A Xunta delega en familias e docentes a suspensión das clases polas nevaradas

Máquina quitaneves da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Un total de 7.918 estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria de 177 colexios e institutos non asistiron este mércores a clase en Galicia "por mor das condicións meteorolóxicas". En ningún deles, non obstante, estiveron formalmente suspendidas as clases, toda vez que a Consellería de Educación, como en anteriores episodios meteorolóxicos adversos, deu en delegar en docentes e familias a iniciativa de paralizar ou non a autoridade docente. Si ditaminou, non obstante, a suspensión do transporte escolar dende a mañá deste mércores, o que nun bo número de concellos provocou que o alumnado dispuxese de autobús de ida, pero non de volta.

Despois de que a confusión reinase durante boa parte da tarde da xornada do martes -a Xunta viuse obrigada a emitir unha "nota aclaratoria" ao respecto ás oito da tarde, horas despois do primeiro aviso- o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicou este martes a preguntas da prensa o porqué da posición gobernamental. A Administración autonómica, indica, guíase polos avisos que fixa a Axencia Estatal de Meteoroloxía e non Meteogalicia: "A alerta ten unha franxa horaria que non fixa a Consellería, fíxaa AEMET", evidencia.

Román Rodríguez: "Se unha familia coñecedora deste feito decide enviar os seus fillos ao colexio ten que ser consciente de que ten que articular un sistema de recollida"

Neste contexto, o titular de Educación ratifica que o seu departamento fixou a suspensión da circulación de autobuses por "seguridade", cinguíndose aos horarios das alertas meteorolóxicas e non aos dos centros educativos. "Se unha familia coñecedora deste feito decide enviar os seus fillos ao colexio ten que ser consciente de que ten que articular un sistema de recollida", xa que o autobús non circula. Igualmente, o departamento autonómico indicou que se nalgunha localidade o "risco" é "superior" ao previsto, a dirección de cada colexio "poderá adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior ou as extraescolares".

Acusacións de "improvisación"

O mantemento das clases e o xeito en que foi xestionada a suspensión do transporte escolar deu lugar a críticas de "improvisación" dende a comunidade educativa. Así, a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, lamenta que "a Consellería actúe máis unha vez de maneira irresponsábel e non comunique a súa decisión con tempo suficiente", o que supuxo que "moitas familias non coñecesen" que os buses non ían estar dispoñibles esta este mércores, cando foron facer uso deles.

A CIG-Ensino ve "inaceptábel" que a Xunta "traslade a súa responsabilidade" e ao tempo "contemple transporte escolar só de ida e non de volta"

"Vimos demandando -di o sindicato- dende hai tempo que se negocie un protocolo de actuación ante a previsión de diferentes fenómenos meteorolóxicos adversos" e que "non se traslade a responsabilidade ás direccións dos centros", xa que "é inaceptábel" que "ante un tema de seguridade para a integridade física, a Consellería non actúe con coherencia e non asuma as súas responsabilidades para garantir a seguridad de toda a comunidae escolar". Do mesmo xeito, agregan, "non é de recibo que se contemple transporte escolar só de ida e non de volta" e, ao fío desta decisión, "non se suspendan as clases".

Nun sentido semellante, o sindicato STEG considera "absurdo e irresponsábel" o "proceder" da Consellería co transporte mentres "delega en centros e familias" a decisión final sobre as clases. "Resulta paradoxal esta arbitrariedade sobre o concepto de seguridade" e que a Consellería "non teña problema ningún en prescindir" dela "en relación co alumnado" e o persoal dos centros de ensino, din.

Concellos afectados pola suspensión do transporte escolar
Do día 22/3/2017 ás 12:00 ao día 23/3/2017 ás 12:00
A Coruña
Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes, Santa Comba, Santiago, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val Do Dubra, Vedra, Vilasantar.
Lugo
Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Portomarín, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba, Xermade, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober, Taboada
Ourense
Amoeiro, Avión, Beariz, Boborás, O Carballiño, Coles, O Irixo, Maside, A Peroxa, Piñor, San Cristovo de Cea, Vilamarín
Pontevedra
Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces
Do día 22/3/2017 ás 8:00 ao día 23/3/2017 ás 12:00
Ourense
Allariz, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Celanova, Cualedro, Entrimo, Gomesende, Laza, Lobeira, Lobios, A Merca, Monterrei, Muíños, Oímbra, Paderne de Allariz, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Verín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía.
Do día 22/3/2017 ás 00:00 ao día 23/3/2017 ás 12:00
Lugo
Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso Do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela.
Ourense
O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, Riós, San Xoán de Río, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo.
Do día 22/3/2017 ás 9:00 ao día 23/3/2017 ás 9:00
Ourense
O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras

Fonte: Consellería de Educación

Rodríguez, este mércores nun acto público © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.