazamento entre os concellos da comarca da Coruña e das Mariñas", salientan. E apostan por "favorecer a intermodalidade do transporte público, principalmente a complementariedade entre o ferrocarril e o transporte público colectivo por estrada".
A entidade lembra que "o ferrocarril convencional é o medio de transporte social por excelencia, que presta un servizo ao alcance de toda a sociedade. É respectuoso co medio natural e favorece a integración e vertebración territorial" e aposta polo tanto por realizar investimentos neste ferrocarril convencional "para recuperalo do seu prolongado abandono". Entre outras medidas, pide actuacións dirixidas á mellora das liñas (electrificación, duplicación de vías e mellora de trazados), modernización dos sistemas de seguridade e sinalización, aumento de frecuencias e recuperación de servizos e infraestruturas, rexeitando "a política que impón o modelo AVE".
"O uso do tren e do transporte público é a mellor alternativa á saturación das infraestruturas propias e o alto impacto ambiental negativo que provoca a promoción do vehículo privado"
A plataforma demanda a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña-Ferrol aumentando "os horarios e as frecuencias para facelo socialmente rendíbel e economicamente viábel" buscando "consolidar unha liña actualmente ameazada e que deberá dar servizo de calidade a zonas densamente poboadas como O Burgo, Cambre, Betanzos ou Pontedeume". Así mesmo, reclama dotar de conexión ferroviaria a puntos coma o aeroporto de Alvedro, o campus universitario, o CHUAC e "de xeito especial e urxente" ao Porto Exterior de Punta Langosteira. Igualmente, propoñen construír novas estacións e apeadeiros "naquelas poboacións da comarca onde o crecemento demográfico que se produciu o xustifica para seren utilizadas como servizo de proximidade: A Barcala, As Xubias ou Guísamo.
Traxecto | Frecuencias | Duración | Distancia | Prezo | Poboación |
---|---|---|---|---|---|
A Coruña-Ferrol | 6/día (L-S) 5/día (D) | Entre 1:06 e 1:40 | 68 kms | Entre 6.10 e 15.40€ | 473.000 |
A Coruña-Betanzos (Infesta) | 9/día (L-S) 8/día (D) | Entre 0:23 e 0:30 | 23 kms | Entre 3.20 e 10.90€ | 324.000 |
Pontedeume-Ferrol | 6/día (L-S), 4/día (D) | Entre 0:20 e 0:23 | 18 kms | Entre 2.25 e 11.40€ | 140.000 |
Número de frecuencias, tempos e prezos existentes na actualidade